Que non pare a festa!

Entre o venres e o luns, o barrio compostelán de San Lázaro celebrará unha nova edición da 'Festa das Uñas'. Unha festa importante da cidade que contará con comida, verbena e, o domingo pola mañá, fútbol. E sobre iso imos falar. O Compos recibirá no medio da celebración a un Céltiga que aínda non ten nada asegurado, malia ocupar un posto na metade da clasificación. Un enfrontamento entre dous equipos que, aínda que moi ben encamiñados, non teñen os seus respectivos obxectivos aínda na man. 


Marcando a posible permanencia. 
Con dous meses por diante, o Céltiga sabe que non pode perder ollo tampouco do que pase na Segunda B. Nunha categoría de bronce con boa representación galega, ata sete equipos, os postos de descenso están, por desgraza, ateigados de equipos da nosa terra. Tres conxuntos descenderían de rematar agora a tempada, co Cerceda moi lonxe da permanencia, provocando unha serie de descensos tamén na nosa categoría dependendo dos posibles ascensos para que os danos non sexan tan importantes. E é que hoxe descenderían, ademais dos catro últimos, Laracha, Areas e Arenteiro marcando a salvación o cadro da Illa de Arousa, con dous puntos máis ca os do Carballiño. 
Suman ata o de agora un total de 33 puntos grazas a 10 vitorias e só 3 empates, que o sitúan, xunto a Boiro e Bergantiños, coma un dos equipos que menos puntos reparte. Ademais, 15 derrotas para un equipo con moi pouco gol a favor, só 20 tantos moi ben aproveitados, aos que restar 44 en contra. 
Trátase dun equipo que buscará igualar en puntos os 18 acadados no Salvador Otero logo de 4 vitorias, en campos tan complicados coma Barraña, Calabagueiros e A Magdalena, ademais de 3 empates, todos os que conseguiron na tempada. 23 goles en contra e só 8 a favor quedando só sen puntuar malia marcar un gol na súa visita ao Municipal de Espiñedo. 
Con ex xogadores branquiazuis nas súas filas, como son Stefan, Paco, Ángelo ou Jacobo Tato, no cadro da Illa o máximo goleador do equipo no que vai de campaña é outro ex dos nosos que deixou o equipo arousán logo dunha primeira volta na que foi autor de 5 goles. Trátase de Uru. Con menos goles, 3, están Adrián Camiño, Stefan e Capi, pezas más importantes no seu ataque. 

Vellos coñecidos.
Algo máis de trinta anos pasaron dende a primeira ocasión na que o Céltiga visitou aos nosos na capital. Trece enfrontamentos entre ámbolos dous conxuntos ata o de agora, contando a primeira volta, dos que os nosos saen moi favorecidos. De feito, dos 39 puntos en xogo, só 8 foron para os arousáns. Nove vitorias compostelanistas, dúas vitorias dos da Illa e outros dous empates nun enfrontamento con ata 32 goles en total, 23 deses para a Esedé. 
Na casa, os seis encontros anteriores non puideron rematar de mellor xeito. E é que o Céltiga só puido saír de Santiago, aínda en Santa Isabel, con un punto. Cinco vitorias branquiazuis e ningunha derrota nun enfrontamento que chega con 10 goles locais e só 3 en contra con só unha cita que superou a cifra dun gol de diferenza: o 3-1 da pasada tempada con goles de Recoba, Mon e Diego Rey para o Compos e Paco para o Céltiga. 
Na primeira volta, o resultado final foi o máis avultado ata o momento un 0-5 a prol dos nosos. Un gran encontro de Santi, con tres goles, e de Alex Ares, con dous, serviu para unha festa anotadora ante a que pouco, ou nada, puido facer Manu Táboas. 

Unha semana máis. 
O Céltiga, moi metido nesa pelexa pola permanencia, chega a esta xornada cunha semana máis de preparación por mor do temporal Félix que obrigou a pechar as instalacións deportivas de varios puntos da nosa terra incluindo o Salvador Otero, onde se ía xogar o Céltiga-Barbadás o pasado domingo. Un partido onde os da Illa de Arousa buscarían a súa cuarta xornada consecutiva sen perder, a segunda vitoria seguida ou a cuarta cita sen encaixar ningún gol. Un bo momento de forma que intentarán manter en San Lázaro. 
Por outro lado, o Compos buscará unha nova vitoria en San Lázaro despois do empate con máis emoción que fútbol en Calabagueiros. O equipo branquiazul, que gañou sete dos últimos partidos na casa e que encadea cinco meses sen perder, quere manter o seu bo momento e, con algo de sorte, aumentar a súa distancia con respecto ao Bergantiños. 

Agasallos de terceiros? 
Ademais deste partido, que sen dúbida non se pode non gañar, hai outro que ter moi en conta esta fin de semana. O sétimo clasificado, o Somozas, recibirá no Alcalde Manuel Candocia ao Bergantiños, segundo, nun partido que pode ser moi importante para os intereses dos nosos. E é que con só un punto de diferenza entre os dous equipos, o Compos non só ten que buscar ampliar a diferenza de puntos senón que, ademais, hai que ter moi en conta a diferenza de goles entre os dous primeiros, a cal gaña o cadro de Carballo por cinco. 

Volve Uña, caen Cardeñosa e Tomás. 
Para este partido, Yago Iglesias contará con dúas baixas moi importantes. Cardeñosa e Tomás viron o quinto cartón dos seus respectivos ciclos de sanción e non poderán estar este domingo volvendo á dispoñibilidade contra o Arosa na Lomba. Por contra, o que podería ocupar un posto no centro da zaga é David Uña, que volve ao equipo despois de dous encontros sancionado. Tamén poderán estar no banco de suplentes Rodri, Alex Otero e Castiñeiras despois do mesmo tempo lonxe do campo.
Outra cousa a ter en conta é que Samu podería saltar ao campo unha vez máis con catro cartóns amarelos, con opcións de perderse o enfrontamento ante o Arosa. 

Novo madrugón. 
Entre moita festa e antes dunha boa comida nos locais do barrio compostelán, ás 12 horas, o Compos recibirá ao Céltiga en San Lázaro. Un partido interesante para o que as entradas terán un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces de entre 13 e 18 anos e de balde para menores de 12. 
Asubiará o colexiado lugués Ferreiro Méndez. Na súa terceira tempada na categoría, non participou en ningún partido dos nosos no que vai de curso mais si que o fixo en dúas ocasións o ano pasado, en ámbalas dúas ocasións a domicilio, rematando con derrota na Grela e empate en Calabagueiros.
Quen, por contra, non poida asistir ao encontro terá numerosas opcións de seguilo: en Twitter, nos perfiles da Curva Branquiazul ou ben do clube, no noso Facebook, na 'Esedé Radio' dispoñible na web oficial do clube ou ben poderá verse en directo a través da TVG2. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario