O gol da tempada?

Non foron tres puntos máis. En Negreira, no García Calvo, o Compos asinou un triunfo moi traballado, merecido e, sobre todo, inimaxinable. Un partido difícil, onde só houbo un equipo practicamente, con tres goles, emoción ata o final e cun nome propio difícil de esquecer: Alex Ares. O '10' branquiazul foi de novo o mellor do equipo asinando ademais os dous goles, un deles no tempo engadido desatando a loucura no campo negreirés. Pola súa parte, Pancho fixo o gol local para un cadro que rematou con dous expulsados e outros seis amoestados aos que engadir a Cabrejo, que tivo que ver parte do segundo tempo dende as bancadas. 


Posibilidades de goleada. 
O partido non puido arrincar de mellor xeito para os nosos. Unha saída deixando claras as intencións meteu o medo no corpo aos negreireses. Dúas ocasións en menos de dous minutos con serio perigo sobre a portería defendida por Rodri, de Santi e Primo, serviron para anunciar algo que chegaría minutos despois: o primeiro gol do partido.
Alex Ares, sen dúbida o mellor xogador de toda a categoría, quixo unirse á festa e, despois de mandar ao pau un saque dende o curruncho, bateu a Rodri cun disparo lonxe do alcance do porteiro a pase de Róber. Un golazo co que inaugurar un marcador que non tardaría moito máis en cambiar.
Co paso dos minutos, a superioridade branquiazul foi aumentando sobre o terreo de xogo e as ocasións sucedéronse na portería contraria. Primo e Santi, autores de novo das mellores oportunidades, non tiveron sorte algunha á hora de enfrontarse ao gardamallas, sobresaínte durante os noventa minutos sendo o máis determinante dos seus. Non obstante, o gol chegou. Pero chegou do lado máis inesperado superada a media hora de xogo. Un gol de Pancho, a pase de Alex Diéguez, que igualou o partido na única oportunidade do Negreira nos noventa minutos. 

Golpe duro.
De dominar o encontro con claridade á incapacidade para crear ocasións de perigo. Así pasou o Compos despois do gol do empate e ata o final do encontro. Superior sobre o terreo de xogo, coa pelota no seu poder e xogando os segundos corenta e cinco minutos en campo contrario. 
Unha segunda metade que tivo de todo e, sobre todo, interrupcións e cartóns deixando ao cadro local moi tocado. De feito, con media hora por diante, o ex do Compos Pablo Vidal viu o seu segundo cartón amarelo, dez minutos despois do primeiro, deixando aos seus cun home menos e serios problemas. Aínda así, en superioridade numérica, a Esedé non foi quen sequera de poñer en perigo a portería. De feito, ningún tiro foi entre os tres paus ata o final do tempo regulamentario logo do paso por vestiarios.

Dez minutos de infarto. 
Os dez minutos finais, contando cos cinco de engadido, foron unha acumulación de nervios. Co Negreira totalmente metido na súa área, o gol parecía cuestión de tempo. O que ninguén se esperaba é que chegase como o fixo. Non tan raro é quen conseguiu a oportunidade xa que Uña está a demostrar un gran traballo tanto en defensa coma en ataque.
O central madrileño, que pasou boa parte do segundo tempo en labores ofensivas, foi vítima dun agarrón na área suficiente para que o colexiado sinalase penalti e amosando outros catro cartóns amarelos e un vermello, deixando ao Negreira con nove aínda que sen tempo para máis. Só se tiraría o penalti e chegaría o final do encontro. Era cara ou cruz... e a moeda caeu do lado dos nosos. Alex Ares, que merece un oco importante no equipo para a vindeira tempada, non o dubidou e mandou a pelota con forza ao medio. Rodri adiviñou as súas intencións pero non foi quen de facerse co esférico, que entrou con calma provocando unha ledicia incrible nunha afección que está moi preto dun novo campionato da Terceira. 

Sen tempo para descansar.
Rematado o partido, xa hai que pensar na seguinte cita dos nosos, que podería certificar o primeiro posto. Será o vindeiro martes pola tarde en San Lázaro, aproveitando que é día festivo, fronte ao Vilalonga que está obrigado a gañar para seguir con vida na categoría. No noso caso, se o Bergantiños perde na Lomba seríamos campións. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Casas, Uña, Naveira; Samu, Tomás (Alberto, min. 61); Santi, Alex Ares, Róber (Sobrido, min. 56); e Primo.
CARTÓN: Amarelos para Uña e Alex Ares.
GOLES: 0-1 15' Alex Ares, 1-1 31' Pancho, 1-2 90' Alex Ares. 
CAMPO: García Calvo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario