Chega o momento máis duro do curso. Restan só seis xornadas para o final da tempada regular e catro dos seguintes rivais dos nosos loitarán por un premio maior: a permanencia. Catro equipos que queren seguir na Terceira división comezando por un Noia moi lonxe da tan desexada permanencia. Un rival que recibirá na súa casa a dous ex xogadores e a un adestrador que terá que ver o encontro dende as bancadas.
Lonxe, non imposible.
Mirando unicamente a clasificación da Terceira división, se ter en conta posibles descensos dende a Segunda B, o Noia está agora mesmo a cinco puntos dos postos de permanencia. O equipo dirixido por José Manuel Pose, chegado no pasado mes de xaneiro, aínda mantén a esperanza de poder salvar unha categoría na que a parte baixa está cada vez máis igualada. Arestora, suman un total de 26 puntos e son penúltimos na táboa logo dun triunfo co que pecharon unha xeira negativa de catro xornadas sen gañar.
Con cinco puntos máis ca o pechacancelas, a chegada de Pose ao cadro noiés, e con el varios xogadores importantes, serviu para sumar cinco puntos máis nesta segunda volta ca nunha primeira que remataron no derradeiro posto da clasificación. Aínda así, unha mellora insuficiente para un dos peores equipos cando xoga de local conseguindo só 12 de 48 puntos posibles. Non obstante, ese dato mellora algo tendo en conta que dúas das tres vitorias que suman ante a súa xente chegaron na segunda volta, contra Arenteiro e Silva. Ademais, tres empates, todos na primeira volta, e dez derrotas entre as que destacar un 1-5 contra o Ourense ou un 0-4 ante o Arosa. Engadir tamén que seis desas caídas foron pola mínima.
En canto a goles, cos seus 35 goles a favor superan ata a sete equipos da clasificación con Nando como autor de 9 deles, 4 de Ferreiro e outros 3 de Stefan, chegado no mercado de inverno. Un dato un tanto positivo para eles, que anotaron 19 goles nesta segunda volta, ao que non acompaña o seu traballo en defensa, recibindo 58 goles que o sitúan como o segundo equipo máis goleado só superado polo Cultural Areas.
Os donos de San Lázaro.
Un dato curioso deste encontro é que, ao igual que pasou a xornada anterior entre Areas e Arosa, o campo dos dous conxuntos leva o mesmo nome: San Lázaro, aínda que no caso do campo noiés agora tamén o acompaña o nome do ex futbolista da vila Julio Mato, máis coñecido coma 'Matito', dende o pasado mes de xullo.
Pois ben, con isto hai que dicir que o Compos é dono do San Lázaro da capital, non no sentido máis estricto da palabra senón no tema deportivo. Dezaséis equipos pasaron pola nosa casa no que vai de tempada e só catro foron quen de levarse algún punto convertindo o feudo branquiazul nun fortín case imposible para os rivais. Polo seu lado, o Noia tomou un camiño un tanto diferente e é que, polo de agora, sumaron máis a domicilio permitindo a saída dun gran número de puntos da súa casa.
Un dos peores locais e un dos mellores visitantes. Antes do partido a conta sae favorable para un Compos que nunca perdeu en Noia na Terceira división xogando en tres ocasións máis na Preferente, conseguindo dous empates e unha vitoria pola mínima. En resumo, cinco visitas e ningunha derrota dos nosos.
En canto á primeira volta, en Santiago, o encontro rematou cun axustadísimo 3-2 favorable aos nosos. Adiantáronse os visitantes cun gol de Piñeiro mentres que Cardeñosa e Tomás puideron dar a volta ao resultado antes do tempo de lecer. Primo fixo o terceiro na conta local e David mantivo con vida aos seus co segundo gol a cinco minutos para o final. Partido no que, ademais, os dous equipos remataron cun xogador expulsado: Ube no Compos e Abelenda no Noia, neste caso dende o banco de suplentes.
Febreiro.
Hai xa case dous meses que pasou o mes e aínda hai que lembrar cousas positivas del para os dous equipos. De feito, de febreiro datan tanto a última vitoria visitante do Compos coma a última do Noia ante a súa afección, ámbalas dúas con tres semanas de diferenza.
Comezamos coa primeira no tempo, a do Compos. O equipo branquiazul chegaba a Boiro coa intención de mellorar unha xeira histórica. Diante, un dos poucos rivais que foron capaces de facerse cos tres puntos ante a Esedé e o primeiro que puido sacar un triunfo de San Lázaro. En Barraña, as cousas foron moi diferentes e os de Yago Iglesias non perdoaron facendo valer dous goles de Primo e un de Santi. Ademais, Cano marcou para os boirenses.
Tres xornadas máis tarde, aproveitando un mal momento do Silva, o Noia acadou a que é ata o de agora a súa última vitoria na casa. Contra o cadro coruñés, serviron un gol de Manoliño no treito final do primeiro tempo e outro de Nando no segundo. Tres puntos necesarios e que supoñían a cuarta xornada consecutiva sen perder para os noieses.
Quen repetirá?
Os dous equipos chegan a esta cita despois de sumar de tres a pasada fin de semana contra rivais directos de cara aos seus respectivos obxectivos. Alondras e Barbadás foron as vítimas escollidas polos dous equipos para aumentar un o seu camiño á promoción e achegarse á salvación o outro.
En Santiago houbo que sufrir. O Compos non puido pechar o encontro ante o Alondras logo do gol de Primo e o equipo cangués contou con numerosas ocasións para marchar de San Lázaro cos tres puntos. Non obstante, o bo traballo dos nosos en defensa valeu, unha vez máis, unha vitoria difícil.
Pola súa parte, a sorpresa chegou nos Carrís. O Noia chegaba obrigado a sumar de tres contra un Barbadás que de gañar podería case tocar cos dedos os postos de permanencia. Mais, o equipo con máis obriga de gañar foi o que se fixo cun premio que non se decidiu ata os minutos finais. E, de feito, chegouse aos quince últimos minutos co Noia por diante grazas ao gol de Juanjo no primeiro tempo. Quince minutos nos que non perdoaron Nando, Rubén Pérez e Dani Conde asinando o 4-0 definitivo.
Posibilidade de ter xa o billete.
A clasificación dos nosos para a promoción de ascenso é cuestión de tempo. Co primeiro posto aínda en xogo, existe a posibilidade de que os nosos sean xa equipo de promoción este mesmo domingo. Para iso haberá que gañar en Noia e agardar un agasallo de fóra. E é que dependemos tamén do que pase na Lomba, onde se enfrontan Arosa e Somozas. Se o partido en Vilagarcía remata en empate, o Compos xa asinaría a súa clasificación de xeito matemático mentres que se un gaña habería que mirar que non gañaran Barco ou Racing Vilalbés.
Non obstante, non hai presa para certificar o que chegará ou ben este domingo ou ben o seguinte ante o Ourense deixando para máis adiante, case seguro para a derradeira xornada, o primeiro posto.
Ausencia no banco.
Sen sancionados nin lesionados unha semana máis sobre o campo, o Compos contará cunha baixa importante no banco. Yago Iglesias, que xa foi expulsado ante o Ribadumia, terá que ver os dous próximos encontros dende as bancadas despois da sanción imposta pola Federación.
Mirando cara o partido seguinte, ante o Ourense, Samu, Ube e Naveira non poderían estar de ver un cartón amarelo en Noia esta fin de semana.
Fagámolo branquiazul.
O San Lázaro de Noia acollerá este domingo o partido correspondente á xornada 33 de liga ás 17 horas. Un partido que asubiará o colexiado pontevedrés Villar Álvarez sendo a primeira ocasión neste curso que arbitra ao Compos e a segunda que o fai co Noia logo da vitoria ante o Choco na primeira volta. O prezo das entradas será de 10 euros.
Quen por contra non poida ir ao partido poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, ademais do perfil oficial do clube en Twitter. Tamén se poderá escoitar en directo por 'Esedé Radio', na web do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario