Primeiro, dar a noraboa ao Espanyol B polo seu ascenso á Segunda división B, máis que merecido. Consecuencia disto, o Compos terá que pasar por unha segunda oportunidade para acadar o ascenso tan desexado á categoría de bronce. Isto pasa despois dunha eliminatoria na que os nosos deron todo ata o minuto cento oitenta seguindo con vida ata o final.
Neste partido de volta, o filial barcelonés aproveitou cada ocasión que tivo amosando unha efectividade total e deixando case sen opcións a un Compos que desapareceu durante gran parte da primeira metade perdendo un tempo importante. Iago, Joselu, Puado e Cristo foron os autores dos goles locais mentres que Primo e Cardeñosa buscaron, xa case sen tempo e con poucas esperanzas, acadar ese ascenso que pode chegar dentro de catro semanas, despois doutras dúas roldas.
Total efectividade.
O encontro arrincou co Compos buscando a portería contraria con Primo como lanza do ataque... e o Espanyol sen perdoar nin unha soa chegada. De feito, o filial local non tardou nin cinco minutos en adiantarse no marcador grazas a un gol do galego Iago. Un gol dende uns 40 metros que entrou pola escadra da portería defendida por Lucas e que desfacía a oportunidade de ir á prórroga, aínda que seguía obrigando aos nosos a marcar para ascender.
O Compos mantivo a posesión da pelota malia ir por debaixo no marcador aínda que sen conseguir ningunha ocasión de perigo... a diferenza dun equipo que se fixo con dúas pelotas e anotou dous goles cos que deixar case pechado o ascenso á división de bronce. Dous centros ao segundo pau onde non perdoaron Joselu nin Puado ante un Lucas superado en tódolos aspectos.
Desaparecidos.
Vinte minutos por diante ata o tempo de lecer e o Compos non daba mostras de vida. Despois de quince minutos nos que ter a pelota non lles serviu de nada, o primeiro tempo rematou cos nosos totalmente vencidos. Sen ideas, sen saber que facer coa pelota e cun equipo que decidiu non esforzarse ante un rival case sen vida, xa pensando no sorteo do luns.
Segunda metade moi diferente.
Logo dun primeiro tempo con cousas que correxir ante un Espanyol B moi efectivo, a segunda metade foi diferente. E é que o paso por vestiarios sentou ben aos nosos, que buscaron seguir con vida, con opcións de acadar o ascenso na rolda de campións. Mais, a sorte non estivo do lado dun equipo que viu como o colexiado non sinalaba dous penaltis claros, un deles malia levarse o chifre á boca.
Segundos despois da entrada de Diego Rey e Santi ao terreo de xogo, co cadro local máis tranquilo, Primo reviviu ao Compos cun golazo á reviravolta logo dun disparo de Tomás que non puido desviar a defensa chegando a pelota ao poder do cántabro.
Non obstante, entre cartón e cartón, chegou outro golazo do Espanyol B, nesta ocasión obra de Cristo, dende a frontal para deixar de novo case sen vida a unha Esedé que, grazas a unha afección que non deixou de animar despois de atravesar toda a península, quixo seguir no partido cun gol de Cardeñosa despois dun rexeite.
Dez minutos por diante e o Compos non foi quen de marcar un gol máis co que meter máis nervios no corpo dos locais, que pasaron boa parte da segunda metade buscando frear aos nosos a base de faltas.
Agora, queda pensar na 'repesca' cuxo sorteo será o luns pola tarde e no que sairá o rival dos nosos para a segunda rolda desta fase de ascenso, xa sen marxe de erro.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Samu (Santi, min. 64), Ube (Mon, min. 78); Alex Ares, Róber (Diego Rey, min. 64), Tomás; e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Cardeñosa, Casas, Uña, Ube e Saro.
GOLES: 1-0 4' Iago, 2-0 22' Joselu, 3-0 24' Puado, 3-1 69' Primo, 4-1 76' Cristo, 4-2 79' Cardeñosa.
CAMPO: Ciutat Esportiva Dani Jarque.

Ningún comentario:
Publicar un comentario