O Compos sumou un punto antes das vacacións de Semana Santa na Lomba, onde o Arosa segue sen perder no que vai de tempada, e saca catro puntos de vantaxe a un Bergantiños que non puido sequera sumar na casa ante o Choco. Partido igualado en Vilagarcía, con un gol por cada lado e que puido rematar con triunfo branquiazul nos intres finais. Non obstante, resultado que sabe moi ben no terreo máis duro da categoría.
Media hora para entrar no partido.
O comezo do partido dos nosos non chegou ata a media hora. Mala saída ao terreo de xogo, sen intensidade, con constantes erros á hora de buscar a portería contraria e problemas para sacar a pelota de campo propio. Diante, un Arosa que non quixo perdoar ningunha oportunidade ante Lucas e que se adiantou no marcador superados os quince minutos de xogo grazas a un gol de Javi Pazos, que aumentou a súa conta como xa fixo na primeira metade. Un gol que chegou logo dun centro de Julio ao primeiro pau e que non perdoou o dianteiro cun testarazo logo de adiantarse a Lucas.
Pouco a pouco, máis vale tarde que nunca, o Compos foi entrando no partido buscando a portería de Lloves a base de xogadas directas que de pouco serviron. Primo, autor da mellor oportunidade nos primeiros corenta e cinco minutos, mandou a pelota ao pau mentres que Santi, minutos despois, topouse co gardamallas, cuxo rexeite tampouco foi quen de transformar Saro.
Primeiro tempo que se foi igualando ata o tempo de lecer e que rematou con Saro e Álvaro Casas con cartón amarelo.
Moito mellor tras o paso por vestiarios.
O tempo de lecer foi moi positivo para o Compos. Do xogo directo e case sen ideas dos minutos finais do primeiro tempo pasouse ao xogo de toque, con algo máis de tranquilidade, que caracteriza ao equipo de Yago Iglesias. Unha mellora no plantexamento que rápido se viu sobre o terreo de xogo, coa Esedé dona da pelota aínda que, de novo, sen poñer en risco a porta defendida por Lloves.
Dous minutos menos ca o Arosa no primeiro tempo precisou o Compos no segundo para poder asinar o gol do empate. Xogada de posesión longa dos nosos, pase de Santi para Róber e este para Samu que, desde a frontal e caendo, non perdoou cun disparo cruzado. Lloves non chegou ao balón por moi pouco, que entrou na portería sumando emoción ao encontro.
Co empate, os nosos pasaron a ser superiores, con Rubén e Diego Rey como autores das mellores internadas pola banda esquerda, aínda que sen sorte á hora de asistir a Primo, incapaz de obter ocasións claras nas inmediacións da área vilagarciá. Quen si estivo a piques de dar a volta ao resultado foi Róber, que de novo levou o papel de home máis perigoso entrando dende a banda dereita ante a ausencia dun Alex Ares que só xogou os dez minutos finais sen case oportunidade de mellorar o resultado.
Agora haberá que agardar dúas semanas para unha nova cita dos nosos. Recibiremos en San Lázaro ao Alondras nun novo partido ante outro dos conxuntos da parte alta da clasificación.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Uña, Naveira; Samu, Tomás (Mon, min. 76); Santi (Diego Rey, min. 61), Róber, Rubén (Alex Ares, min. 83); e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Saro, Casas e Naveira.
GOLES: 1-0 16' Javi Pazos, 1-1 60' Samu.
CAMPO: A Lomba.

Ningún comentario:
Publicar un comentario