A Nosa Loita (Xornada 36)

Chegamos ao final do campionato. Tres xornadas restan para o remate dunha tempada difícil e ilusionante para os nosos. Con todo moi igualado e só dous días para preparar o seguinte xogo, Compos e Bergantiños seguen na loita pola primeira posición, que podería rematar en menos dunha semana, mentres que o Barco está a piques de esgotar as súas opcións de entrar na promoción. Ademais, o Arosa ascendeu ao terceiro posto e tanto Alondras coma Somozas, que terá un día menos para preparar o seguinte xogo, quedan ás portas deses postos privilexiados.

Menos dunha semana.
Só dous equipos, a día de hoxe, loitan por facerse co primeiro posto da clasificación. Unha praza privilexiada a cal podería certificar o Compos en calquera das dúas vindeiras xornadas, nesta mesma semana, despois de superar ao Negreira a pasada fin de semana. O Bergantiños, pola súa parte, buscará manter as súas opcións ata que sexa matemático e o fará despois de superar un partido complicado diante do Ribadumia.
O García Calvo acolleu un partido entre dous equipos obrigados a gañar. A Esedé, que comezou gañando grazas a un gol de Alex Ares, non tardou en verse co empate no marcador, obra de Pancho. Coa igualada no marcador e unha hora por diante, os nosos non foron quen de provocar case perigo sobre a portería defendida por Rodri nin contra dez. Non obstante, un penalti no engadido supuxo a oportunidade de sumar de tres e Alex Ares non perdoou. Vitoria branquiazul e unha moi grande posibilidade de conseguir o obxectivo nas vindeiras horas.
Un obxectivo, o branquiazul, que comparte un Bergantiños case sen opcións de asaltar o primeiro posto. Os carballeses, que obrigan ao Compos a dar o cen por cen, tiveron unha dura cita nas Eiroas ante un Ribadumia sen nada en xogo. Un partido no que se chegou ao tempo de lecer cun resultado máis ou menos suposto, con vitoria local grazas a un gol de Iago Blanco. Non obstante, a segunda metade foi unha loucura. Hugo Soto asinou o empate, mais Rodrigo Alonso e Pablo Antas encamiñaron o triunfo local con dous goles en dous minutos. Sen case opcións, o Ribadumia quixo meterse de novo no partido cun gol de Cerqueiras, sen máis sorte e deixando unha boa actuación diante dun dos mellores equipos da categoría.

Todos seguen vivos.
Polo momento, os cinco equipos na loita por dous postos seguen vivos, con cada vez menos opcións para un Barco que podería caer desta loita o martes. Con Arosa e Racing Vilalbés mandando nesta pequena guerra, Alondras e Somozas non perden ollo ben preto con posibilidades de asalto en calquera momento.
Comezamos esta lista polo derbi da xornada. Na Lomba, Arosa e Céltiga deixaron un bo espectáculo con remontada e vitoria no treito final dos locais, que recibirán ao Bergantiños aínda sen ter perdido ningún xogo na casa no que vai de tempada. Non obstante, nesta ocasión, os da Illa adiantáronse antes dos dez minutos cun gol de Capi que rápido igualou Sylla. O senegalés foi tamén o encargado de asinar o segundo gol dos seus a sete minutos para o final deixando os tres puntos en Vilagarcía no derbi da Arousa.
Coa vitoria, os arlequinados ascenderon un posto na clasificación grazas, tamén, ao empate do Racing Vilalbés. O equipo lugués visitaba Redondela e conseguiron, incluso, chegar ao tempo de lecer por diante no marcador grazas a un gol de Alex Pérez. Mais o Choco sacou un pouco de orgullo e conseguiu a remontada a dez minutos para o final con goles de Félix e Marcos. Sergio Arias fixo xustiza no engadido co 2-2 final que mantén aos de Vilalba nos postos de promoción de ascenso.
Fóra deses postos privilexiados atopamos a un Alondras que asestou a quinta derrota consecutiva ao Barco. No Morrazo, os cangueses agardaron ata a segunda metade para, con dous goles de Pardavila en menos de dez minutos, facerse con tres puntos de ouro ante un rival directo que pode quedar sen opcións na vindeira xornada.
Con menos tempo para preparar o seguinte xogo atopamos ao Somozas. Con toda a xornada o sábado agás o partido do San Lázaro de Noia, os da Ferrolterra non puideron aproveitar xa co resto de resultados coñecidos. Os somocenses perderon a súa posición na promoción cunha derrota ante un Noia que respira grazas a un gol de Nando a once minutos para o final. As opcións dunha tempada máis na Terceira aumentan para os dous.

Martes.
Oito días e tres xornadas. Achégase o final do campionato e, con el, unha final entre semana. Unha final para os sete equipos que pelexan por estar na parte alta e outra, máis importante, para os que aínda teñen opcións reais de salvar a categoría.
Esas opcións reais non son coas que parece contar un Villalonga que visitará San Lázaro nunha xornada onde un equipo pode certificar o campionato, para o que dependemos doutro partido, e o outro asinar o seu descenso de categoría de xeito matemático. Martes ás 18 horas.
As posibilidades de festa en San Lázaro pasan por Vilagarcía. Alí, no campo onde aínda ninguén foi capaz de sumar os tres puntos, o Arosa recibirá ao Bergantiños. Se o equipo de Carballo puntúa, o campionato branquiazul podería chegar no Carballiño. Se perden, o Compos campión gañando ao Villalonga. Diante, un Arosa que pode encamiñar a súa clasificación para a promoción de sumar de tres. Martes ás 18 horas.
Outro que terá moito que remar para manter o seu posto privilexiado, o Racing Vilalbés, recibirá ao Silva na Magdalena. Os lugueses teñen aos seus principais perseguidores a dous puntos e diante a un rival que quedou sen opcións logo dunha moi boa primeira volta. Martes ás 17 horas para abrir a xornada.
Na Illa de Arousa podería chegar a salvación matemática dun Céltiga que suma dúas derrotas consecutivas. Terán que conseguilo contra un Alondras que ten ao Vilalbés a só dous puntos despois de tres derrotas nas súas tres últimas saídas. Martes ás 18 horas no Salvador Otero.
Con menos tempo para preparar o seu seguinte xogo, o Somozas ten as mesmas opcións de entrar na promoción que o cadro de Cangas. Recibirán a un Ourense sen nada en xogo e dependen de terceiros para poder volver aos postos altos. Martes ás 19 horas no Alcalde Manuel Candocia.
Promoción e permanencia, con moi poucas opcións para os locais, pasarán por Calabagueiros. Barco e Noia loitarán nun partido con obxectivos moi diferentes e no que os noieses poderían conseguir a súa terceira vitoria consecutiva. Martes ás 18 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario