Chega o momento. Xa non hai máis erros posibles. O Compos debe erguer o voo este domingo ante un rival directo pola promoción nun partido co que abrir o domingo. Diante, un Somozas que tamén quere desfacerse dunha xeira de resultados moi negativa, sumando só unha vitoria en seis xornadas. A mellor ocasión para borrar dunha vez a mala dinámica que acompaña aos nosos nas últimas semanas con cero puntos conseguidos dos seis últimos en xogo.
O rival desta fin de semana, o Somozas, buscará non só os tres puntos senón que, ademais, ten a oportunidade de seguir con opcións de ocupar o cuarto posto, polo que a día de hoxe hai ata catro equipos loitando coa mesma puntuación. Pendentes do que pase en Vilalba e Laracha, os da Ferrolterra deberán gañar nun campo onde xa o fixeron hai dúas tempadas.
Obxectivo: a promoción.
Non hai outra cousa na que se pense no Alcalde Manuel Candocia. O Somozas, recén descendido, busca volver o antes posible á categoría de bronce na que pasaron tres tempadas históricas. Para iso, o cadro somocense está a conseguir os resultados máis ou menos esperados con algún que outro problema nas últimas xornadas, conseguindo só un triunfo nas seis últimas datas.
Sextos con 48 puntos despois dun total de 27 xornadas, os de Míchel Alonso son o cuarto equipo con máis vitorias, 14 en total, ás que engadir 6 empates e 7 derrotas, máis da metade a domicilio. En canto a goles, trátase do terceiro equipo con maior acerto mentres que é o sexto que máis recibe cun gol menos en contra ca os nosos.
Lonxe de Pardiñas, as cifras son semellantes ás que asinou a Esedé en San Lázaro. De feito, o segundo mellor equipo cando sae da casa só superado polos santiagueses, só leva dous puntos menos a domicilio ca os de Yago Iglesias na casa. A iso hai que engadir que, ao igual que o seu rival desta fin de semana, puntúan máis a domicilio que ante a súa propia afección. 26 puntos grazas a 8 vitorias, 2 empates e 4 derrotas. Números entre os que salientar a goleada en Boiro, última vitoria ata o momento, ou as derrotas ante Racing Vilalbés e Bergantiños. Os empates, ante Ribadumia e Silva. Ademais, 23 goles a favor e 13 en contra.
A nivel individual hai varios xogadores dos que falar. Comezando polo ex do Compos Jacobo, titular habitual ás ordes de Míchel Alonso, hai dous xogadores cos que ter moito coidado. Duque suma nove goles en total mentres que Gerardo anotou un máis, un deles ante os nosos na primeira volta.
Os dous mellores visitantes.
Sen dúbida, se hai dous equipos que meten medo cada vez que xogan a domicilio son Compos e Somozas. Un suma 32 de 42 puntos posibles lonxe da súa casa. O outro, 26 de 42. Só seis puntos os separan, dúas vitorias entre as que se atopa a conseguida no Candocia, na primeira volta.
Non obstante, nesta ocasión hai que falar do Compos cando actúa como local e os seus números parécense aínda máis aos antes descritos. Con 28 puntos conseguidos en San Lázaro, un empate menos e unha vitoria máis ca os somocenses, o Compos chega de perder a súa última cita na casa de xeito inmerecido con intervención do colexiado, unha das diferentes razóns polas que non se está a pasar polo mellor momento.
Non están a pasar polo seu mellor momento.
Ningún dos dous equipos está a pasar por un bo treito do campionato con problemas para sumar de tres. De feito, ámbolos dous conxuntos chegan despois de non gañar a pasada fin de semana. Non obstante, os problemas chegan de algo máis atrás. Botemos unha ollada ao pasado recente.
O Compos chegou ao partido contra o Bergantiños cunha xeira histórica de dez vitorias consecutivas e a oportunidade de deixar moi ben encamiñado o primeiro posto. Un mal segundo tempo, un contraataque moi ben definido e un erro arbitral no engadido puxeron máis emoción á loita polo primeiro posto. Mais iso só foi o comezo da que, esperemos, será unha curta caída. Esvarón, por dicilo doutro xeito, que complicou algo máis as cousas co segundo capítulo, en Ponteareas. Alí, outra derrota pola mínima contra o Areas tamén con polémica arbitral e que se cobrou dúas vítimas para este encontro.
Pola súa parte, o Somozas só foi quen de asinar unha vitoria nas seis últimas xornadas. 9 de 18 puntos posibles. Catro empates, só unha vitoria ante o Boiro e unha derrota, en Laracha. Sen perder na casa dende o mes de novembro, as cousas non lle van nada mal lonxe de Pardiñas. De feito, sen contar a súa derrota no Municipal de Laracha, a súa anterior caída foi tamén no mes de novembro, contra o Alondras xusto unha xornada antes de perder contra o Noia arrincando a que foi a súa peor xeira.
Só unha... a última.
Compos e Somozas enfrontáronse nun total de nove ocasións con só unha vitoria ferrolá en terras compostelás. Neses nove encontros, os nosos conseguiron un total de catro vitorias, unha derrota e outros catro empates. 14 goles para os nosos e só 5 para os somocenses, sempre perigosos.
En San Lázaro, catro citas con resultados moi igualados entre os que se atopa a única vitoria somocense ata o de agora. Foi na primeira volta de hai dúas tempadas, aínda na Segunda B e chegou grazas a un gol de Antón De Vicente. Antes, dous triunfos branquiazuis e un empate a un gol entre a categoría de bronce e a Terceira.
Hai só uns meses, na primeira volta, o Candocia viviu un bo partido de fútbol no que os nosos mandaron con claridade dende o comezo levando esa superioridade ao marcador antes do tempo de lecer con goles de Alberto e Sobrido. Dita superioridade desapareceu nos primeiros quince minutos do segundo tempo aproveitando Gerardo para poñer aos seus a un gol de diferenza e os nervios sobre o campo. Mais Primo apareceu xa no engadido para pechar a vitoria co terceiro e definitivo.
Vexamos as consecuencias.
Ata un total de seis xogadores remataron con cartón amarelo. Un cartón vermello directo e outro expulsado no vestiario. Así rematou o partido contra o Cultural Areas, ao que engadir máis actuacións polémicas por parte do colexiado e que puideron afectar ao resultado.
Pois ben, para este partido hai dúas baixas moi importantes que proveñen dese partido. E é que tanto Róber, que viu o quinto cartón amarelo na Lomba, coma David Uña, que viu un cartón vermello directo por protestar dende o banco de suplentes e que estará nas bancadas dúas semanas por sanción, non poderán estar. Por sorte, o que si poderá estar será Primo, ao que lle retiraron o segundo cartón amarelo co que o árbitro o expulsaba no vestiario logo de protestar polo penalti sobre Rubén que non sinalou nos minutos finais. Ademais, Manuel Castiñeiras e Alex Otero non poderán estar no banco tampouco nas dúas vindeiras xornadas por sanción.
Sen xogadores mancados, Samu segue a ser a única peza apercibida de sanción e que podería contar con minutos de novo ante o Somozas se Yago Iglesias o cre preciso.
Horario moi positivo.
Esta será a cuarta ocasión na que o Compos teña que abrir a xornada de domingo. Cuarta ocasión na que haberá que madrugar algo máis para ver ao noso equipo en acción, segunda en San Lázaro. Antes, empate a un gol contra o Ourense no Couto na primeira volta, vitoria cómoda na Grela e goleada, unha semana despois, en San Lázaro contra o Ribadumia. Tres citas que se pecharon con sete de nove puntos posibles. Pola súa parte, o Somozas tamén tivo que madrugar para xogar en Ourense, onde asinou a vitoria pola mínima, e na Coruña, onde non puido pasar do empate.
Este domingo, o Compos-Somozas arrincará ás 12 horas en San Lázaro. O prezo das entradas, como xa é habitual, 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces de entre 17 e 13 anos e de balde para menores de 12 anos e aboados. Ademais, durante o tempo de lecer, alguén terá a oportunidade de facerse con productos do clube. Antes do arrinque, minuto de silencio polo falecemento de Enrique Castro 'Quini', ex xogador de Sporting de Xixón e Barcelona entre as décadas dos 60 e os 80.
Quen, por contra, non poida achegarse ao teatro dos soños branquiazul, poderá seguir o encontro nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá escoitarse en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario