A tempada chega ao seu momento máis duro. O Compos terá de aquí a mes e medio un treito moi complicado con partidos contra cinco dos máximos perseguidores na loita polos catro postos na promoción. O primeiro en poñer a proba ao cadro branquiazul será un Racing Vilalbés que só perdeu un dos seus últimos trece encontros.
Dous dos equipos máis en forma no presente, un Compos que asinou 30 dos últimos 36 puntos en xogo e un Racing Vilalbés que sumou 32 dos últimos 39 puntos posibles arranxando o seu mal arrinque de tempada. Dous equipos da zona alta da táboa, ámbolos dous agora mesmo ocupando un dos catro postos de promoción de ascenso, e que deixarán, sen dúbida, un gran partido en San Lázaro.
De menos á promoción.
Con aínda moito por xogarse, o camiño que está a tomar o Racing Vilalbés é máis que positivo. Xunto con Bergantiños, trátase do equipo máis forte na casa e que malia sumar cinco derrotas nas primeiras nove xornadas foi quen de erguer o voo e encadear un total de trece xornadas cunha derrota e dous empate. Unha xeira da que falar máis adiante.
Fortes na casa, a domicilio non se trata dun equipo moi fiable. 14 de 33 puntos posibles logo de gañar en Laracha, Noia, Negreira e Ponteareas e empatar no Carballiño e na Grela, conseguiron os dous empates e tres das vitorias logo de caer na Lomba. Non obstante, tamén asinaron a súa última derrota da tempada a domicilio, hai dúas semanas en Barraña. A parte, catro derrotas máis entre as que salientar as goleadas nas Eiroas, Calabagueiros e a xa mencionada ante o Boiro, todas por tres goles de diferenza.
En canto a goles, trátase do cuarto equipo con máis acerto da categoría cun total de 36 goles a favor. Incapaces de anotar ata en sete partidos, conseguindo só un punto sen ver portería, si poden presumir de ser un dos mellores equipos defensivos. Superado só por Bergantiños e Barco, é o terceiro equipo que menos goles recibiu ata o de agora, 18 con 11 deles nas tres derrotas máis abultadas. Ademais, para mellorar este dato, só recibiron 3 goles nos 7 últimos partidos.
A nivel individual, Alex Pérez e Sergio Arias destácanse como máximos goleadores, con 6 tantos cada un. Ademais, no centro do campo lugués está un ano máis Make, que suma a súa sétima tempada no cadro de Vilalba cunha por medio na Esedé.
Dúas xeiras envexables.
Tanto Compos coma Racing Vilalbés encadean unha serie de resultados envexable. De feito, tomando como data de referencia o 15 de outubro, os dous equipos suman o mesmo número de derrotas: 1. Foi nesa mesma xornada cando os de Yago Iglesias perderon na casa contra o Barco pola mínima, última ata o momento, e cando os de Óscar Gilsanz superaron un mal momento despois de tres derrotas consecutivas con tres puntos ante o Alondras.
Tres meses despois, a Esedé conta gran parte dos seus partidos por vitorias. Nove triunfos, sete deles consecutivos e que poderían ser oito logo deste vindeiro domingo, e tres empates co resultado repetido en todos eles de 1-1. Ademais, o Compos só sabe o que é gañar en San Lázaro dende novembro, con catro vitorias consecutivas.
Pola súa parte, o Racing Vilalbés comezou esa fin de semana cun ascenso na táboa que o levou directamente a postos de promoción. Non obstante, malia acadar un total de dez vitorias no mesmo tempo, a domicilio non presenta a mesma seguridade, sumando a súa única derrota neste treito na que foi a súa primeira saída deste ano 2018.
Dous de dous.
Compos e Racing Vilalbés enfrontáronse en dúas ocasións en San Lázaro, contra as tres na Magdalena. E se ben é certo que o noso equipo non sabe o que é gañar na categoría en Vilalba, os lugueses non saben o que é sequera puntuar na capital galega. Dúas visitas e dúas derrotas, ámbalas dúas por 1-0 con goles de Joselu en 2012 e Nogueira a pasada tempada.
Os precedentes non melloran se miramos o resultado da primeira volta. De feito, o Racing Vilalbés aproveitouse dun dos peores partidos dos nosos en moito tempo freando unha xeira de tres vitorias consecutivas. Un gol de Primo, que fixo pensar nunha nova vitoria no arrinque dunha boa tempada, tivo resposta por parte de Sergio Arias no treito final do primeiro tempo, anotando tamén o segundo logo do paso por vestiarios. Alex Pérez, con outros dous goles nos dez minutos finais, pechou o 4-1 final.
Veñen de gañar.
A pasada fin de semana, un con máis problemas que outro, conseguiron ámbolos dous equipos os tres puntos. O Compos superou ao Laracha cun mal segundo tempo no que aguantar o resultado e o Racing Vilalbés desfíxose sen grandes problemas do Barbadás na Magdalena.
A xornada abríase no Municipal de Laracha. O Compos chegaba coa misión de superar a un equipo con menos sorte que fútbol e que, ao igual que fixo na ida, meteu en máis problemas ao líder do que cabía esperar. Por sorte, un gol de Róber a pase de Saro foi suficiente, aos que engadir unha boa segunda parte en defensa para facer bo un resultado curto.
Por contra, a tarde do domingo arrincaba cun bo partido en Vilalba con moito en xogo por ámbalas dúas partes. Mais a superioridade local non se fixo esperar e antes dos dez minutos xa ían por diante grazas a un gol de Villares. Non obstante, Alex Pérez viu porta de novo antes do tempo de lecer e Buyo pechou a goleada no segundo tempo.
Con todo.
O equipo branquiazul, que de novo terá a Rodri no banco ante a sanción de Yago Iglesias, poderá estar formado de novo por todo aquel que o corpo técnico crea preciso. Sen mancados nin sancionados, recuperados xa Casas e Tomás, mantense a posibilidade de perder a Samu por sanción de cara ao partido en Boiro.
Primeira tarde de domingo.
Cuarta xornada do ano e primeira na que se volve ao horario habitual: domingo ás 17 horas. Despois de dous domingos pola mañá e un sábado, San Lázaro volverá abrir as súas portas para unha cita moi importante. Para ela, as entradas terán un prezo de 10 euros, 5 euros para rapaces de entre 13 e 17 anos e de balde para menores de 12.
Quen por contra non poida achegarse ao campo, poderá seguirse o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá escoitarse en directo a través de 'Esedé Radio', dispoñible na web oficial do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario