Chega o fin... e xa somos campións! Remata unha liga na que queda moito en xogo despois dunha penúltima data moi completa e que deixa un posto para a promoción aínda sen dono e unha loita entre catro equipos por un posto que, polo momento, permite soñar cunha permanencia da que agora dependen dalgún ascenso á Segunda B.
Xa é oficial.
O triunfo ante o Villalonga deixou aos nosos a un punto de ser campións de xeito matemático. Un punto necesario pero tres que aumentaron a conta particular dun Compos que superou os seus números da tempada 2008/09, na que foi campión da Terceira por última vez. En Espiñedo, contra un Arenteiro pendente dos arrastres, o cadro dirixido por Yago Iglesias non perdoou e, cun gol de Róber, chegou ese tan desexado como merecido premio con noventa minutos por diante para pechar a liga.
Quedou ás portas un Bergantiños que xogará a primeira rolda do campionato diante dun cuarto clasificado. Os de Carballo pecharán a tempada regular no segundo posto e a un gran nivel despois de superar ao Laracha a domicilio nun bo derbi. Rubén Rivera e Borja Facal puxeron terra por medio a prol dos carballeses mentres que Miguel Taibo recortou diferenzas para os locais. Iago López, xa no engadido, pechou a vitoria visitante.
E outro que certificou a súa presenza na promoción de ascenso, neste caso a pasada fin de semana, foi o Racing Vilalbés. O equipo lugués gañou por goleada ante o Ribadumia con goles de Alex Pérez, José Varela e Sergio Arias convertindo A Senra nunha festa visitante. Agora, só lles queda certificar a terceira posición na derradeira xornada do campionato.
Dous para un.
O mellor partido da pasada fin de semana xogouse no Morrazo. Alí, Alondras e Arosa enfrontáronse con só un punto de diferenza entre os dous equipos e os vilagarciáns dependendo de si mesmos para, incluso, pechar xa a súa clasificación para a promoción de ascenso. Non obstante, a fame do equipo local foi maior sorprendendo con goles de Jonas e Alex Rey antes do tempo de lecer e Óscar Pardavila e Aitor Díaz no segundo tempo. Manu Justo anotou o único tanto arousán perdendo gran parte das opcións de loitar polo ascenso.
Pola súa parte, dous equipos confirmaron a súa presenza un ano máis na Terceira división. O Somozas non puido puntuar diante dun Negreira que quere seguir con vida ata o final, obrigado a unha carambola para salvarse na vindeira xornada. Quique Cubas, non obstante, quixo manter a vida do cadro ferrolán mentres que Adrián Quintairos, en menos de dez minutos, asinou dous goles moi importantes.
Mesmo resultado, mesma sorte e asinando outro ano máis na categoría, para un Barco que non puido sacar nada positivo do derbi ourensán no Municipal de Oira. Un gol de Víctor Monteiro no arrinque do primeiro tempo e outro de Martín Lamelas na reanudación serviron para dar os tres puntos a un Ourense que encaixou un gol a quince minutos para o final, obra de Cassio Goes.
E fin.
Remata o bo para dar comezo ao mellor e o Compos despedirá a tempada na casa ante o Choco nun partido con baixas e no que se espera un bo ambiente co que celebrar en San Lázaro o título de liga da Terceira nove anos despois. O teatro branquiazul abrirá as súas portas ás 18 horas.
Tamén sen nada en xogo, coa única intención de probar cousas pensando na promoción, o Bergantiños recibirá nas Eiroas a un Alondras que si sairá con moito en xogo. Un equipo que depende de si mesmo para estar na promoción, ou ben que o Arosa non gañe. Unha cita importantísima para os cangueses que buscarán aproveitarse dun rival coa mente noutra cousa. Domingo ás 18 horas en terras carballesas.
Un que tamén depende do xogo antes nomeado é o Racing Vilalbés. Xa clasificado para a promoción, só falta que pechen o terceiro posto. Con dous puntos máis ca o Alondras, os lugueses só terían que conseguir un empate ou, incluso, bastaría cunha derrota se o cuarto non gaña. Recibirán na Magdalena ao Laracha nun partido que será unha festa. Domingo ás 18 horas.
E pechamos esta pequena lista con outro encontro importante para os dous equipos. O Arosa, que non depende de si mesmo, recibirá a un Noia que tampouco o fai na loita pola salvación, que se antolla moi cara neste curso. O partido, vital, o domingo ás 18 horas na Lomba.
A permanencia pasa tamén polos ascensos.
A día de hoxe, tres equipos ocupan postos de descenso á Terceira división, polo que Cultural Areas, Arenteiro e Laracha dependerían de tres ascensos para non perder a categoría. Non obstante, polo de agora, o equipo de Ponteareas marca os postos de permanencia e por esa posición pelexarán este domingo o Noia diante do Arosa, o Negreira no Barco de Valdeorras e o Barbadás nos Carrís contra un Silva na zona tranquila.
Moito a ter en conta e ao que engadir que o Racing de Ferrol só poderá facerse co posto de promoción de permanencia, que ocupa o Toledo, mentres que o Coruxo ten ademais a tiro o posto dun Pontevedra que depende de si mesmo para salvarse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario