Despois de comezar coa festa en San Lázaro o pasado domingo, é o momento de confirmar o primeiro posto de xeito matemático este domingo. Non poderá ser na casa mais quedaría unha xornada máis por diante para preparar mellor a promoción ou ben dar descanso aos xogadores con máis minutos ao longo dunha tempada complicada e cun rival de nivel que non quixo perder ollo do primeiro posto: o Bergantiños.
Este domingo visitaremos ao Arenteiro, pensando nos posibles arrastres para confirmar a súa permanencia na categoría, quere despedir a tempada deixando sen festa a un Compos que, incluso, podería ser campión perdendo se non gaña o Bergantiños en Laracha.
Boa volta.
O Arenteiro volveu á Terceira división 23 anos despois. Un equipo que pasou toda a década dos 80 na categoría, conseguindo un ascenso á Segunda B e dúas tempadas na división de bronce, e que volveu para quedarse entre os históricos do fútbol galego. Non obstante, agora non dependen de si mesmos para manterse senón que poderían precisar dalgún que outro favor, algo do que falaremos máis adiante.
Nesta campaña, un dos recén ascendidos que, por resultados e clasificación, conseguiu a permanencia. Con 39 puntos nestas 36 xornadas de liga que levamos; 11 vitorias e 6 empates que o sitúan coma o quinto equipo que menos puntos reparte da categoría. A iso hai que engadir 19 derrotas con boa parte delas a domicilio.
En canto aos goles, os do Carballiño anotaron un total de 37 goles, sendo o terceiro máis goleador dos oito últimos clasificados, e encaixaron 60, cuarto da categoría que máis tantos recibiu ata o de agora. Neste caso hai que destacar a Arce, xogador dos principais equipos da provincia ourensá que suma a súa segunda tempada no Arenteiro asinando 14 goles.
No Municipal de Espiñedo, ante a súa xente, o equipo conseguiu un total de 25 puntos. 7 vitorias, unha delas ante o Bergantiños, e 4 empates, cos máis importantes fronte a Arosa e Racing Vilalbés, deixando sen os tres puntos aos equipos que agora mesmo ocupan os postos de promoción sen contar aos nosos.
Dependen de terceiros.
A día de hoxe, co mal que o están a pasar varios equipos galegos na Segunda B, descoñécese ata que posto podería haber posibilidade de descenso. Co Cerceda xa descendido de xeito matemático, Pontevedra, Coruxo e Racing de Ferrol pelexan aínda por manterse na categoría de bronce. Cos granates dependendo de si mesmos, os outros dous pelexarán por non descender, cos vigueses ocupando o posto de promoción de permanencia, que o obrigaría a xogar unha fase para salvar a categoría. Restan dúas xornadas para o final e catro puntos separan ao Pontevedra, primeiro equipo en perigo real, do penúltimo clasificado con seis equipos para dous postos que dan a permanencia e outro que dá opción á salvación vía eliminatoria contra un equipo doutro grupo.
Polo de agora, na Terceira división, a permanencia do Cultural Areas pasa por un ascenso á Segunda B. Non obstante, de haber máis descensos, Céltiga e o propio Arenteiro pelexan por non depender de ninguén.
O mellor visitante, un bo local.
Este ano, o Compos dá medo. Dá medo cando xoga en San Lázaro e, a diferenza de tempadas anteriores, non se queda atrás cando sae de Santiago. E é que a domicilio só conseguiu tres puntos menos ca na casa perdendo, incluso, un xogo menos. Unha Esedé que só saiu sen nada positivo das súas visitas á Magdalena e á Lomba de Ponteareas e que chega a este encontro despois de cinco vitorias consecutivas e nove encontros sen perder.
Pola súa parte, na zona baixa da clasificación, ningún dos oito últimos clasificados pode superar os puntos conseguidos polo Arenteiro en Espiñedo. 25 puntos diante dos seus nun campo no que na primeira volta foi un fortín perdendo só tres partidos, empatando diante de Arosa, Barco e Racing Vilalbés, a todos co mesmo resultado (1-1) e gañando ao Bergantiños grazas aos goles de Dani e Iker no segundo tempo. Na segunda volta, dez puntos máis no casilleiro particular local con tres triunfos e un empate ante o Boiro. Somozas e Alondras si conseguiron gañar alí.
Precedentes positivos.
O Compos visitou O Carballiño ata en cinco ocasións entre os anos sesenta, oitenta e noventa con resultados máis que positivos. De feito, os nosos nunca perderon ante o Arenteiro cun empate en cada campo, ámbolos dous na mesma tempada e co mesmo resultado: 1-1. Hai que engadir tamén catro triunfos branquiazuis en terreo ourensán con 9 goles ao noso favor e 2 dos locais.
Na primeira volta, no precedente máis próximo, o resultado foi máis que positivo. Unha goleada por 4-0 grazas aos tantos de Alex Ares, Primo, Róber e Ube cun segundo tempo con gran acerto branquiazul.
A todo iso hai que engadir que os nosos non perderon en ningunha das tres saídas a terras ourensás no que vai de curso con dous empates no Barco de Valdeorras e Ourense e un triunfo pola mínima en Barbadás, tres resultados que serían suficientes para ser campións.
Boas xeiras.
Tanto Compos coma Arenteiro chegan nun bo momento de forma. Os dous equipos acumulan unha boa xeira de resultados cos nosos facendo un mes de abril perfecto, con pleno de vitorias, e os ourensáns conseguindo case un mes sen perder.
Cinco vitorias consecutivas, ás que sumar outras catro xornadas máis sen perder, para un equipo que sería campión esta mesma fin de semana aínda perdendo, bastando un empate do Bergantiños en Laracha para provocar unha festa importante nove anos despois do último campionato gañado polos nosos na Terceira división.
Pola súa parte, o Arenteiro encadeou catro xornadas sen perder con dous triunfos e dous empates. Unha xeira moi importante que os afasta dos postos de descenso directo. Ademais, só unha derrota nas catro últimas citas en Espiñedo.
Diego Rey e Ube, baixas.
Diego Rey, mancado e fóra dos terreos de xogo nas últimas xornadas, ocupa a enfermaría branquiazul. Non obstante, únese no capítulo de baixas Ube. O vigués viu ante o Villalonga o seu quinto cartón e cumprirá ciclo de amoestacións e estará seguro para a derradeira xornada así como para a promoción de ascenso. Pola súa parte, Primo está apercibido de sanción.
Tingamos Espiñedo.
O domingo ás 18 horas, horario unificado para toda a xornada, agás o partido da Grela, pola Federación Galega, Espiñedo abrirá as súas portas para un partido importante dos dous equipos. Campionato e permanencia estarán en xogo nun campo cuxas bancadas poderían tinguirse de branco e azul nunha das citas máis importantes para os nosos en moito tempo. Un encontro para o que os locais declararon 'Día do clube' e polo que todos terán que pasar pola billeteira con entradas a 10 euros.
Quen, por contra, non poida achegarse ao campo poderá seguir o partido a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial de Twitter do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario