Xa está! Primeiro obxectivo da tempada para o noso Compos, conseguido. O equipo dirixido por Yago Iglesias asinou o pasado domingo a súa clasificación para a promoción de ascenso. Non obstante, ese non é a principal misión dos nosos, que se presume complicada a cinco xornadas para o final do campionato regular co Bergantiños desfacéndose de rivais duros cada fin de semana. Un equipo, o carballés, que non tardará moito tampouco en asegurar a súa presenza en dita promoción pechando ademais unha loita pola primeira praza sen máis rivais posibles. Por debaixo, un Racing Vilalbés que asaltou o terceiro posto e un empate a puntos entre catro equipos que pelexan pola cuarta posición.
Catro de sete.
A xornada 33 quedará marcada como a fin de semana na que o Compos asinou, de xeito matemático, a súa clasificación para a promoción. Por iso e pola caída do Barco dos postos altos ata a sétima posición despois de meses tendo case asegurada a terceira praza. Ademais, o Bergantiños está a só dous puntos de conseguir a súa presenza na promoción.
A Esedé conquistou o San Lázaro de Noia nunha gran segunda metade con remontada incluida. Stefan inaugurou a conta a prol do cadro local xusto despois do paso por vestiarios mentres que Samu tivo que conseguir o empate a balón parado ante as dificultades branquiazuis á hora de ver portería. Co empate chegouse ao treito final do encontro e Alex Ares, nos dez minutos finais, pechou a vitoria sumando dous tantos na súa conta particular.
O Bergantiños non quere perder as súas opcións de ser campión de grupo e iso demóstrao en cada partido. Os carballeses recibían nas Eiroas a un Silva que buscaba meterse de novo na loita neste final de tempada e, tamén na segunda metade do xogo, non perdoaron grazas aos goles de Rodrigo Alonso e o ex branquiazul Borja Facal. Dous puntos os separan da promoción de ascenso de xeito matemático e catro do primeiro posto.
Con dez puntos menos está o novo terceiro clasificado. Aproveitando a caída do Barco, o Racing Vilalbés non tivo piedade do Vilalonga para ascender un caixón na táboa. Os lugueses visitaron un San Pedro que pasa as súas últimas horas coma campo de Terceira e con dous goles de Sergio Arias e outro de Alex Pérez deixaron sen validez o tanto local de Diego Lamas.
Ascendendo tamén postos na clasificación, o Arosa lidera ese empate a puntos entre catro equipos que pelexan pola cuarta posición e, con algo máis de sorte e traballo, tamén por unha terceira que está a tres puntos dos vilagarciáns arestora. Ante o Somozas, que mantén a sexta posición, na Lomba, un empate a un gol, obra de Manu Justo para os arlequinados e de Quique Cubas para os ferroláns, que non serve a ningún dos dous para fuxir dos seus perseguidores e que só beneficiou aos nosos.
Ás portas da promoción queda unha semana máis o Alondras. O único que busca entrar na promoción de ascenso e que asinou os tres puntos a pasada fin de semana, tardou case setenta minutos en sentenzar a súa cita no Morrazo contra un Cultural Areas que non quere perder a categoría. Jonas, Jose Gabriel e Raúl Champi sumaron os tres goles locais mentres que Yelco pechou o resultado co tanto visitante, xa sen tempo para conseguir algo positivo.
E dun que segue loitando por entrar entre os catro primeiros a un que caeu da terceira praza directo á sétima. O Barco encadeou a súa terceira derrota consecutiva no Salvador Otero ante un Céltiga case salvado matematicamente. Un partido con ata cinco goles e cunha curiosa cor branquiazul de fondo. E é que os tres goles do equipo da Illa de Arousa, co que deixaron case decidido o xogo aos vinte minutos, chegaron nas botas de Rubén Márquez en dúas ocasións e Paco, dous ex do Compos. Pola súa parte, Rubén García e Mitogo, tamén ex das filas da Esedé, buscaron manter con vida aos valdeorreses sen sorte.
Xornada para definir.
O domingo arrincará a xornada co Compos e o Ourense CF en San Lázaro presentando un gran partido co que os nosos buscarán, polo menos, asegurar a primeira posición durante outras dúas fins de semana e asegurar a súa presenza na promoción na primeira ou na segunda posición matematicamente. Pola súa parte, o cadro ourensán chegará sen nada en xogo despois de asinar a permanencia na Terceira unha tempada máis. Domingo ás 12 horas en Santiago.
Tamén sen nada máis no que pensar que nun erro dos nosos visitará o Bergantiños a Illa de Arousa. Contra un Céltiga case salvado, os de Carballo queren a súa terceira vitoria consecutiva coa que asinarían tamén a súa presenza na promoción de ascenso. Domingo ás 17:30 horas no Salvador Otero.
O Racing Vilalbés terá a posibilidade de asegurar a súa terceira posición unha semana máis fronte a un Arenteiro que depende dun posible ascenso para non pasar medo no treito final do campionato logo do descenso do Cerceda. Tres puntos de ouro para os dous equipos nunha cita moi importante. Domingo ás 17:30 horas na Magdalena.
Mirando cara os postos altos, a ese empate, chegan dous partidos que poden rematar con esa igualdade. Primeiro, no Barco de Valdeorras, o Barco recibirá ao Arosa nun partido onde os vilagarciáns poderían aumentar a súa diferenza goleadora, que agora mesmo o sitúa terceiro, fronte a un conxunto, o valdeorrés, que quere volver aos postos de promoción. En Calabagueiros, o domingo ás 18 horas.
E pechamos este pequeno resumo co outro enfrontamento importante, entre quinto e sexto. O Somozas quere volver á categoría de bronce fronte a un Alondras ao que lle separan sete goles do primeiro posto. Dous equipos que non perderán de vista o que faga o Arosa perdendo tamén na diferenza de goles ante o Racing Vilalbés nun posible empate co terceiro. Domingo ás 18 horas no Alcalde Manuel Candocia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario