Segundo paso conseguido! Logo dun gran curso, o Compos coroouse como novo Campión da Terceira división. Nove anos pasaron para que o cadro compostelán rematase a tempada no máis alto da clasificación con, ademais, unha puntuación ao alcance de moi poucos a falta dunha xornada por xogarse. Un novo título, o décimo entre Terceira e Preferente na historia, que podería acompañarse dentro de tres semanas dun ascenso para a historia.
As 36 xornadas anteriores xa son coñecidas por todos. Un curso que rematará a vindeira fin de semana con matrícula en parte grazas a un triunfo que sempre estará na historia. En Espiñedo estaba o premio e en Espiñedo chegou unha festa non comparable á que pode haber a finais deste mesmo mes. Neste caso, un gol de Róber foi suficiente.
Un gol.
O Compos, obrigado a puntuar para chegar á última xornada sen nada en xogo. O Arenteiro, un tanto tranquilo pero sabendo que podería depender de terceiros para manter a categoría. Así arrincou un partido que tivo moi cedo a primeira oportunidade branquiazul para mover o marcador. Unha saída na que o gardamallas local tivo moito traballo desbaratando unha ocasión moi perigosa de Santi cando só pasaran uns segundos.
O asedio branquiazul nos primeiros minutos chegou cunha gran recompensa. Alex Ares, que amosou unha vez máis o seu perigo coa pelota nos pés, iniciou unha nova xogada en campo contrario entrando dende a banda dereita. Centro ao segundo pau e alí apareceu Róber para rematar coa testa. Primeiro na conta dos nosos e o campionato, aínda máis preto.
Co resultado favorable para os nosos, a cousa non se puxo moi ben. A un primeiro tempo cheo de interrupcións por faltas e algunha que outra trifulca, hai que engadir a parte máis negativa desta festa. E é que Santi tivo que deixar o terreo de xogo aos quince minutos lesionado, con algo que semella ser unha escordadura de nocello que podería deixalo fóra as vindeiras semanas, perdéndose a promoción de ascenso.
Agardando ao final.
A segunda metade foi unha constante espera ata o final do encontro. Co traballo feito e a seguridade que daba a superioridade sobre o terreo de xogo, os nosos saíron ao terreo de xogo logo do paso por vestiarios buscando manter o resultado e traer os tres puntos para Santiago. Non obstante, diante estaba un Arenteiro que opuxo máis resistencia ca no primeiro tempo probando algo máis, aínda que sen perigo, a Lorenzo.
Os minutos transcorreron sen máis. Ningún dos dous equipos foi quen de provocar perigo na portería contraria e os cartóns aumentaron nos intres finais, nos que se quentou aínda máis o partido cos nervios en aumento, pedindo a hora para unha festa tan esperada como desexada por todos.
Agora só queda a cita, sen nada en xogo, diante do Choco en San Lázaro para seguir celebrando este premio e no que preparar xa a promoción de ascenso.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Samu, Alberto (Sobrido, min. 56); Santi (Mon, min. 15), Alex Ares (Tomás, min. 78), Róber; e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Alberto e Sobrido.
GOLES: 0-1 5' Róber.
CAMPO: Espiñedo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario