Un paso adiante. Compos e Bergantiños xa son equipos que loitarán na promoción de ascenso e, ademais, farano como primeiro e segundo clasificados, o único polo que queda loitar a ámbolos dous conxuntos. Ademais, Racing Vilalbés, Somozas, Arosa, Alondras e Barco seguen a pelexar polos outros dous postos que dan opción a pelexar por un ascenso de categoría.
Dobre oportunidade e Copa.
Quedar campión de grupo na Terceira conleva dúas grandes recompensas. A primeira, e máis importante, é que a promoción de ascenso entre campións é máis rápida, con só unha rolda por xogarse para ascender, e os que perdan teñen unha segunda oportunidade enfrontándose ao resto de equipos que si superen a primeira fase entre segundos, terceiros e cuartos. Con menor importancia, sen ter en conta que se consiga o ascenso, está a clasificación para a Copa do Rei da vindeira tempada. Uns premios polos que, a día de hoxe, só loitan Compos e Bergantiños deixando sen opcións ao resto de equipos.
O Compos, líder destacado e con grandes posibilidades de chegar á derradeira xornada como campión, encadeou o pasado domingo pola mañá a súa terceira vitoria consecutiva. Ante un gran Ourense, que non puxo as cousas nada doadas aos nosos, o equipo de Yago Iglesias tirou de pegada e asinou tres puntos moi importantes fronte a un rival xa salvado. Os goles, de Primo, Santi e Rubén, foron suficientes para manter o primeiro posto durante outras dúas xornadas.
Un líder ao que non quere perder ollo o Bergantiños. O cadro carballés tampouco perdoou na súa cita ante o Céltiga na Illa de Arousa mantendo os catro puntos de distancia con respecto á Esedé. Un triunfo, que tamén foi o terceiro consecutivo para eles, que se encamiñou co gol de Rodrigo Alonso no ecuador do primeiro tempo. Algo máis tardou Rubén Rivera en pechar una vitoria cómoda ante un rival que aínda non asegurou matematicamente a súa presenza na categoría a vindeira tempada.
Cinco para dous en catro.
Catro puntos separan a día de hoxe ao terceiro clasificado e ao sétimo. Unha boa lista de equipos que queren a súa oportunidade na promoción de ascenso e que encabeza o Racing Vilalbés.
O equipo lugués non puido asinar os tres puntos a pasada fin de semana conseguindo un empate que o mantén na terceira posición ante o resto de resultados. Ante o Arenteiro, ningún gol que deixa aos ourensáns algo lonxe da permanencia matemática.
Na promoción podería entrar arestora un equipo que iniciou a tempada con isto como obxectivo principal. O Somozas, un tanto irregular ao longo da campaña, superou ao Alondras, actualmente sexto na táboa, grazas aos tantos do ex branquiazul Jacobo superando o gol de Alex Rey, que pechou o marcador sen tempo de reacción.
Fóra dos postos privilexiados, igualado a puntos co equipo ferrolán está o Arosa e con tres puntos menos, sétimo, atópase o Barco. Os dous equipos enfrontáronse en Calabagueiros o pasado domingo con triunfo para os vilagarciáns aumentando a catro as vitorias consecutivas do equipo valdeorrés. Cristóbal, en propia porta, adiantou aos arlequinados mentres que Raly igualou o resultado no arrinque do segundo tempo. Os dez minutos finais foron importantes para un Arosa que pechou a vitoria grazas a goles de Sylla e Julio Rey. Unha vitoria insuficiente para seguir en postos de promoción.
Sábado.
Tendo en conta que a seguinte xornada será o martes 1 de maio, a xornada 35 xogarase o vindeiro sábado con encontros moi importantes tanto para os que se xogan un ascenso coma para os que non queren perder a categoría.
O Compos xogará algo semellante a un derbi ante o Negreira. O García Calvo recibirá ao mellor equipo da categoría nun partido importante onde o primeiro posto dos visitantes e a permanencia dos locais estarán en xogo. A Esedé, obrigada a sumar de tres. O Negreira, a tres puntos dos postos de salvación. Sábado ás 18 horas.
Outra cita moi importante será a que teña o Bergantiños nas Eiroas ante o Ribadumia. Os carballeses queren seguir con opcións polo primeiro posto contra un equipo xa salvado matematicamente. Un partido que podería ter trampa para os locais. Sábado ás 17:30 horas.
O terceiro posto pasa por Redondela. Alí, o Racing Vilalbés buscará os tres puntos que o acheguen un pouco máis a unha nova promoción de ascenso. Diante, un Choco que non se xogará nada no que resta de tempada despois de asegurar a súa participación na Terceira un ano máis. Sábado ás 17 horas.
A permanencia e a promoción de ascenso estarán de novo en xogo no San Lázaro de Noia. O Noia, a dous puntos dos postos de salvación, recibirá a un Somozas que deberá sumar de tres para seguir no alto da clasificación. Domingo ás 17 horas.
O mellor enfrontamento da xornada estará na Lomba de Vilagarcía. O derbi da Arousa terá a segunda parte da tempada esta fin de semana. O Arosa, quinto na espera dun erro de Vilalbés ou Somozas, recibirá a un Céltiga case salvado de xeito matemático. Sábado ás 20:30 horas.
E un perderá boa parte das súas opcións esta fin de semana. Alondras e Barco terán que verse as caras no Morrazo nun partido que pode deixar moi tocado a un dos dous equipos. Igualados a puntos, un dos dous podería quedar fóra da loita aumentando as oportunidades do gañador. O empate podería deixar aos dous tamén mal situados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario