O Compos seguirá unha semana máis no alto da clasificación despois dunha vitoria cómoda, aínda que curta, fronte a un Céltiga que fixo entre pouco e nada para sacar algo positivo de San Lázaro. Os nosos, en medio da Festa da Uña, mandaron durante os noventa minutos e, unha vez máis e van xa 17 coa súa sinatura no que vai de curso. Ademais, o dianteiro cántabro errou un penalti que podía ser o segundo antes do tempo de lecer e ata dous goles máis foron anulados por fóra de xogo na segunda metade mantendo a emoción ata o final. Tamén hai que facer unha mención especial ao traballo de Róber en ataque deixando unha moi boa actuación.
Gran traballo con recompensa.
Non pasara case nin un minuto de partido e xa puidemos gozar da primeira ocasión do encontro, obra de Róber e na que se atopou cun Manu Táboas que evitou unha goleada maior. O ex do Choco, protagonista en moitas ocasións do xogo, foi tamén o autor do primeiro cartón nun salto co ex branquiazul Paco, outro que tamén estivo metido en varias accións polémicas.
Se ben se di que á terceira chega a vencida, no caso de Róber non foi así. Dende a banda esquerda, o porriñés puxo en serios apuros a Táboas en dúas ocasións máis antes da media hora de partido mais sen ter a sorte suficiente para superalo. Unha sorte que si tivo Primo ao atopar un balón sen dono na área, logo dun intento de pase de Róber para Santi, para asinar o primeiro e único gol do partido, antes da media hora de fútbol.
Outro dos protagonistas da mañá, e da tempada en xeral, foi Primo. O máximo goleador do equipo mantívose na pelexa por marcar durante os noventa minutos e a piques estivo de ampliar diferenzas dende os once metros nun penalti que mandou ás bancadas. Unha posibilidade importante para encamiñar a vitoria que saía por enriba da portería.
Pouco máis na segunda metade.
Despois do gran traballo do primeiro tempo, o segundo non deixou tan bos detalles. Un Compos metido case todo o tempo en campo contrario e que non foi quen de superar a unha defensa que se adiantou nos momentos máis importantes deixando en fóra de xogo aos nosos no momento de disparar, invalidando dous goles máis.
Faltas, trocos... interrupcións en xeral nunha segunda parte na que, de novo, non houbo perigo sobre a portería defendida por Lucas e custodiada por Álvaro Casas e Uña, que volveu ao once titular un mes despois. Non se pode contar moito máis cos nosos buscando manter o resultado co que asinar un novo triunfo na casa a unha semana de visitar A Lomba de Vilagarcía, único campo onde ata o de agora ninguén foi quen de facerse cos tres puntos.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Casas, Uña, Naveira; Samu, Mon (Ube, min. 63); Santi (Sobrido, min. 72), Alex Ares (Rubén, min. 87), Róber; e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Róber e Ube.
GOLES: 1-0 28' Primo.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario