O Compos conseguiu tres puntos de ouro a domicilio dous meses despois da súa última vitoria lonxe de Santiago. Non foi nada doado, contra un equipo que defendeu ben e nun partido que, malia contar co control case total dos nosos, non tivo goles ata un segundo tempo de tolos. De feito, pasouse dunha primeira metade con moi pouco que contar a unha segunda metade con catro goles e unha remontada que deixa aos nosos no máis alto da clasificación polo menos dúas xornadas máis.
Un gol de Stefan para os locais na reanudación do segundo tempo, un de Samu e dous de Alex Ares serviron para deixar unha boa actuación no segundo tempo permitindo ao Compos achegarse un pasiño máis ao máximo premio. Pola súa parte, o Noia terá que seguir remando para non perder a categoría.
Pouco fútbol.
Dende o arrinque do partido, o Compos buscou facerse coa posesión da pelota e impartir a súa xustiza no outro San Lázaro, que se convertiu en branquiazul grazas á boa chegada de seareiros dende a capital galega. Non obstante, malia manexar o esférico, as ocasións tardaron máis de media hora en chegar facéndoo, ademais, sen perigo suficiente sobre a portería de Pajarillo.
Logo de case corenta minutos nos que o único que houbo algo importante foi unha falta directa frouxa dos locais, a piques estivo a Esedé de anotar o primeiro no que podería ser un momento moi importante. Unha oportunidade clarísima de Primo na que se topou coa cruceta e na que Santi tampouco puido transformar o rexeite, que sacou un defensa na mesma liña de gol. Sen máis na primeira metade cun resultado que non axudaba a ningún equipo.
Chegaron os goles.
Logo dunha primeira metade sen ocasións, a segunda arrincou cunha sorpresa rápida. Stefan non precisou máis de dous minutos para aproveitar unha xogada embarullada na área visitante e adiantar aos seus. Adiantábase o Noia con tempo suficiente para conseguir o que pasaría co tempo.
A entrada de Santi axudou en labores ofensivas mais houbo que agardar vinte minutos para ver o tanto do empate, merecido logo do visto sobre o terreo de xogo. Non obstante, incapaces de anotar co balón en xogo, o tanto da igualdade chegou a balón parado. Samu que se estreou como goleador hai poucas xornadas, non perdoou de falta directa na súa antiga casa para comezar a remontada.
Con vinte minutos por diante, as oportunidades sucedéronse na portería defendida por Pajarillo sen ser capaces de dar a volta ao resultado ata os intres finais do xogo, cando Alex Ares sacou a súa calidade a relucir. O primeiro na súa conta chegou grazas a un roubo na banda esquerda de Alberto, sorpresa no once titular, e unha asistencia de Primo ante a defensa noiesa. Bo gol de Ares cun disparo cruzado ante o que nada puido facer o gardamallas.
O bo facer do de Pontedeume aumentou ata o engadido, cando certificou a vitoria visitante. Co Noia buscando case á desesperada o empate, roubo dos nosos, pelota para Ares que fai unha parede con Primo e non perdoa cun gran tiro.
Equipo de promoción.
Coa vitoria en Noia e aproveitando o empate entre Arosa e Somozas na Lomba, o Compos está xa clasificado de xeito matemático para a promoción de ascenso. Agora, co primeiro obxectivo cumprido, toca asegurar o primeiro posto da clasificación.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira (Sobrido, min. 67); Samu, Tomás (Santi, min. 55); Alberto (Mon, min. 88), Róber, Alex Ares; e Primo.
CARTÓNS: Amarelo para Lucas.
GOLES: 1-0 47' Stefan, 1-1 69' Samu, 1-2 84' Alex Ares, 1-3 90' Alex Ares.
CAMPO: San Lázaro de Noia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario