A Nosa Loita (Xornada 31)

Unha semana máis que pasa e dous puntos máis que saca o Compos con respecto ao seu máximo perseguidor, o Bergantiños, nunha xornada na que os branquiazuis seguen a confirmar a súa superioridade na táboa. Unha fin de semana despois do temporal que deixa un novo esvarón do Bergantiños, a volta ao bo camiño do Barco, a confirmación do Vilalbés no cuarto posto, os empates de Arosa e Somozas e a derrota dun Alondras que perdeu a posibilidade de asaltar os postos altos a vindeira fin de semana, na que se enfrontarán ao Barbadás antes de visitar San Lázaro de aquí a quince días.

Sen cambios.
Logo dunha fin de semana moi importante, con enfrontamentos directos, o único dato significativo na parte alta é a confirmación do Compos no primeiro posto. E é que o equipo branquiazul superou a un Céltiga que non fixo moito por evitar a derrota en San Lázaro pechando cinco meses con só unha derrota na casa. Un triunfo grazas a un gol de Primo, que errou tamén un penalti e que mantén aos nosos no alto da clasificación sen importar o que pasara pola tarde en Pardiñas.
No Alcalde Manuel Candocia, Somozas e Bergantiños loitaron por mellorar as súas posicións. O equipo ferrolán, con opcións de botar unha man aos nosos, adiantouse grazas a un gol de Gerardo antes dos dez minutos de xogo mentres que os carballeses conseguiron un punto a doce do final cun tanto de Iago López. Un punto que os deixa a tres puntos dos nosos mais coa diferenza de goles superior para os das Eiroas.
Dúas derrotas e un empate. Un mal treito do campionato para o Barco, que volveu ao bo camiño na Lomba de Ponteareas, no mesmo campo onde perderon Compos e Bergantiños. Alí, os ourensáns aproveitaron un gran momento de cara a porta encamiñando a vitoria con dous goles, de David Álvarez e Rubén García, en cousa de tres minutos. Non obstante, Federico recortou diferenzas antes do tempo de lecer obrigando aos de Valdeorras a marcar un máis para sentenciar, gol que chegou a media hora para o final grazas a Tato.
Polo posto con máis pretendentes, o Racing Vilalbés parece estar moi preto de poñer o seu nome. Os lugueses seguen polo bo camiño coa súa terceira vitoria consecutivo. Tres goles e tres puntos contra o penúltimo clasificado, que pode estar pasando as súas últimas horas na categoría. Alex Pérez no primeiro tempo e Sergio Arias por partida dobre no segundo, autores dun triunfo importante na Magdalena que afasta aos locais dos seus perseguidores.
O sábado abriu a xornada un importante partido, tanto na parte baixa coma na alta, nos Carrís. O Barbadás, obrigado a gañar, recibía a un Arosa que se mantén como o equipo con menos derrotas do grupo. Sobre o campo, o cadro barbadés puxo o primeiro no marcador antes do tempo de lecer mentres que Sidibé, xa no engadido, asinou o empate para os arousáns.
E rematamos co único dos sete primeiros, por non aumentar este dato ata os doce primeiros, que non foi quen de puntuar. Ante un Boiro xa sen opcións, o Alondras non foi quen de sacar nada positivo. Miki e Cano puxeron terra de por medio antes de cumprirse a hora de xogo. Alex Rey, pola súa parte, anotou o 2-1 definitivo en Barraña.

Fin de semana vital?
Os sete equipos que pelexan polos catro postos da promoción terán esta fin de semana unha nova xornada moi dura na que os nosos buscarán ampliar máis as diferenzas con respecto aos seus perseguidores, sobre todo co quinto clasificado coa intención de asinar canto antes a súa presenza na promoción de ascenso. 
O domingo pola tarde pechará a xornada o mellor encontro da fin de semana. O Arosa, equipo con menos derrotas na da categoría e que aínda non deixou saír os tres puntos da Lomba, recibirá ao mellor visitante do grupo buscando a vitoria despois de conseguir só un punto dos últimos seis posibles a domicilio. Domingo ás 18 horas.
Tentando aproveitar de novo un erro dos nosos estará un Bergantiños que recibirá nas Eiroas ao Choco. Partido entre dous dos mellores locais da categoría no que os carballeses queren aproveitar o partido en Vilagarcía ou, como mínimo, aumentar a diferenza de goles que os deixarían como líder no caso dun empate a puntos ao final da tempada. Domingo ás 17 horas.
Outra cita onde haberá moitos intereses para os nosos será o que se xogue en Calabagueiros. O Barco recibirá ao Somozas nun enfrontamento igualado no que os ourensáns queren manter o terceiro posto mentres que os ferroláns terán a posibilidade de achegarse algo máis ao cuarto posto, aínda que dependendo do que pase no Couto. Domingo ás 17 horas
En Ourense, o equipo local recibirá a un Racing Vilalbés obrigado a puntuar se quere manter o cuarto posto da clasificación. Un equipo fóra de calquera loita, xa salvado virtualmente, contra un que buscará mellorar a súa conta goleadora que o sitúa como o equipo con peor diferenza de goles dos catro primeiros clasificados e que o podería afastar do obxectivo de non puntuar. Sábado ás 17 horas.
E rematamos en Cangas, no Campo do Morrazo. O Alondras, seguinte equipo que visitará San Lázaro, terá que recibir a un Barbadás obrigado a gañar para saír dos postos de descenso. Partido difícil para ámbolos dous conxuntos que, de non contar con vitoria local, podería deixar aos pontevedreses moi lonxe do obxectivo. Domingo ás 17 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario