Contra todo

O Compos sumou un novo triunfo esta fin de semana contra o Alondras nun partido importante na zona alta da clasificación. Tres puntos de ouro grazas a un gol de Primo antes de cumprirse os tres minutos de xogo que manteñen aos nosos á fronte da clasificación e que deixan a clasificación para a promoción de ascenso, primeiro obxectivo dos nosos, a só tres puntos. O Alondras, polo seu lado, tivo oportunidades de sobra para facerse coa vitoria.


O mellor arrinque. 
Sabedores da importancia deste partido, os locais saíron a por todas coa única intención de buscar a portería canguesa. Unha saída inmellorable con balón para a banda para Róber, centro ao punto de penalti e alí aparece Primo gañando en velocidade aos defensas e superando ao gardamallas cun bo gol. 
O gol branquiazul serviu, sobre todo, para espertar a un Alondras que se fixo dono da pelota obrigando aos branquiazuis a defender. Só á contra puideron chegar oportunidades sobre a portería defendida por Martín sen a sorte suficiente para aumentar diferenzas. Primo e Samu tiveron nas súas botas o segundo antes do tempo de lecer pero máis preto estivo o empate, que evitou Lucas en varias ocasións.
De menos a máis, o Alondras rematou os primeiros corenta e cinco minutos merecendo máis. Aram en dúas ocasións e Jonas, noutras dúas, tiveron o gol nas súas botas co ex branquiazul Iván Pérez facendo un traballo inmellorable no centro do campo. 

Segunda parte moi defensiva. 
Con cada minuto que pasaba, o Compos ía meténdose máis atrás ante a superioridade visitante. Non obstante, os primeiros cinco minutos puideron servir, de novo, para adiantar aos nosos sen a sorte suficiente. Unha sorte coa que tampouco contou o Alondras, que gozou das mellores oportunidades durante corenta minutos máis. 
Jonas, Aram, Alex Rey... O Alondras puido dar a volta ao resultado nunha gran segunda metade onde se puido ver un Compos diferente. Ademais, lonxe de dar máis opcións en ataque, os trocos nos nosos serviron para reforzar a defensa, moi importante para axudar a un Lucas que mantivo a súa porta a cero unha semana máis. 
Na outra portería, a fortuna non estivo do noso lado con Tomás amosando un nivel doutra categoría. O vigués tivo dúas oportunidades á contra nas que se topou co gardamallas pechando un novo gran partido sen o premio do gol. Uns erros que aumentaron os nervios nun xogo cunha arbitraxe algo mellorable e que rematou con Yago Iglesias no vestiario antes de tempo. 

Agora, con esta vitoria, o equipo podería sacar o seu billete para a promoción de ascenso a vindeira fin de semana en Noia de sumar os tres puntos. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Casas, Uña, Naveira; Samu, Tomás (Cardeñosa, min. 80); Santi (Mon, min. 58), Alex Ares, Róber (Rubén, min. 72); e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Naveira, Róber, Mon e Rubén. 
GOLES: 1-0 3' Primo. 
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario