Chegou a primavera

Agora que está asegurada a promoción de ascenso para os nosos, por que non asegurar tamén a segunda posición da táboa? O Compos terá este domingo unha nova oportunidade para achegarse ao primeiro posto contra un rival directo que visitará San Lázaro por primeira vez na súa historia coa intención de facerse cos tres puntos. Un Ourense CF que non terá nada polo que loitar logo de conseguir a permanencia matemática.


Obxectivo cumprido.
Ascendidos o pasado verán da Preferente Sur, pola que pasou os últimos trece anos caendo á Primeira Autonómica en dúas ocasións, os ourensáns pasan a súa oitava campaña na Terceira galega sen problemas para cumprir o seu obxectivo: a permanencia. E é que con quince puntos aínda por xogarse, o equipo branco supera ao Cultural Areas grazas a 18 puntos de diferenza. 49 puntos exactamente que o sitúan na undécima posición, coa posibilidade de ascender algún caixón máis. 
Un dos mellores equipos a domicilio, os de Fran Justo conseguiron un total de 12 vitorias e 13 empates sendo o segundo equipo que máis puntos reparte. Ademais, suman só 8 derrotas sendo o cuarto equipo que menos perdeu. Estes números son grazas ao bo traballo da defensa, a terceira que menos goles encaixou (27). En ataque, por contra, ocupan un posto na metade da clasificación con 41 goles a favor. 
Cando saen do Couto, convértense tamén nun equipo perigoso. 7 vitorias, entre as que destacan as conseguidas en Noia por goleada e en Barraña, e 4 empates, 3 deles a dous goles, ademais de 5 derrotas, todas pola mínima. Un total de 23 goles a favor e 16 en contra completan os números dun Ourense que chega con moito perigo a San Lázaro. 
A nivel individual contan con pezas importantes coma o ex branquiazul Óscar Fondevila, o ex do Silva Renan Zanelli ou Eduardo Otero, máximo goleador do equipo con 11 tantos na súa primeira tempada no clube. 

A primeira vez.
O Ourense CF pasará por primeira vez na súa historia por San Lázaro. Non obstante, o gran equipo da cidade, o CD Ourense, si conseguiu os tres puntos na capital galega ata en catro ocasións entre a Terceira e a Segunda división. 
Non obstante, si hai que contar un enfrontamento entre os dous clubes no Couto, casa do equipo dende o ano 2014. Na primeira volta, o Compos non foi quen de sacar nada mellor ca un empate grazas aos goles de Eduardo Otero para os ourensáns e de Alex Ares para os nosos xusto antes do tempo de lecer. Un partido que, ao igual que o desta fin de semana, abría a xornada de domingo. 

Seis e seis. 
Os dous equipos suman unha boa serie de encontros sen perder. De feito, ámbolos dous conxuntos encadean seis xornadas puntuando despois de perder por última vez a finais do mes de febreiro, hai xa dous meses case exactos. 
Comezamos coa xeira branquiazul. O Compos non coñece a derrota dende a súa visita á Lomba de Ponteareas. Unha sorpresa importante ante o clube pontevedrés que deixou tocados aos nosos perdendo durante uns días a primeira posición da táboa. Dende esa saída, catro vitorias e dous empates, ámbolos dous a domicilio, con triunfos importantes ante Somozas e Alondras.
Algo semellante é o que lle pasou ao Ourense. Na mesma fin de semana perderon contra o Choco na casa e dende aquela superaron a Silva, Boiro e Barbadás e empataron sen goles ante Ribadumia, Laracha e Racing Vilalbés. Unha xeira que mellora se temos en conta que só encaixaron 2 goles en 6 partidos, 6 nos últimos 12. 
Na última xornada, ademais, os dous equipos conseguiron tres puntos moi importantes co mesmo resultado. O Compos superou, con remontada incluida, ao Noia a domicilio grazas aos goles de Samu e Alex Ares mentres que, pola súa parte, o Ourense superou ao Barbadás con tantos de Pablo Nogueiras e Pedro Martínez, entrando dende o banco de suplentes, no Couto. 

Un paso máis. 
O Compos asegurou a pasada fin de semana a súa presenza na promoción de ascenso. Un primeiro obxectivo cumprido que, de gañar esta fin de semana, podería aumentar de importancia xa que se aseguraría ser, como mínimo, segundo a falta de catro xornadas. Catro partidos nos que os nosos buscarán manter e aumentar a diferenza de catro puntos con respecto ao Bergantiños, que esta fin de semana visitará ao Céltiga. 

Dúas baixas importantes.
A cita ante o Noia deixou ao Compos algo tocado de cara a esta cita. Yago Iglesias, que rematará a súa sancións esta fin de semana, non poderá contar con Naveira nin Samu, sancionados por acumulación de amoestacións e que poderían chegar á promoción de ascenso sen problemas. Pola súa parte, Ube chega apercibido de sanción con catro cartóns amarelos.
Nesta cita será encargado de impartir xustiza o colexiado Pastoriza Iglesias que, curiosamente, foi xa o encargado de asubiar no partido da primeira volta no Couto entre os dous equipos. Ademais, estivo tamén no empate sen goles do Ourense en Laracha.

Sesión vermú. 
Quen non botaba de menos madrugar para ir ver o Compos? Este domingo teremos unha nova cita dos nosos o domingo ás 12 da mañá. Recibiremos a un Ourense que quere ascender algún posto na clasificación nun partido para o que as entradas estarán a 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces de entre 13 e 17 e de balde para menores de 12.
Quen, por contra, non poida achegarse ao teatro dos soños de San Lázaro, poderá seguir o partido a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá verse en directo a través da segunda canle da Televisión de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario