O Compos arrincará este sábado a recta final do campionato cun único obxectivo por cumprir: ser campión. Un partido que se semella moito a un derbi pola distancia entre un e outro equipo e que, sen dúbida, deixará moita emoción sobre o terreo de xogo. Diante estará un Negreira que loita por non descender neste final de curso con Nacho e Cabrejo nos mandos e a só tres puntos dos postos de salvación, sen ter en conta tamén os posibles descensos dende a Segunda B, que complicaría a permanencia dalgún que outro equipo.
Tan lonxe e á vez tan preto.
A chegada do novo corpo técnico ao Negreira, dirixido polo ex xogador do Compos Nacho, supuxo un pouco máis de vida para un equipo que soña con seguir na Terceira división a vindeira tempada. Un clásico da Terceira galega, con 14 dos últimos 16 cursos na categoría, que non quere caer como lle pasou hai catro anos, cando pechou a clasificación.
Un equipo, o Negreira, que ocupa actualmente a 18ª posición, a 3 puntos do Cultural Areas e sen case opcións de coller ao Arenteiro, que marcaría unha posible permanencia logo do descenso xa matemático do Cerceda dependendo dun posible ascenso á Segunda B. Non obstante, o primeiro obxectivo do equipo negreirés debe ser o de ocupar a 16ª.
Ata o de agora, o equipo vermello sumou un total de 28 puntos en 34 xornadas grazas a 6 triunfos e 10 empates, sendo o segundo equipo que máis puntos reparte, aos que engadir un total de 18 derrotas. Un conxunto que non está cómodo a domicilio, conseguindo só un triunfo e cinco empates, e que asinou unha gran parte dos seus puntos na casa (20) grazas a cinco vitorias e outros tantos empates ante rivais coma Arosa, ao que superaron pola mínima, ou Bergantiños, contra o que empataron a un gol.
En canto aos goles, con 25 goles a favor, trátase do cuarto equipo que menos ve portería da categoría Non obstante, trátase do equipo que loita pola permanencia a día de hoxe con menos goles recibidos (53).
Entre un bo número de ex branquiazuis, hai que destacar o traballo que está a facer Quintairos. O ex de Ourense, Órdenes ou Boiro entre outros, que podería estar finalizando a súa carreira deportiva na que é a terceira etapa nas filas do cadro negreirés, é o máximo goleador do equipo con 8 tantos. Unha peza importante e que será titular ante os nosos.
Semana moi dura.
Chegan oito días de ouro para os dous equipos. Unha semana na que se xoga absolutamente todo na Terceira con tres xornadas, unha entre semana adiantando a data desta. E quen sabe se os nosos non aseguran xa o primeiro posto e os negreireses a permanencia?
O sábado, visitamos a un Negreira en serio perigo. Primeira cita dos nosos que o martes recibirán a un Villalonga que podería chegar matematicamente descendido se non superan ao Barbadás esta fin de semana. E a primeira posición quedaría sentenciada o domingo seguinte no Carballiño, na penúltima xornada do campionato, fronte a un Arenteiro tamén en perigo.
Pola súa parte, na pelexa por non descender, o Negreira terá que enfrontarse ao Cultural Areas o martes nun partido a vida ou morte para os dous equipos. E é que os de Nacho terán que gañar aos pontevedreses se non queren perder todas as opcións de salvarse.
Precedentes positivos.
Por cuarta vez na historia, o Compos visitará o García Calvo en Terceira división. Un campo onde os nosos aínda non saben o que é perder despois de asinar dúas vitorias e un empate, uns números moi positivos para un equipo que buscará esta fin de semana mellorar os datos a domicilio.
Esta pequena historia comeza no 2009. En xaneiro, o líder da Terceira visitaba o campo dun rival importante na carreira pola promoción de ascenso, un Negreira que, finalmente, quedou moi descolgado da parte alta. Rubén e Mariño anotaron dous goles importantísimos para os nosos encadeando unha nova vitoria e comezando a segunda volta do mellor xeito posible.
Tres anos máis tarde, noutra nova campaña que rematou con ascenso branquiazul, o resultado foi moi semellante: con outro triunfo dos nosos e portería baleira. Joselu por partida dobre e Castiñeiras asinaron os tres goles e outros tantos puntos.
E a única ocasión na que o resultado non foi totalmente positivo para os nosos... o curso non rematou en ascenso. Foi a pasada tempada e os noventa minutos remataron cun empate non exento de polémica. Cardeñosa, nunha xogada a balón parado, adiantou aos nosos mentres que Quintairos igualou o resultado a menos de dez minutos para o final do tempo regulamentario.
Esta breve historia remata cunha cita hai uns seis meses en San Lázaro. A última ocasión na que Compos e Negreira se viron as caras, na primeira volta, o resultado final deixou clara a diferenza entre ámbalas dúas escadras. Santi, que asinou un 'hat-trick', Alex Ares e Uña conseguiron o 5-0 co que se asinou unha nova goleada.
Dous camiños moi diferentes.
Compos e Negreira non están a pasar por momentos moi semellantes. Os nosos, metidos nunha dinámica moi positiva con cinco vitorias e dous empates nos sete últimos xogos, nos que encaixaron tres goles, chegan de gañar con algún que outro problema a un Ourense que puxo máis dificultades das esperadas.
Por contra, o Negreira non gaña dende o mes de febreiro, na mesma fin de semana na que chegou a última derrota da Esedé. Os de Nacho conseguiron catro puntos nos últimos sete encontros con só un empate na súa casa nese tempo. Ademais, dende o comezo da primeira volta asinaron catro puntos máis no García Calvo, unha xeira negativa pero que non impide pensar na permanencia. Na pasada xornada conseguiron un punto nos Carrís grazas aos goles de Alex e Pancho fronte a un Barbadás que puido adiantarse cun gol de Juan en propia porta e outro de Jordi García para pechar o 2-2 definitivo.
Diego Rey, a baixa.
Para esta cita importante, Yago Iglesias, que poderá sentarse de novo no banco, poderá recuperar a Naveira e Samu logo da xornada de sanción que os apartou do terreo de xogo a pasada fin de semana. Por contra, conta con Primo e Ube apercibidos de sanción, e que poderían forzar un cartón antes do final do curso para chegar seguro á promoción de ascenso.
Sábado pola tarde.
Ante o pouco tempo para recuperarse, o partido desta fin de semana será o sábado ás 18 horas. O García Calvo abrirá as súas portas para acoller a penúltima saída do mellor visitante da categoría nun partido chave para os dous. Unha cita interesante para o que o prezo das entradas será de 10 euros para público xeral.
Quen por contra non poida ir ao partido poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, ademais do perfil oficial do clube en Twitter. Tamén se poderá escoitar en directo por 'Esedé Radio', na web do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario