Unha semana máis que pasa e unha menos que queda para a promoción de ascenso. O Compos segue a sumar, nesta ocasión só un punto, nun camiño moi duro no que mantén esa primeira praza superando ao Bergantiños grazas a un gol nos intres finais. Diante, un Barco que non puxo as cousas nada doadas nun campo onde se mantén o mal de ollo, onde non se conseguiu gañar nunca. Omar Navarro, en propia porta, autor do gol branquiazul.
O Barco, superior.
O encontro arrincou co cadro local buscando a portería defendida por Lucas o antes posible. Dúas oportunidades antes de acadar os dez minutos de xogo e unha falta moi perigosa, na frontal, sobre David Álvarez. O xogador de Ponferrada mandou a pelota por enriba da barreira, lambendo o pau, poñéndoa lonxe do alcance de Lucas.
O dominio local mantívose sobre o campo polo menos uns vinte minutos máis. Non obstante, as oportunidades non chegaron con tanta facilidade sobre a portería branquiazul con David Álvarez como autor dunha nova oportunidade clara, de novo a balón parado.
Do Compos no primeiro tempo pouco se pode falar. Algunha oportunidade dende fóra da área e pouco máis... ata o final. O primeiro tempo rematou cunha ocasión moi clara de Tomás, que perdoou a porta baleira logo de desfacerse do gardamallas cun caneo.
Mellor segunda metade.
O Barco saiu, de novo, superior buscando a porta de Lucas. O Compos, pola súa parte, foi de menos a máis sacando ao cadro ourensán do seu campo e probando sorte ante un Pepelu que rematou sendo o mellor dos seus. Un dominio que se convertiu nun asedio constante nos quince últimos minutos conseguindo un premio que semellaba lonxe no tempo de lecer.
Cada xogada remataba cunha intervención de Pepelu. A remontada complicábase cada minuto que pasaba xunto coas ideas dos nosos para anotar. Non obstante, un centro de Rubén dende a banda rematou cun mal despexe de Omar Navarro directo á porta. Empate dos nosos e volta ao primeiro posto 'in extremis'.
Dous minutos mais engadido por diante para anotar un segundo gol que non chegou por parte de ningún equipo malia contar, ámbolos dous, cunha derradeira oportunidade de facerse cos tres puntos. Empate e grazas.
Agora hai que pensar xa no Céltiga, nun partido en plena celebración das festas de San Lázaro. Un partido no que non hai marxe de erro.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Samu, Tomás (Mon, min. 84); Alex Ares, Santi (Sobrido, min. 77), Róber (Rubén, min. 72); e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Alex Ares, Cardeñosa e Tomás.
GOLES: 1-0 9' David Álvarez, 1-1 86' Omar Navarro (en propia porta).
CAMPO: Calabagueiros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario