A Nosa Loita (Xornada 24)

Unha semana máis, o Compos é líder en solitario da Terceira galega. Un Compos que, ademais, sacou o mellor no segundo tempo superando a un rival directo cunha goleada. A iso hai que engadir unha das sorpresas da xornada e é que o Bergantiños non foi quen de pasar do empate contra un Ourense loitador e que nunca se dou por vencido. Xusto por detrás aparece o Barco, a un punto dos de Carballo, que se desfixo tamén dun rival directo: o Silva, que queda a dous puntos da cuarta praza. Esa cuarta posición que a día de hoxe ocupa o Somozas despois do seu segundo empate consecutivo.

Só un posto asegurado... de momento.
Neste momento, só o primeiro posto ten un dono seguro para as vindeiras xornadas. O Compos, con seis puntos de vantaxe sobre o Bergantiños, superou a pasada xornada a un Racing Vilalbés que puido levarse un resultado máis positivo de non ser por Lucas. Na segunda metade, Alex Ares, Tomás e Diego Rey anotaron os tres goles que supuxeron outros tantos puntos para o cadro branquiazul.
Ese resultado foi aínda máis positivo logo do marcador final nas Eiroas. Os locais adiantáronse antes dos cinco minutos de xogo grazas a un gol de Iago Blanco. Non obstante, antes do tempo de lecer chegou un novo empate co gol de Víctor Monteiro para os ourensáns. Na segunda metade marcou Iago López para poñer de novo por diante aos carballeses mais o Ourense asinou o empate definitivo a cinco minutos para o final, obra de David Castro. O Bergantiños, obrigado a gañar en San Lázaro para seguir vivo na loita polo primeiro posto.
Buscando aproveitar tamén un erro do Bergantiños está o Barco. O equipo valdeorrés conseguiu a súa terceira vitoria consecutiva a costa dun Silva que suma xa dúas xornadas sen gañar. Iván Argos e Cassio puxeron dous goles de vantaxe antes dos vinte minutos de partido mentres que o ex branquiazul Mitogo pechou a goleada a un cuarto de hora para o final. Con esta vitoria, o Barco mantense terceiro e recorta dous puntos ao Bergantiños na loita pola segunda posición.
Non obstante, a loita máis viva é a que hai polo cuarto posto. Ata tres equipos loitan pola posición que agora ocupa un Somozas que puido aproveitar as derrotas de Vilalbés e Silva. O equipo da Ferrolterra, que suma sete xornadas sen perder, só precisou un punto para recuperar un posto na parte alta. Ante o Ribadumia, no Alcalde Manuel Candocia, Óscar fixo o primeiro para os locais mentres que Hugo Soto e Pablo Mota deron a volta ao marcador no segundo tempo. Duque, dous minutos despois do segundo gol ribadumiense, fixo o 2-2 definitivo. Son cuartos a catro puntos do terceiro, cun punto máis que o Vilalbés e dous máis que o Silva.

Barraña marca o camiño.
Primeira saída neste treito importante. Barraña, un dos campos máis difíciles da categoría, e o Boiro, un equipo inmerso en problemas extradeportivos, marcarán o camiño cara á promoción dun Compos que despois terá dúas citas na casa seguidas. Na primeira volta, o cadro boirense gañou en San Lázaro por 0-3 na que foi a segunda derrota consecutiva dos nosos. Eles, agora, son novenos a sete puntos da promoción despois de sumar 3 dos últimos 15 puntos en xogo.
Barbadás e Bergantiños, os dous seguintes que visitarán o teatro branquiazul, medirán as súas forzas despois do empate carballés que o separa do primeiro posto un pouco máis mentres que os ourensáns saíron dos postos de descenso a pasada xornada grazas aos tres puntos conseguidos contra un Boiro en horas baixas.
Nova saída para un Barco que pode asinar a cuarta vitoria consecutiva de superar a un Ribadumia tranquilo na táboa. Un equipo que acumula tres xornadas sen gañar ante outro, o terceiro mellor a domicilio, que buscará seguir polo bo camiño sen perder a pista do segundo posto.
Tamén a domicilio terá que sumar o Somozas contra un Laracha que só fixo 4 dos últimos 30 puntos posibles. O segundo mellor visitante, só superado pola Esedé, terá a sempre difícil misión de rematar cunha xeira de dous empates consecutivos. Por outra parte, o Somozas suma sete xornadas consecutivas sen perder, con ata cinco vitorias.
A xornada comezará o sábado na Grela. O Silva recibirá a un Céltiga que non semella pasar por riscos para asegurar a categoría. Partido importante para os coruñeses despois de dúas xornadas sen gañar no que buscarán manterse con opcións matemáticas de entrar nos postos de promoción de ascenso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario