Un Compos metido nunha xeira envexable chega ás portas da promoción de ascenso co traballo feito e a oportunidade de seguir unha festa que comezou no Carballiño. Un campión que, nove anos despois, pode celebrar un campionato en San Lázaro unha semana despois de asinalo en Espiñedo. Unha cita que servirá, ademais de para seguir coa primeira celebración, para probar cousas novas de cara á promoción de ascenso, que arrincará a vindeira fin de semana.
Nun partido sen nada en xogo e no que se espera un gran ambiente nas bancadas de San Lázaro, o rival será o Choco. Coa única intención de pechar o curso na parte media alta da clasificación, os redondeláns visitarán un campo no que, dende o mes de novembro, só se viu un gol en contra, o que supuxo o triunfo do Bergantiños o pasado mes de febreiro.
Obxectivo máis que cumprido.
Un dos equipos históricos do fútbol galego. Competindo por ascender á Segunda B hai dúas e tres tempadas, pechando ámbolos dous cursos na cuarta posición, os redondeláns pelexarán este domingo por mellorar a décima posición acadada o ano pasado nun campo onde podería mellorarse a entrada do visto durante o ano.
O cadro de Santa Mariña, que pechou o obxectivo da permanencia sen problemas, suma a día de hoxe 56 puntos. 16 triunfos, 8 empates e 13 derrotas. Un equipo frouxo a domicilio e que anotou un total de 48 goles recibindo outros 43.
Lonxe de Redondela, a metade das súas saídas remataron con derrota gañando noutras 6 ocasións, entre as que salientar os triunfos nas Eiroas e na Grela, e empatando en Ponteareas, Negreira e Barbadás. 21 puntos de 54 posibles para un equipo que non gañou lonxe da casa nos primeiros dous meses de liga.
A nivel individual, nun equipo con xogadores importantes coma Rubén Comesaña ou Pablo Couñago, salienta a figura de Antón Escobar. O dianteiro de Nigrán, formado na base do Celta, estreouse na súa primeira tempada no fútbol semi-profesional nas filas do Choco facéndose coa titularidade e anotando un total de 10 goles convertíndose no máximo goleador dos seus.
1 gol en medio ano.
San Lázaro foi un fortín durante todo o ano mais dende o mes de novembro só se caeu nunha ocasión encaixando, ademais, o único gol en todo este tempo. Dez vitorias e unha soa derrota, diante do Bergantiños, que serviron aos nosos para confirmarse no máis alto da clasificación convertindo o teatro dos soños branquiazul nun imposible para calquera equipo que o visita, con dous encontros moi importantes na casa por diante.
Dez vitorias nos últimos once encontros avalan a un Compos que, despois do Bergantiños, é o mellor local da categoría. Ademais, dende novembro, celebráronse 26 goles locais en Santiago e só un en contra, o anotado polo equipo carballés.
Agora, ademais do Choco, haberá unha cita máis, a máis importante, para manter este bo momento. Será na promoción de ascenso ante un rival aínda por coñecerse.
Quinta ocasión.
Compos e Choco enfrontáronse en Santiago en catro ocasións ao longo da historia, coas tres primeiras citas nos anos 60. Un enfrontamento que deixa en moi bo lugar ao Compos gañando en tres citas e empatando na cuarta, a pasada tempada, engadindo ademais que os redondeláns só anotaron o curso pasado.
Dez goles en tres partidos serviron para abrir a historia entre os dous equipos, entre 1964 e 1965. En 2017, as cousas non foron tan positivas para os nosos. Compos e Choco empataron a dous goles, obra de Santi e Diego Rey para os nosos e do actual xogador branquiazul Róber por partida dobre.
A todo iso hai que engadir o que pasou na primeira volta, no mes de decembro, en Santa Mariña. Tomás e Primo asinaron os dous goles da vitoria mentres que Pablo Couñago fixo o tanto local no engadido.
Un bo final.
Os dous equipos buscarán pechar a tempada do mellor xeito posible, cun resultado favorable que mellore o feito a pasada fin de semana. O Choco quere a súa segunda vitoria consecutiva mentres que o Compos, que non pode chegar en mellor estado á promoción, quere encadear a súa sétima vitoria consecutiva e undécima xornada sen perder.
O Choco chega a este final despois de superar a un Barbadás que pelexará a vindeira tempada por volver á Terceira división. Remontando un gol de Martín grazas aos tantos de Ricar e Pablo Couñago, conseguiron superar unha xeira de catro xornadas consecutivas sen gañar.
Pola súa parte, o Compos ven de gañar ao Arenteiro cun gol de Róber aos cinco minutos aumentando unha xeira case tan positiva coma a que axudou hai uns meses a acadar o primeiro posto, antes de perder na Lomba ante o Cultural Areas.
Trocos.
Para este domingo, Yago Iglesias contará con dúas baixas aseguradas por lesión. Diego Rey e Santi, mancado en Espiñedo, non poderán estar nesta despedida e son dúbida para a promoción de ascenso. A eses dous, haberá que engadir a xogadores coma Primo, apercibido de sanción e que se perdería a ida da promoción de ver un novo cartón. Ao cántabro haberá que engadir outras pezas importantes que poderían descansar este domingo.
Espérase un bo ambiente.
Para este derradeiro encontro de liga, co que se podería despedir a Terceira división, San Lázaro abrirá as súas portas o domingo ás 18 horas. Un partido para o que, durante toda a semana e ata o sábado ao mediodía, hai unha oferta pola que cada socio pode retirar dúas entradas totalmente de balde para acompañantes nas oficinas. Por contra, as entradas para o público xeral terán un prezo habitual de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces de entre 13 e 17 anos e de balde para menores de 12 anos.
Quen non poida achegarse a San Lázaro poderá seguir o partido a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, ou ben na conta oficial de Twitter do clube. Tamén se poderá escoitar en directo por 'Esedé Radio', na web oficial do Compos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario