O Compos deu un paso máis cara a promoción de ascenso logo de superar ao Ourense CF nun partido que perdeu intensidade co segundo gol dos nosos cun rival que se limitou a defender e buscar a portería de Lucas en boa parte dos noventa minutos. Un triunfo que mantén aos nosos no máis alto da clasificación grazas aos goles de Primo, Santi e Rubén. Ademais, hai que destacar que o gardamallas branquiazul completou outro partido sen recibir ningún gol.
Pouco que contar.
O primeiro tempo só tivo un dono. O Compos saiu mellor ao terreo de xogo, cun plantexamento máis valente baseado en longas posesións na busca da portería defendida por Miguel Varela. Corenta e cinco minutos nos que Lucas non tivo case traballo grazas ao bo facer da defensa local, que salvou a única oportunidade ourensá antes do tempo de lecer.
Na outra portería só faltou o gol. Ube, Ares, Primo, Santi, Mon... as ocasións sucedéronse e só faltou un chisco de sorte para celebrar un gol merecido para un equipo que pasou gran parte do primeiro tempo en campo contrario.
Cuestión de tempo.
Obrigados a gañar para alcanzar o obxectivo principal, o segundo tempo arrincou coa Esedé lanzada no ataque. Nin cinco minutos bastaron para que chegase a primeira oportunidade, obra de Santi. El mesmo foi, ademais, o encargado de iniciar a xogada do primeiro tanto. Contraataque que o de Navia abre para Ares e, logo de desfacerse do seu marcador con velocidade, puxo un centro raso que materializou Primo logo dun control e tempo para pensar no disparo.
O líder adiantábase en San Lázaro e o Ourense, que saiu a polo empate, meteu unha marcha máis na busca do gol. Non obstante, co equipo ourensán intentando crear perigo na porta contraria, chegou o segundo tamén á contra. Unha xogada que comezou e rematou Santi, cunha parede con Primo incluida, anotando o gol da xornada cun disparo dende a frontal que entrou directamente pola escadra.
O segundo gol serviu para encamiñar o triunfo fronte a un Ourense sen ideas e que quedou sen opcións de puntuar a seis minutos para o final do tempo regulamentario, cando chegou o terceiro na conta local. Un gol de Rubén, que entrou dende o banco de suplentes minutos antes, logo dun córner ao segundo pau e unha asistencia de Uña que non perdoou o vilagarcián.
Agora só queda agardar ao que pase no Salvador Otero para coñecer se se manteñen os catro puntos de diferenza ou aumentan. O seguinte partido, o sábado ás 18 horas en Negreira.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Uña, Sergio; Mon (Tomás, min. 61), Ube; Santi (Rubén, min. 75), Alex Ares, Róber; e Primo (Sobrido, min. 81).
CARTÓNS: Amarelos para Primo e Róber.
GOLES: 1-0 52' Primo, 2-0 64' Santi, 3-0 85' Rubén.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario