Volta á acción

Logo dunha semana sen fútbol para os nosos, a cal se aproveitou para recuperar os partidos adiados da xornada 29, o Compos volve ao traballo para afrontar o treito final de liga. Un treito onde os nosos terán que superar ata sete finais importantes para acadar non só a recompensa da promoción senón que, ademais, tamén o campionato da Terceira galega. 
Para iso haberá que superar primeiro a un duro Alondras, que loita cun obxectivo principal semellante ao noso: a promoción de ascenso. O equipo cangués que agora está ás portas dos postos altos, chegará este domingo a San Lázaro coa única intención de encadear a segunda vitoria consecutiva e esquecer as dúas derrotas anteriores. 


A defensa, o seu punto forte.
O Alondras chega a este partido dende unha posición privilexiada e con vistas non só ao cuarto posto senón que ademais tamén ao terceiro. Un rival que visitará San Lázaro sendo o terceiro equipo con menos derrotas e o cuarto con máis empates. Un equipo que non leva o nome de gran goleador pero si conta cunha gran defensa que o sitúa como o sexto con menos tantos encaixados con menos de un de media por xogo. 
Con 54 puntos, só dous puntos os separan do cuarto posto e tres do terceiro, que defenderá esta fin de semana o Barco ante o Bergantiños no que ben podería ser o partido máis salientable da xornada. Un cadro que quere aproveitarse do que pase en Calabagueiros aumentando as súas 15 vitorias. Ademais, 9 empates e 7 derrotas para un Alondras que suma 47 goles a favor e 27 en contra. 
A domicilio, conseguiron 6 triunfos, algún tan importante coma o conseguido na Grela, 5 empates e 4 derrotas, superados só polos nosos neste sentido. Un equipo que non gañou a domicilio ata a sexta saída e que só perdeu un partido a domicilio dos últimos sete con catro vitorias polo medio. Ademais, hai que engadir que quedaron sen marcar en catro ocasións, dúas que remataron con empate sen goles e outras dúas derrotas. 
A nivel individual, hai que nomear a ex xogadores branquiazuis coma Iván Pérez ou Jesús Varela, dous habituais no once cangués, así como a Alex Rey, autor de 9 goles, e Jose Gabriel, con 8. Hai que sumar tamén ao gardamallas Carlos Hortal, que chegou a Santiago para xogar a última fase de ascenso dos nosos, e que agora buscará facer o propio cos do Morrazo. 

E cando remate... 
Minutos antes do remate do partido en San Lázaro dará comezo outro que terá unha grande importancia para os dous equipos. En Calabagueiros, o Barco, terceiro con só un punto sobre o cuarto e dous sobre o quinto, recibirá ao Bergantiños, segundo e que quere manter ou encoller a diferenza de puntos con respecto ao Compos sendo os dous únicos equipos virtualmente clasificados para a promoción de ascenso. 
O encontro que se xogará en Valdeorras arrincará ás 18:30 horas, uns vinte minutos antes do final na capital galega. 

O equipo con máis goleadores.
O Compos non só é o equipo con máis gol do grupo (65) senón que ademais é o que máis homes asinaron os tantos. Co gol de Samu na Lomba, ata quince xogadores suman polo menos un gol. Entre eles destaca o máximo artilleiro da categoría, Primo, despois de facerse dono do posto no ataque branquiazul na súa primeira tempada grazas aos seus 17 goles en 28 partidos. 
A parte do dianteiro cántabro, o noso equipo completa o ataque con Santi, Alex Ares e Róber, habituais no once con 24 goles máis. Ademais, Tomás, Mon, Sobrido, Rubén, Uña, Diego Rey, Saro, Alberto, Ube, Cardeñosa e Samu anotaron polo menos un gol no que vai de tempada.

Camiños non moi diferentes.
Compos e Alondras non están a pasar por un camiño moi cómodo nas últimas xornadas. Os nosos só gañaron dous dos cinco últimos partidos sen poder gañar nas tres últimas saídas. Por contra, as dúas últimas citas en San Lázaro remataron cos tres puntos para a Esedé ao igual que oito dos últimos nove partidos en Santiago. 
Pola súa parte, o Alondras pechou unha xeira de dúas derrotas consecutivas ante o Barbadás. Non obstante, a derrota en Boiro serviu para pechar seis xornadas a domicilio sen perder nas que anotaron 8 goles e encaixaron só 2.

Outro Clásico do noso fútbol. 
Ata en 31 ocasións se viron as caras Compos e Alondras tanto en Santiago coma en Cangas. 15 desas citas foron entre Santa Isabel e San Lázaro con catro empates, unha vitoria visitante, alá por 1966, e dez triunfos branquiazuis. Outro dato moi importante é que o resultado máis repetido é un 4-0, en catro partidos, seguido polo 1-1, en tres. 50 goles da Esedé e 11 dos do Morrazo. Deste enfrontamento ao longo da historia hai que destacar, ademais da porcentaxe de vitorias local, un 8-3 acadado en 2012 grazas aos goles de Joselu, Martín, Franqueira e Jacobo Tato, todos por partida dobre. 
En canto ao último enfrontamento en San Lázaro, hai xa ano e medio, os tres puntos quedaron na casa grazas a un gol de Samu nos minutos finais do xogo. Por outro lado, na primeira volta o partido rematou con reparto de puntos grazas aos goles de Mon para os nosos e Mauro para os visitantes igualando o marcador a oito minutos para o final. 

Todos dispoñibles. 
Sen sancionados nin lesionados, Yago Iglesias poderá contar con todo o equipo para esta cita tan importante. Non obstante, Samu chega unha semana máis apercibido de sanción, polo que non podería estar ante o Noia de ver un cartón amarelo este domingo. 

Horario habitual.
San Lázaro abrirá as súas portas o domingo ás 17 horas para acoller un moi interesante Compos-Alondras. Un partido que asubiará o colexiado coruñés García Rodríguez e para o cal as entradas manterán o prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 13 e 17 anos e de balde para menores de 12. 
Quen por contra non poida ir ao partido poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, ademais do perfil oficial do clube en Twitter. Tamén se poderá escoitar en directo por 'Esedé Radio', na web do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario