Misión (im)posible

As xeiras están para rompelas, sexan boas ou malas, e iso é o que terá que buscar este domingo o Compos na Lomba de Vilagarcía. Chega unha nova final, con dobre ración de emoción e fútbol e a posibilidade de deixar moi preto a clasificación matemática dos nosos para a tan asexada promoción de ascenso. Un partido que terá triséximo segunda pelexa sobre o campo nun dos mellores momentos da historia do cadro arlequinado como local, onde non perderon no que vai de tempada nin un so partido.


Na Lomba ninguén gaña. 
Nin unha soa derrota. O Arosa está a facer unha tempada para o recordo, sobre todo ante os seus. Despois de catorce xornadas, de sete meses de fútbol, o equipo arousán non perdeu nunca na casa, nun campo polo que pasaron Racing Vilalbés, Barco ou Alondras entre outros e polo que, ademais da Esedé, terán que pasar nas vindeiras xornadas Somozas e Bergantiños. 
Mais iso non é todo. Fóra tampouco puxeron as cousas nada doadas, sumando só catro derrotas a domicilio así como un empate en San Lázaro, de onde só saíran os 3 puntos contra o Barco quince días antes. Quintos na táboa con 52 puntos, a só 3 do Racing Vilalbés, os vilagarciáns gañaron e empataron o mesmo número de partidos: 13, mentres que só perderon catro, todos a domicilio e só un deles nesta segunda volta. 
Dos seus partidos na Lomba pouco se pode contar, ou pouco se pode dicir que poida ser positivo para os nosos. E é que de 42 puntos posibles, 30 quedaron na casa. Só Ourense, Vilalonga, Ribadumia, Barco, Alondras e Negreira, só este último na segunda volta, foron quen de sacar un punto de Vilagarcía. A iso hai que engadir 29 goles ao seu favor e só 9 en contra, un dato non tan negativo se temos en conta que só 2 deses tantos encaixados quedaron sen premio ao final do encontro servindo o resto para empatar. Só o encontro ante o Ribadumia rematou sen goles.
A nivel individual non é doado nomear só a un xogador. Javi Pazos, máximo goleador do equipo e da categoría con 20 goles, apunta a home máis perigoso entre os que engadir tamén a futbolistas coma Sidibé, Julio Rey, Sylla ou Lloves, un dos maiores culpables do bo camiño que leva o equipo baixo paus.

Bo campo para nós. 
Ata en quince ocasións visitou o Compos Vilagarcía. Corenta e cinco puntos en xogo dos cales vinteoito viñeron para Santiago mentres que trece quedaron en terras arousás. Oito triunfos para os nosos, último hai nove anos con goleada incluida, catro empates e só tres derrotas entre os anos 60 e os 80. 
Dende a primeira visita dos nosos a Vilagarcía, alá polo ano 1963, o enfrontamento entre branquiazuis e arlequinados convertiuse nun clásico do noso fútbol. Un clásico que nos deixou un total de 36 goles dos cales 24 foron para os nosos e só 12 dos locais. Dous 0-3, dous 0-1 e outros tantos partidos sen goles, os resultados máis repetidos ao longo da historia. 
Na última ocasión, a pasada tempada, os homes de Yago Iglesias non puideron pasar do empate sen goles ante un Arosa que chegaba tamén sen perder na casa, aínda que só pasaran once xornadas mantendo esa xeira ata o mes de abril, cando o Bergantiños gañou pola mínima.

37 goles entre dous. 
Chega unha cita cunha pequena loita sobre o campo. Con dous dos mellores porteiros da categoría baixo os paus, os dous mellores dianteiros da Terceira galega terán moito máis traballo para marcar. Non obstante, só con dous xogadores, haberá ata 37 goles sobre o verde da Lomba, unha cifra difícil de igualar e mellorar en calquera categoría. Algún conseguirá aumentar a súa conta particular? 

Segunda volta para enmarcar. 
Dende o 7 de xaneiro, día que arrincou a  segunda volta, os dous equipos asinaron uns números inmellorables. De feito, o Compos é o mellor equipo desta segunda volta con 25 puntos conseguidos seguido moi de preto polo Arosa, que asinou 22 de 33 posibles. 
Só Bergantiños e Cultural Areas puideron facerse cos tres puntos ante o Compos mentres que o Barco foi quen de sacar un punto en Calabagueiros. Pola súa parte, o Arosa só perdeu ante o Racing Vilalbés no que levamos de segunda volta e empatou ante Ourense, Negreira, Choco e Barbadás marcando, como mínimo, un gol por partido, encaixando como máximo un e deixando a súa porta a cero en catro ocasións.
Chegando á actualidade, o Compos chega despois de gañar a pasada fin de semana en San Lázaro ao Céltiga nun partido no que os nosos puideron golear, perdoando un penalti e con dous goles mais anulados. Pola súa parte, con máis sorte, o Arosa empatou no engadido ante o Barbadás nos Carrís. 

Facemos unhas contas?
Este ano a promoción non é un soño senón, máis ben, un obxectivo obrigatorio. Un obxectivo que está cada día máis preto e que podería chegar en, como mínimo, unha semana. Para iso, non só dependeríamos de nós mesmos senón que sería bo un agasallo de terceiros. O primeiro sería gañar ao Arosa na Lomba e se o Barco fai o propio en Calabagueiros ante o Somozas, a clasificación real, xa que a virtual está máis que conseguida, estaría a tres puntos que se poderían asinar ante o Alondras en San Lázaro despois de Semana Santa. 
Para máis adiante queda a pelexa pola primeira posición, que non só está máis igualada senón que, ademais, perderíamos no caso de haber empate a puntos.

Todos dispoñibles. 
Despois dunhas xornadas con baixas por sancións, volven ao equipo Cardeñosa e Tomás para a cita máis importante e dura desta segunda volta. Sen xogadores mancados nin sancionados, Yago Iglesias terá a todo o equipo dispoñible para esta cita. Non obstante, hai que ter en conta a dous apercibidos de sanción para o vindeiro encontro: Samu e Ube, que chegan os dous con catro cartóns amarelos no peto. 

Pechamos a xornada. 
O partido máis importante da xornada será na Lomba de Vilagarcía o domingo ás 18 horas. Un encontro nomeado polos vilagarciáns como 'Medio día do clube' polo que os aboados locais terán que pagar 5 euros por persoa mentres que as entradas para os non aboados seguen ao prezo habitual de 10 euros.
Quen, por contra, non poida achegarse ao pobo arousán, poderá seguir o partido a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá verse en directo a través da segunda canle da Televisión de Galicia. 
Para rematar, lembrar que o encargado de impartir xustiza será o colexiado lugués Pérez Prado. Será a segunda vez que asubíe nun partido dos nosos no que vai de tempada logo do 0-1 en Laracha na segunda volta e a cuarta vez na súa carreira despois do 0-0 en San Lázaro ante o Órdenes da pasada tempada e o 0-3 en Narón hai xa seis anos. 51 cartóns amarelos e 2 vermellos en 9 partidos esta campaña cunha media de case 6 cartóns por encontro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario