Gañadores da guerra!

O Compos saiu gañador dunha dura loita contra un Somozas que non creou case perigo. Un triunfo moi importante nun partido pouco vistoso entre dous dos mellores equipos da categoría e que deixa atrás un mal momento dos nosos que se pagou con dúas derrotas consecutivas. Dous goles de Primo, que segue a aumentar a súa gran conta goleadora, e outro de Alex Ares con algo de axuda do vento, suficientes para desfacerse dun rival que ten no centro do campo o mellor do equipo, co ex branquiazul Gonzalo mandando en cada balón. 


Unha loita con moitos caídos.
Cun árbitro que case dobrou a súa media de cartóns amarelos, o primeiro tempo contou con numerosas interrupcións. Moitas caídas, algunha que outra lesión temporal e, sobre todo, moitos balóns fóra por mor dunha permisividade que se transformou en nove amoestacións ao longo do encontro. 
Entre falta e falta chegou o gol que fixo saltar San Lázaro. Primo, autor tamén da primeira ocasión no arrinque, aproveitou un gran pase ás costas da defensa, controlou e superou ao porteiro cun caneo marcando logo a porta baleira. Un gol que tivo resposta rápida cunha ocasión de Diego Uzal mandou por enriba do longueiro sen chegar a poñer en perigo a un Lucas que tivo unha actuación cómoda. 
Unha primeira metade que se pechou coa vantaxe curta pero suficiente para un Compos que, por contra, marchou ao vestiario con ata tres xogadores amoestados fronte a un so cartón para os visitantes. 

Superioridade local. 
A segunda metade non puido arrincar de mellor xeito. O Compos fíxose coa posesión da pelota e, despois dunha nova loita no centro do campo, chegou o segundo premio para os nosos. Nova contra, balón ás costas do lateral somocense que gaña Sobrido e pase da morte para Primo, que non ten máis que empurrar o esférico ao fondo das redes. Segundo da Esedé e segundo na conta particular do dianteiro cántabro. 
Co paso do tempo, a superioridade branquiazul foi en aumento co paso dos minutos. Mostra diso, unha nova oportunidade de Santi que non se cola na porta visitante ou o cartón amarelo para o ex do Compos Jacobo segundos despois de entrar ao terreo de xogo. Unha falta que rematou co terceiro e definitivo gol dos nosos, obra de Alex Ares aproveitando algo o vento para enganar completamente ao porteiro, que acertou a traxectoria da pelota mais non foi quen de evitar un dos grandes goles da xornada.
Ata o final, entre uns cantos cartóns máis, Samu tivo a oportunidade de facer o cuarto topándose con Javi Seral mentres que Diego Rey estivo a piques de superalo cunha vaselina que non entrou por moi pouco. Unha vitoria, unha goleada, para espantar as meigas no momento máis importante.

Agora hai que pensar na visita a Calabagueiros da vindeira fin de semana. Arrinca o treito definitivo da tempada con tres dos catro seguintes rivais metidos de cheo na loita pola permanencia. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Mon, Tomás (Samu, min. 77); Santi, Alex Ares, Sobrido (Ube, min. 77); e Primo (Diego Rey, min. 68). 
CARTÓNS: Amarelos para Naveira, Tomás, Saro e e Cardeñosa. 
GOLES: 1-0 20' Primo, 2-0 55' Primo, 3-0 64' Alex Ares.
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario