Cos tres goles ante o Ribadumia, o Compos acadou os 50 goles en Liga no que vai de tempada. Unha cifra importante que amosa o bo facer do equipo branquiazul de cara a porta no que vai de curso conseguindo a cifra de 50 goles nun tempo récord: 21 xornadas.
E é que non só o equipo acadou unha cifra importante nun tempo moi curto senón que, ademais, o equipo que máis rápido o fixera ata o de agora foi o Fabril a pasada tempada chegando aos 50 goles en 22 xornadas, unha máis do feito este curso polo cadro de Yago Iglesias.
Goleada histórica.
Malia non contar para nada, co undécimo tanto de Primo nesta tempada, o Compos non só bateu un récord na categoría senón que, ademais, trátase da tempada na que máis goles suma o equipo en categoría nacional a estas alturas mellorando os números conseguidos na campaña 2008/09 tamén na Terceira, cando Rego anotou o gol 50 na xornada 26.
Na Terceira galega, ata o de agora, Fabril conseguira acadar esta cifra ás 22 xornadas de Liga, a pasada tempada, grazas a goleadas importantes coma a anotada ante o Compos na primeira data ou os 5 goles ante Ribadumia e As Pontes. Non obstante, esa cifra non foi suficiente para levar ao filial deportivista ao primeiro posto, co que se fixo cinco semanas despois. Unha semana máis tardaron Racing de Ferrol na 2012/13, chegando aos 98 ao final do curso, e Narón na 2007/08.
Primo, o experto tralo paso por vestiarios.
Un dato curioso é que o equipo suma os mesmos goles nas primeiras partes coma nas segundas: 25. Para iso houbo un total de 14 anotadores nun total de 19 partidos nos que o noso equipo atopou o camiño ao gol quedando só sen marcar nas derrotas ante Boiro e Barco.
Entre todos eles sobresae a figura de Primo. O dianteiro cántabro é a día de hoxe o máximo goleador do equipo con 12 goles, ocupando o terceiro caixón no podio na loita por ser o maior anotador da categoría, só superado por Rubén Rivera e Javi Pazos con 13 goles cada un. O ex do Vitoria, que se estreou en partido oficial ante o Ribadumia na segunda xornada, non só é o xogador máis perigoso do equipo senón que, ademais, é unha peza imprescindible nas segundas partes facendo un total de 10 goles, un 40% do total de tantos conseguidos polos nosos despois do tempo de lecer. Pola súa parte, as primeiras partes teñen o nome de Santi coma protagonista, autor de 5 goles.
O máis difícil, abrir o marcador, está moito máis repartido. Ata un total de 5 xogadores fixeron o primeiro gol do partido con Uña coma peza máis importante anotando os dous goles das vitorias ante Barbadás e Bergantiños, ámbalas dúas a domicilio. Ademais, Primo fixo o propio contra Racing Vilalbés e Silva, Santi contra Céltiga e Ribadumia, Alex Ares contra Laracha e Arenteiro e Rubén ante Silva e Ribadumia.
14º de 386.
Arestora, só 13 equipos superan ao noso Compos en goles en categorías nacionais. De feito, só un chegou aos 50 goles das tres primeiras categorías do fútbol español: o Barcelona superando os 50 goles na derradeira xornada da primeira volta ante a Real Sociedade.
Sen equipos que superen os datos branquiazuis na Segunda e Segunda B, na Terceira hai un total de 12 equipos con máis tantos a favor ca o Compos cos grupos balear e rioxano levando a esta clasificación a un total de tres equipos cada un, co Calahorra como equipo máis goleador, cun total de 79 tantos anotados no grupo XVI.
Ningún comentario:
Publicar un comentario