Seguimos no alto! O Compos suma unha xornada máis como líder moi seguido por un Bergantiños que pon terra de por medio logo da goleada conseguida en Calabagueiros. Os catro puntos de diferenza entre primeiro e segundo son incluso máis que os que separan ao terceiro, o Barco, e o sétimo, o Alondras. Entre eles, Racing Vilalbés, Arosa e Somozas con moito por decidir.
Tres de sete.
Só tres equipos dos sete primeiros conseguiron facerse coa vitoria a pasada xornada, na que non houbo trocos de posicións entre os catro primeiros pero si nos que buscarán nas seis xornadas que restan para o final facerse cun oco na promoción. Compos, Bergantiños e Arosa, os único que puideron sumar de tres aumentando as súas posibilidades de cara ao futuro máis próximo.
Comezamos cos nosos. A Esedé recibía en San Lázaro ao Alondras, equipo que podía entrar na zona privilexiada de conseguir os tres puntos, nun dos mellores encontros da fin de semana. Un partido dominado en ataque polos cangueses, autores das mellores oportunidades, pero que se levou o Compos grazas a un gol de Primo antes dos tres minutos. Un triunfo que mantiña aos nosos líder cunha diferenza importante.
Terceiro e segundo, separados por sete puntos, buscaban en Calabagueiros manter as súas posicións, co Barco obrigado a gañar para manterse nos postos de promoción. Non obstante, o Bergantiños sacou todo o seu poderío para seguir a catro do líder e goleou aos valdeorreses con goles de Jorge Sáez por partida dobre, Rodrigo Alonso, Rubén Rivera e Iago Blanco. Aarón fixo o gol local en propia porta.
Sen goles rematou o partido da Magdalena entre dous equipos obrigados a sumar. Racing Vilalbés e Negreira non foron quen de inaugurar o marcador mantendo aos lugueses na cuarta posición e aos negreireses a catro puntos dos postos de permanencia, principal obxectivo dos de Nacho para este final de tempada.
Dos equipos que aínda buscan entrar na promoción, só o Arosa foi quen de gañar. O equipo vilagarcián superou ao Cultural Areas na Lomba de Ponteareas e quedando a só un punto do Vilalbés. Comezaron por diante no marcador grazas a un gol de Marcos pero empatou o cadro local xusto antes do tempo de lecer grazas a un gol de Hugo André. Manu Justo e Torrado, este xa nos minutos finais, pecharon a vitoria arlequinada antes de arrincar o treito máis importante da súa tempada con catro rivais directos nas catro próximas xornadas.
Outro que tampouco puido ver portería a pasada fin de semana foi o Somozas. Os ferroláns recibían no Alcalde Manuel Candocia a un Céltiga que non parece pasar por moitos problemas para certificar a permanencia. Sen goles e poucos cartóns, o reparto de puntos deixa aos locais a un punto do terceiro e do cuarto clasificados mentres que os arousáns quedan a oito puntos do descenso.
O mellor está por chegar.
Os nervios van en aumento cada fin de semana e a vindeira xornada non será para menos. Coa posibilidade de que o Compos se clasifique de xeito matemático para a promoción, a vindeira xornada semella moi perigosa, con rivais que buscan achegarse á salvación.
Un deses rivais que pelexa por non descender é o Noia. O ex equipo de Yago Iglesias, Saro e Samu quere a segunda vitoria consecutiva ante un Compos que non gaña a domicilio dende febreiro, cando o fixo en Boiro. Líder e penúltimo medirán as súas forzas no San Lázaro de Noia o domingo ás 17 horas.
Nas Eiroas buscará achegarse aos postos altos un Silva que asinou as súas dúas últimas vitorias a domicilio. Un rival difícil para o Bergantiños, que non quere perder as súas opcións de asaltar o primeiro posto. En Carballo, o domingo ás 17:30 horas.
O Barco terá que viaxar á Illa de Arousa para visitar a un equipo a piques de certificar a súa permanencia na categoría un ano máis. Con necesidade de gañar chegarán os ourensáns, xa sen marxe de erro se queren un dos postos na promoción de ascenso. O partido no Salvador Otero será o domingo ás 17:30 horas.
Un equipo que o ten todo para xogar a vindeira tempada na Preferente Sur é o Vilalonga. O equipo sanxenxino quere alongar as súas opcións unha semana máis contra un Racing Vilalbés que deberá facerse cos tres puntos para seguir nos postos altos e, con axuda do Céltiga, ter a opción de ascender un posto máis. San Pedro abrirá as súas portas para acoller o partido o domingo ás 17:30 horas.
Arosa e Somozas queren desfacerse de rivais na pelexa polo terceiro e cuarto posto. Os dous terán que loitar na Lomba nun encontro onde só vale gañar e no que o perdedor pode perder ademais moitas das súas opcións. Ademais, de empatar, o Compos sería matematicamente equipo de promoción se supera ao Noia. Domingo ás 18 horas en Vilagarcía.
E rematamos no Morrazo. Alondras e Cultural Areas terán que medir as súas forzas con dous obxectivos moi diferentes. Os cangueses queren volver ao camiño da vitoria e non perder as súas opcións pola promoción ante un Areas que agora mesmo ocupa un dos postos que dependería dun ascenso para non perder a categoría. O domingo, en Cangas, ás 17 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario