Arrinca a conta atrás final. Dez partidos convertidos en dez finais de aquí ao final da tempada, que remata a segunda fin de semana de maio, e con grandes cousas que se vivirán nesta Terceira galega. Entre esas grandes cousas pode estar un Compos campión de grupo, repetindo o que conseguiu ata en catro ocasións dende 1962 e por última vez en 2009 levando ao equipo ata tres veces á categoría de bronce do fútbol español. Para iso hai moito que traballar aínda, moito que remar, e os rivais non serán nada doados xa que, a día de hoxe, tres están a xogarse un posto na promoción de ascenso e outros cinco buscan non descender.
Primeiro haberá que visitar unha terra fermosa, de bo viño e, sobre todo, bo fútbol. Un rival, o Centro de Deportes Barco, que está a facer historia co seu terceiro posto e que buscará ata o final meterse na promoción de ascenso por segunda vez despois de conseguilo en 1989.
Dez puntos menos.
O Barco chega a este treito final da campaña nun momento de forma envexable. Terceiros na táboa, sen case opcións de acadar un posto superior máis coa tranquilidade de contar, agora mesmo, con catro puntos sobre o quinto clasificado. Un equipo que, malia encadear tres derrotas nas catro últimas xornadas, se amosa sempre forte coa segunda mellor defensa do campionato e sendo o cuarto mellor equipo cando traballa diante da súa afección.
Terceiros con 53 puntos en total, os de Valdeorras suman 15 vitorias, 5 empates e 7 derrotas. En canto a goles, é o equipo dos catro primeiros con menor número de tantos a favor con 44 nas 28 xornadas que levamos disputadas. Por contra, só o Bergantiños encaixou menos goles ca eles, 20 dos carballeses fronte aos 22 dos ourensáns.
De Calabagueiros poucos puntos puideron saír nesta campaña. Só 10 puntos de 39 posibles tomaron a porta de saída sen empates dende a primeira xornada de liga, cando o Vilalonga sacou un punto de ouro nun campo onde conseguiron gañar Céltiga, Laracha e Boiro, estes dous xa na segunda volta. Un escenario onde, ademais, se viviron grandes goleadas coma un 4-0 ao Racing Vilalbés, un 6-0 ante o Barbadás ou un 5-1 ante o Areas. Un campo que sempre ve goles e bo fútbol.
Boa culpa deste bo momento é de Mitogo, ex do Compos que volveu á súa casa despois duns meses por Salamanca, con 5 goles na súa conta. Por enriba nesta clasificación aparecen David Álvarez con 8 tantos e Ivi Vales, home máis perigoso, con 12.
Un gran local e o mellor visitante.
Se hai algo que pode chamar, aínda máis, a atención deste partido é que se enfrontan un dos mellores equipos ante a súa xente e o mellor cando non está na súa casa. Un Barco que non quere permitir ao Compos navegar cos tres puntos cara Santiago o domingo pola tarde.
Malia sumar dúas derrotas consecutivas, non se pode esquecer que moi poucos puntos saíron de Calabagueiros. De feito, antes da visita do Laracha, encadearon catro vitorias na casa... sen encaixar ningún gol. Unha fortaleza defensiva que se demostra vendo que só recibiron 7 goles deixando a porta a cero ata en oito ocasións.
Non obstante, diante estará un equipo que pasou de ter moitos problemas para gañar fóra de San Lázaro a encadear uns números inigualables. Con 32 de 42 puntos posibles, o equipo dirixido por Yago Iglesias só quedou sen puntuar na Magdalena e na Lomba de Ponteareas mentres que tanto do Morrazo coma do Couto saiu un punto. O mellor equipo a domicilio con diferenza e que buscará aumentar este dato.
Vendetta.
Despois de superar nos partidos da segunda volta a Racing Vilalbés e Boiro, só queda o Barco. O equipo ourensán puido sacar os tres puntos de San Lázaro provocando un cambio no equipo, encadeando quince xornadas sen perder e marchando aos seis puntos de diferenza con respecto ao segundo clasificado.
Polo de agora, o equipo branquiazul superou na segunda volta a todos aqueles cos que non puido na primeira e nesta ocasión hai que facer o propio nun campo onde nunca se sumou de tres. De feito, das cinco visitas branquiazuis ao Barco de Valdeorras só un punto viaxou cara Santiago, o conseguido a pasada tempada.
A diferenza do que conseguiu o Barco en Santiago, onde gañou nas súas dúas últimas visitas, o Compos só sacou 1 punto de 15 posibles cun empate con gol de Diego Rey nun campo onde non se conseguiu nada positivo entre 1987 e 1990. Será este ano cando se consiga a primeira vitoria?
Moita importancia.
Xa non só polo momento da tempada na que nos atopamos senón que, ademais, os locais deben volver ao camiño da vitoria se non queren ver perigar a súa presenza na promoción de ascenso, sobre a que contan con 4 puntos da vantaxe. Pola súa parte, o Compos ten que gañar se non quere perder de novo o primeiro posto e, non menos importante, buscar mellorar a súa diferenza de goles con respecto ao Bergantiños, que aínda suma dous goles máis.
O Barco chega logo de dúas derrotas, xeira semellante coa que chegaron os nosos ao encontro ante o Somozas a pasada fin de semana. Superados por Boiro e Barbadás, os valdeorreses só conseguiron unha vitoria nas catro últimas xornadas, ante Racing Vilalbés. De feito, no último derbi non puideron facerse con nada positivo nos Carrís perdendo un bo colchón de puntos con respecto ao cuarto e ao quinto clasificados.
Volve Róber.
Despois de superar adversidades a pasada fin de semana, na se contou cun total de dous sancionados sobre o terreo de xogo e tres máis no banco, Yago Iglesias poderá contar unha peza máis ante o Barco. E é que despois da fin de semana vendo fútbol na bancada, Róber poderá ser convocado de novo para esta cita que se perderá, rematando a súa sanción imposta pola Federación, David Uña así como Rodri, Alex Otero e Castiñeiras, que tampouco poderán sentarse no banco cumprindo a súa segunda fin de semana lonxe do campo.
Por outra parte, ata tres xogadores chegan apercibidos de sanción e non poderían estar ante o Céltiga a vindeira fin de semana de ver un cartón amarelo en Calabagueiros. Tomás e Cardeñosa, que xa viron nove, e Samu, que xoga con catro dende a visita do Ribadumia a San Lázaro, parten coa posibilidade de perderse o enfrontamento na casa ante o cadro da Illa de Arousa e estar seguro ante o Arousa na Lomba.
Un de cinco.
O encargado de impartir xustiza será o colexiado vigués Caamaño Vázquez. Será a terceira vez na que arbitre aos nosos no que vai de tempada despois das vitorias na Senra contra o Ribadumia (3-4) e a goleada contra o Arenteiro en San Lázaro (4-0). Ademais, foi tamén o encargado de asubiar a tempada pasada no empate na Illa de Arousa contra o Céltiga (2-2) e na derrota no Roxo contra o Cerceda (1-0). Tamén estivo en 2012 na vitoria dos nosos ante o Céltiga en San Lázaro (2-0).
En canto a cartóns, ensinou un total de 44 en 8 partidos nesta campaña da Terceira galega, unha media de 5,5 por encontro, e só un vermello no enfrontamento entre Alondras e Ourense que se pechou con 9 cartóns amarelos.
Quince minutos despois.
O partido está marcado para unha hora un tanto diferente. E é que dará comezo ás 17:15 horas, quince minutos despois que gran parte da xornada, en Calabagueiros, no Barco de Valdeorras, o partido entre o líder e o terceiro o cal foi marcado polos locais como 'Día do Clube'.
Para quen non poida achegarse a terras ourensás, o partido poderá seguirse a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:
Publicar un comentario