A Nosa Loita (Xornada 32)

O final está moi preto. Despois dunha semana sen liga para a Esedé, na que os xogadores e corpo técnico tiveron unhas máis que merecidas vacacións, volve o bo. Volve o importante e o fará en San Lázaro no horario habitual. Non obstante, antes hai que recordar un pouco o que pasou hai xa uns días, na xornada 31 na que os nosos volveron coller vantaxe sobre o Bergantiños e na que o Silva puido volver á loita de cara a este final de liga. Restan 7 xornadas para o final. Só poden quedar catro.

Sen trocos.
O máis importante da xornada 31 na parte alta, na que non houbo ningún troco de posicións, é que o Compos convertiuse en máis líder da categoría. O equipo branquiazul, que goberna a clasificación sen case problemas, supera agora ao Bergantiños por catro puntos e mantén unha moi cómoda vantaxe de trece puntos sobre o quinto clasificado, o Somozas. Ademais, á loita polo cuarto posto hai que engadir tamén o terceiro caixón da táboa, que semella non ter tan asegurado un Barco á deriva con só un triunfo en cinco xornadas.
O líder asegurou o seu posto cun resultado merecido no campo máis difícil da categoría. Na Lomba de Vilagarcía, contra un Arosa que aínda descoñece o que é perder ante a súa afección, o cadro adestrado por Yago Iglesias comezou perdendo grazas a un gol de Javi Pazos aproveitando un erro de Lucas na saída marcando a pracer. Non obstante, case no mesmo tempo pero na segunda metade, Samu inaugurou a súa conta particular esta tempada cun gol dende fóra da área que entrou case chorando na portería defendida por Lloves. Resultado xusto para os dous e que deixou todo aberto ata un final na que ningún foi quen de aproveitar as ocasións.
Menos sorte foi coa que contou un Bergantiños que non puido aproveitar o esvarón do líder. O equipo de Carballo, que xogaba unha hora antes, recibiu nas Eiroas a un Choco que quixo restar algo de emoción ao final da tempada dende a zona media da clasificación. O equipo redondelán foi quen de adiantarse no marcador grazas a un gol de Antón Escobar mais Baleato empatou o encontro superada a hora de xogo. Nin dez minutos tardou o ex defensa branquiazul Javi González en adiantar de novo aos visitantes asinando o resultado definitivo.
Mesma sorte para un Barco que podería perder o seu posto de promoción de ascenso, co que se fixo na xornada 16, na vindeira xornada. O equipo ourensán recibía na casa ao Somozas nun partido onde os da Ferrolterra conseguiron chegar ao tempo de lecer cunha vantaxe importante e suficiente para non pasar perigo durante o segundo tempo. Óscar e Uzal asinaron os dous goles somocenses no primeiro tempo mentres que Raly, xusto na reanudación, conseguiu o 1-2 co que se pechou o encontro.
A xornada arrincou sen goles o sábado no Couto. O Ourense, equipo virtualmente salvado, recibía ao Racing Vilalbés. O conxunto lugués, cuarto clasificado, non foi quen de sequera adiantarse no marcador. Non obstante, manteñen tanto a súa posición privilexiada senón que, ademais, quedan a un punto do terceiro posto, mesma diferenza coa que conta sobre o quinto, o Somozas.
Para rematar coa xornada pasada, hai que falar do seguinte rival dos nosos: o Alondras. No Morrazo, os cangueses puideron conseguir os tres puntos no mellor momento contra o Barbadás. Despois de noventa minutos sen goles, Jose Gabriel asinou o gol do triunfo para un equipo que ascendeu un posto na táboa quedando a dous puntos do Vilalbés. Por contra, Mauro viu o seu décimo cartón amarelo e non poderá estar en San Lázaro.

Moito en xogo.
Arrincamos a xornada 32, na que os dous primeiros terán que enfrontarse a outros dous dos sete primeiros clasificados, co gran enfrontamento que se xogará en San Lázaro. O Compos, que buscará manter unha boa vantaxe sobre o Bergantiños, recibirá a un Alondras que loitará por pechar a fin de semana na cuarta posición... ou na terceira. Domingo ás 17 horas.
O mellor partido da xornada podería ser o que se xogue en Calabagueiros. O Barco, co terceiro posto en perigo, terá que recibir ante a súa afección ao Bergantiños, segundo moi lonxe dos ourensáns. Enfrontamento onde o que perda podería restar moitas opcións nos seus respectivos obxectivos. Domingo ás 18:30 horas.
Para rematar cos catro primeiros, o Racing Vilalbés recibirá na Magdalena ao Negreira, equipo adestrado por Nacho e Cabrejo que buscará a permanencia ata o final. Un partido entre un conxunto obrigado a gañar para manter a súa posición privilexiada e outro obrigado a sumar de tres para poder manter a categoría. Domingo ás 17:30 horas.
No Alcalde Manuel Candocia, o Somozas terá que recibir a un Céltiga inmerso na loita pola permanencia, malia ocupar a 13ª posición a día de hoxe. O Somozas, a só un punto do cuarto posto e a dous do terceiro, buscará rematar a fin de semana entre os catro primeiros. Domingo ás 18:30 horas.
E para rematar... A Lomba. Non a de Vilagarcía senón a de Ponteareas onde a Cultural Areas terá que recibir ao Arosa. Os dous queren puntuar unha xornada máis, os arousáns encadean dous empates consecutivos mentres que os ponteareáns remataron cunha xeira de dúas derrotas consecutivas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario