Nunha fin de semana marcada polo paso do temporal Félix pola nosa terra, o fútbol galego contou cunha xornada un tanto diferente, con ata catro partidos adiados na Terceira división. Oito equipos que descansaron e entre os que se atopan os cinco últimos clasificados e o seguinte rival dos nosos en San Lázaro.
Unha xornada, a 29, na que o Compos mantivo o primeiro posto grazas a un gol no treito final do encontro, e do xeito máis inesperado. E é que durante máis dunha hora houbo un novo troco no alto da clasificación grazas ao triunfo cómodo do Bergantiños sobre o Arenteiro nas Eiroas. Quen tamén mantén o seu posto é o Barco, que co empate pasa a depender de si mesmo sen posibilidade de erro. E, unha vez máis, os trocos chegan na cuarta posición co Racing Vilalbés superando na táboa a Arousa e Alondras, único equipo que perdeu dos sete primeiros. O Somozas, pola súa parte, segue á espera dunha derrota dos equipos que o superan na clasificación a só un punto do cuarto e a tres do terceiro.
Non será doado.
Estaba claro que o camiño á promoción de ascenso non sería nada doado este curso e máis para un Compos que, ademais, busca tamén ser campión de grupo, con todos os privilexios que iso leva. Así se puido ver en Calabagueiros contra un Barco que cada semana está máis preto dunha tempada histórica. Para iso, o cadro branquiazul tivo que igualar un gol de David Álvarez, de falta directa, aos dez minutos. O empate, que chegou a dous minutos para o final, foi obra de Omar Navarro en propia porta.
Sen perder ollo segue un Bergantiños que non pasou por problemas para superar ao Arenteiro nas Eiroas. O equipo de Carballo chegou ao tempo de lecer por diante grazas aos goles de Rubén Rivera e Baleato mentres que Pablo Antas, na segunda metade, asinou o terceiro e definitivo ante un rival que, a día de hoxe, podería marcar os postos de permanencia ante os posibles descensos dende a Segunda B.
Seguindo cos enfrontamentos directos da xornada foi o que se xogou no Morrazo co cuarto posto en xogo. O Alondras recibía a un Racing Vilalbés que encadeou a súa segunda vitoria consecutiva entrando de novo entre os catro primeiros. O equipo lugués fíxose cos tres puntos a domicilio grazas aos goles de Rubén Gómez e Alex Pérez, este no engadido.
Outro que non pasou por excesivos problemas para seguir no alto foi o Arosa. O equipo de Vilagarcía superou ao Boiro nun partido marcado por unha expulsión en cada bando. Os goles do equipo local, que segue invicto na Lomba, foron obra de Sylla e Javi Pazos por partida dobre marcando o segundo na súa conta dous minutos antes de ser expulsado con cartón vermello directo, unha acción que o podería deixar fóra do partido contra os nosos antes das vacacións de Semana Santa.
E rematamos coa goleada da xornada, asinada por un Somozas que volveu ao camiño da vitoria igualando na clasificación a Alondras e Arosa con 51 puntos, peor con peor diferenza de goles. O equipo ferrolán superou sen grandes dificultades a un Cultural Areas que chegaba despois de derrotar aos dous equipos que loitan polo primeiro posto. Un encontro que chegou ao tempo de lecer sentenciado cun 4-0 favorable aos locais, con goles de Alex, Uzal e Gerardo por partida dobre. Na segunda metade chegou o quinto somocense, obra de Óscar, e os dous goles do Areas, de Yelco e Belhadi, pechando o 5-2 definitivo.
Despois da tormenta volve a guerra.
Nove xornadas por diante, dez para oito equipos que non puideron xogar a pasada fin de semana. O final do campionato está cada vez máis preto e a loita está cada vez máis intensa. Nesta xornada que vén, nova serie de partidos moi interesantes e nova oportunidade dos nosos para achegarse ao campionato.
Arrincamos coa cita máis importante para os nosos intereses. O domingo será a segunda vez consecutiva na que San Lázaro abra as súas portas pola mañá. O noso Compos recibirá ao Céltiga, un dos equipos que terá que recuperar o partido da pasada xornada nas vindeiras semanas. Partido importante para os dous equipos nas súas respectivas pelexas. Domingo ás 12 horas.
O partido máis importante da xornada é o que se xogará no Alcalde Manuel Candocia. O Somozas, con opcións de igualar ao CD Barco, terá que superar a un Bergantiños que quere seguir agardando un erro do líder para depender de si mesmo ata o final. Domingo ás 17:30 horas.
Seguindo cos postos da clasificación chegamos a Ponteareas. O Cultural Areas volve ao campo onde xa superou a Compos e Bergantiños nas súas últimas citas ante a súa propia afección. Nesta ocasión, para seguir coa lista, terán que enfrontarse ao Centro de Deportes Barco na Lomba noutro dos grandes partidos da fin de semana. O Areas, obrigado a gañar para non depender de terceiros, mentres que o Barco ten que puntuar se non quere perder o terceiro posto ou, incluso, caer dos postos da promoción de ascenso. Domingo ás 17:30 horas.
Outro que depende de si mesmo para rematar entre os catro primeiros é o Racing Vilalbés. O equipo lugués recibirá na Magdalena a un Noia que está a esgotar as poucas ocasións de salvarse coas que parecía chegar a esta segunda volta. Dous equipos que necesitan gañar para seguir con vida fronte a fronte. Domingo ás 17 horas.
Antes de recibir ao Compos na Lomba, o Arosa terá que sumar nos Carrís se quere seguir con oportunidades de asaltar o cuarto posto. O equipo arlequinado visitará a un Barbadás a un punto da suposta permanencia e que encadea tres xornadas sen perder. Sábado ás 17 horas.
E rematamos con outro dos grandes partidos da xornada. En Barraña, o Boiro buscará rematar coa xeira de dúas derrotas consecutivas, tres se temos en conta as catro últimas xornadas, contra un Alondras que non perde a domicilio dende novembro, cando o fixo en Calabagueiros contra o Barco. Unha boa cita e última a domicilio dos cangueses antes de visitar San Lázaro. Domingo ás 17:30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario