A Nosa Loita (Xornada 29)

Nova xornada e un novo troco de líder na Terceira galega. O Compos rematou coa mala dinámica que o levou a encadear dúas derrotas consecutivas, perdendo tanto o primeiro posto coma unha xeira histórica, e de novo goberna na categoría por enriba dun Bergantiños que tampouco puido sacar nada positivo da súa visita ao Areas cun resultado que se repetiu tamén nos Carrís deixando ao Barco tocado a oito días de recibir ao líder e coa opción de deixar o terceiro posto. Outro que recuperou unha posición privilexiada foi o Alondras grazas á súa vitoria en Laracha superando na táboa a Arosa, que perdeu contra o Racing Vilalbés, e Somozas. 
A nota negativa desta xornada chega dende A Coruña. Na Grela, o Silva quedou case sen opcións de loitar polos catro primeiros postos logo de caer ante o Ourense encadeando así catro derrotas consecutivas. Queda case sen opcións ao igual que o Boiro, que non gaña na casa dende mediados do mes de xaneiro mantendo esta mala dinámica fronte o Céltiga. 

De novo, líderes!
O domingo pola mañá disputouse en San Lázaro un dos partidos máis importantes da xornada na zona alta. O Compos loitaba por ser, unha vez máis, líder da Terceira en solitario ou, polo menos, achegarse á diferenza de goles pola que o Bergantiños ocupou un posto superior durante a pasada semana. E así pasou. O equipo esqueceu as dúas últimas derrotas e non tardou en adiantarse cun gol de Primo, levando a súa superioridade ao marcador. O mesmo autor asinou tamén o segundo logo do tempo de lecer e Alex Ares, de falta directa, pechou a goleada. Tres puntos e tres goles que recortar ao Bergantiños. 
O equipo de Carballo non só se deixou tres puntos, moi importantes neste treito final, senón que, ademais, a súa derrota axuda algo máis aos nosos a mellorar a diferenza de goles entre ámbolos dous conxuntos. Un partido moi complicado na Lomba de Ponteareas contra un Cultural Areas que se puxo 2-0 no primeiro tempo grazas aos goles de Canhoto e Yelco. Na segunda metade chegou un gol de Baleato insuficiente para asinar algún punto ante un Areas que fuxe algo máis do descenso. 
Quen tampouco puido puntuar, e que podería perder a súa boa posición na táboa, é o Centro de Deportes Barco. No derbi ourensán ante o Barbadás, os de Valdeorras comezaron perdendo grazas a un gol de Helder Rodrigues, que rápido conseguiron igualar cun tanto de Ñiles. A vitoria local chegou na segunda metade grazas a un gol de Caique para manter con vida a un Barbadás que segue ocupando un dos catro postos de descenso. 
Unha hora e media despois arrincou outro partido importante no Municipal de Laracha. Os locais recibían a un Alondras obrigado a gañar para seguir no alto dunha clasificación cada semana máis igualada. E con dous goles de Alex Rey no segundo tempo fixéronse coa cuarta posición da táboa dende a tarde do sábado. Ninguén conseguiría quitarlle o posto aos cangueses. 
Sen sacar o ollo ao premio final segue o Racing Vilalbés. O equipo de Gilsanz superou a outro dos grandes da categoría, chamado a estar entre os catro primeiros ao final do campionato regular. Na Magdalena, os lugueses superaron a un Arosa que non soubo darlle a volta a una vantaxe local de dous goles, os dous obra de José Varela. No treito final conseguiron recortar diferenzas cun tanto de Javi Pazos mais foi insuficiente perdendo ata dúas posicións. 
Un que podería ter na man a permanencia e nada máis é o Silva. Despois dun inmellorable arrinque de tempada, os coruñeses non están a pasar por un bo momento encadeando catro derrotas consecutivas. Comezaron o mes de marzo igual que remataron febreiro ante un Ourense que se fixo cos tres puntos grazas a un gol de Brais Lema en propia porta. 

Xornada moi importante para a promoción.
A xornada 29 chega con partidos moi importantes entre os conxuntos que loitan pola promoción de ascenso. Unha pelexa na que sete equipos comezarán a conta atrás coa posibilidade de ocupar un deses catro postos que dan opción ao ascenso con tres, de momento, asegurados. 
O mellor partido da xornada, segundo a clasificación, é o que se xogará en Calabagueiros. O CD Barco recibirá a un Compos co mesmo obxectivo: asegurar a súa posición. O equipo ourensán, terceiro, deberá gañar se quere asegurar a súa praza mentres que o Compos buscará manter o seu bo camiño a domicilio despois da derrota na Lomba. Domingo ás 17:15 horas.
Sen perder ollo do que pase en Valdeorras, o Bergantiños terá que superar a un Arenteiro que non quere rematar a tempada inmerso nos descensos en cascada dende a Segunda B, de onde poderían caer polo menos dous equipos. Pola súa parte, o cadro carballés buscará un erro dos nosos para seguir con opcións de ser campión de grupo. Domingo ás 17 horas. 
A mellor loita polo cuarto posto estará en Cangas. O Alondras, actual cuarto clasificado, recibirá ao Racing Vilalbés, quinto. Só dous puntos separan a ámbolos dous conxuntos na táboa e só o triunfo serve aos lugueses para facerse coa recompensa. Os dous equipos dependen de si mesmos para facerse co mesmo premio. Domingo ás 17 horas.
Outro dos grandes enfrontamentos da xornada xogarase na Lomba de Vilagarcía. O Arosa, que segue sen perder na casa no que vai de tempada, quere manter o seu bo camiño ante a súa afección ante un dos grandes. O Boiro, que non está a pasar un bo momento fóra dos terreos de xogo e levando ese problemas ao campo, quere manter a súa xeira positiva a domicilio despois de dúas vitorias consecutivas lonxe de Barraña. Domingo ás 17 horas.
E pechamos a lista cun partido entre un equipo que non quere perder as súas oportunidades e o que chega de gañar aos dous últimos líderes, provocando dous cambios no alto da táboa. O Somozas, que só gañou un dos sete últimos partidos, recibirá na casa a un Cultural Areas que encadea tres xornadas sen perder conseguindo así saír dos postos de descenso, mais aínda ocupa un deses caixóns na clasificación que pode depender de terceiros para manter a categoría. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario