Ante un Racing Vilalbés que non puxo as cousas nada doadas, o Compos sumou unha vitoria histórica que, ademais, o deixa con seis puntos por enriba dun Bergantiños que non foi quen de superar na casa ao Ourense e doce sobre o quinto clasificado. Tamén hai que salientar que o equipo suma xa tres xornadas consecutivas sen encaixar ningún gol.
Triunfo importante para seguir no máis alto da clasificación e que significa a oitava consecutiva, algo histórico xa que o equipo nunca antes conseguira chegar a tal cifra de vitorias consecutivas. Para iso foron suficientes os goles de Alex Ares, Tomás e Diego Rey nun segundo tempo con dominio branquiazul total despois dunha primeira parte onde puido sorprender o cadro visitante en varias ocasións.
Mellor arrinque visitante.
O equipo lugués, coñecedor do bo momento polo que está a pasar a Esedé, saltou ao terreo de xogo buscando a posesión da pelota e asinando as mellores oportunidades de cara a gol durante toda a primeira metade. Ademais, o equipo nesta ocasión dirixido por Rodri non foi quen de pasar do medio do campo co balón xogado durante máis de media hora.
Coa posesión repartida, o Racing Vilalbés levou o ritmo do encontro e puxo en serios apuros a un Lucas que deixou unha das mellores actuacións da tempada evitando a que puido ser unha vantaxe importante dos visitantes antes do paso por vestiarios. Fortes en ataque e sólidos en defensa, os de Vilalba non pasaron problemas atrás ata os cinco minutos finais, cando Alex Ares estivo a piques de materializar un centro de Naveira, home máis perigoso coas súas chegadas pola banda esquerda.
Empate sen goles ao final dos primeiros corenta e cinco minutos e grazas logo da superioridade ros homes de Gilsanz.
Segunda metade moi diferente.
Se no primeiro tempo foi o Racing Vilalbés o que puxo o perigo, o segundo foi totalmente para o Compos. O paso por vestiarios sentou moi diferente aos nosos. Saída ao terreo de xogo con forza e levando o manexo do balón así como as mellores ocasións. Ademais, hai que destacar o bo traballo do equipo á contra dende o comezo conseguindo así os tres tantos.
Pasaron dez minutos e Alex Ares deixou unha nova mostra da súa calidade. Roubo no centro do campo, varios pases rápidos evitando a rivais e a pelota chega ao '10', que non o pensa dúas veces para marcar un golazo de vaselina dende lonxe. Primeiro do Compos cando máis preto do gol semellaba estar o rival.
O propio Alex Ares foi autor tamén da seguinte oportunidade de perigo dos nosos, que sería a antesala do segundo gol. Contra que arrinca cun pase en longo para Primo, este para Diego Rey e asistencia cun pase da morte para que Tomás faga o segundo. Gol moi importante para encamiñar un novo triunfo.
O partido xa era dos nosos. Resultado cómodo e posesión do esférico, a Esedé tiña controlada unha nova vitoria que se pecharía a sete minutos para o final cunha nova contra con Primo de novo como protagonista pasando unha pelota a Róber para que este asista a Diego Rey, que fixo así o seu primeiro gol esta campaña ao que sumar tamén unha asistencia.
Importante por varias razóns.
Historicamente, o Compos nunca antes encadeara oito vitorias consecutivas en categorías nacionais en case 56 anos de historia. Un triunfo importante cunha xeira difícil de igualar na categoría e que, ademais, coloca ao equipo nunha posición privilexiada. Líder da categoría, a diferenza con respecto do Bergantiños é moi importante e máis a tres xornadas de recibir en San Lázaro aos carballeses, na que será a cuarta xornada desta costa que non semella ser tan dura para o cada día máis favorito.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Mon, Tomás (Rubén, min. 87); Alex Ares (Ube, min. 74), Róber, Santi (Diego Rey, min. 62); e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Naveira e Tomás.
GOLES: 1-0 55' Alex Ares, 2-0 65' Tomás, 3-0 83' Diego Rey.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario