Final de finais

Este domingo chega a mellor final da fin de semana. Espanyol B e Compos loitarán en 90 minutos por un posto na Segunda B e desfrutar dunhas boas vacacións doutra categoría un mes antes que o perdedor. Un partido, unha final, onde dar o dous centos por cento, cun premio final polo que loitaron durante meses e que merecen ámbolos dous conxuntos.
Logo da ida en San Lázaro, a Ciutat Esportiva Dani Jarque abrirá as súas portas para recibir un partido onde ningún chega con vantaxe no marcador, cos nosos algo máis favorecidos logo de non recibir goles na casa puidendo conformarse cun empate con goles en terras catalás.


Un local invencible. Un visitante envexable.
Coñecido o gran traballo do filial perico ao longo da tempada, hoxe hai que falar un pouco do seu traballo cando traballan ante a súa afección. Líderes en tódolos aspectos no seu grupo, os de David Gallego e Carlos Castro, foron invencibles na súa casa ao longo da tempada sen perder nin un partido oficial dende o mes de maio do ano pasado, cando caeron diante do filial do Barcelona. Unha tempada completa sen perder na casa e deixando saír só 4 puntos con dous empates xa coa liga gañada. 
Non obstante, o Compos non se queda atrás cando sae de Santiago. Cunha afección que convertiu cada campo nun pequeno San Lázaro, os de Yago Iglesias sumaron 13 vitorias e, ao igual que os pericos, 4 empates. A diferenza atópase nas derrotas na Magdalena e na Lomba de Ponteareas, dous campos complicados nos que tampouco foi quen de gañar o Bergantiños. 

Tres de catro.
Como xa ben dixemos antes, o Espanyol B empatou na casa en catro ocasións na tempada regular. Deses catro empates, ao Compos serviríanlle ata tres xa que non precisa da vitoria para acadar o ascenso. Tanto o 2-2 contra o Terrassa e Reus B coma o 1-1 que encaixaron diante do Prat farían que a Esedé volvera a Galiza sendo doutra categoría. 
Ademais, os nosos empataron noutras catro ocasións a domicilio co resultado, sempre por 1-1. O marcador máis repetidos lonxe de San Lázaro polos nosos, ao igual que o 0-1, sería máis que válido para un Compos que non está obrigado a gañar para ascender, servindo un empate con goles. 

Mala visita. 
Ao longo da historia, dende 1991, o Compos xogou un total de 30 partidos en terras catalás cun resultado en xeral que deixa moito que desexar. De feito, desas saídas, só 6 remataron en vitoria mentres que outros 5 puntos viaxaron cara Santiago en forma de empate. Non hai máis que dicir para ver que non é un destino moi favorable para os nosos.
En Palamós, Sabadell, contra o filial do Barcelona, o Espanyol e o Lleida, en dúas ocasións, caeron os tres puntos entre a Segunda e a Primeira división, nos 90 e comezo do novo século sendo o Camp Nou e o Olímpico de Terrassa os únicos campos nos que non puideron puntuar. 
Sen precedentes contra o Espanyol B, ante o primeiro equipo contamos con 6 precedentes e resultados negativos. En catro ocasións os tres puntos quedaron en terras barcelonesas mentres que só 4 puntos chegaron a Santiago grazas a un empate en 1996 e un triunfo un ano despois grazas aos goles de Ohen e Fabiano. 

Santi, dúbida.
A día de hoxe, despois dunha semana de preparación, a dúbida para o partido é Santi. O dianteiro branquiazul, que se mancou no Carballiño, non puido estar ante o Choco nin na ida da promoción de ascenso e podería chegar, con algún que outro problema, a este partido para o que Yago terá que facer dous descartes para un partido no que se sentarán no banco de suplentes ata sete xogadores. 

Comamos noutra categoría. 
O partido está marcado para o domingo ás 12 da mañá na Ciutat Esportiva Dani Jarque, en Sant Adrià de Besòs. Unha citas ás aforas de Barcelona que ninguén se debería perder e para a que os aboados locais terán entradas de balde para a zona xeral do campo mentres que terán que pagar 5 euros na Tribuna. Pola súa parte, as entradas para non aboados estarán a un prezo de 10 euros para o público xeral e 15 na bancada de Tribuna. A afección que vaia dende Santiago terá unha zona específica na bancada.
Para os que non poidan asistir ao encontro, poderá verse en directo a través da segunda canle da TVG. Ademais, poderá seguirse a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario