A sétima, nun campo artificial

O Compos buscará unha nova vitoria a domicilio, onde polo de agora só suma unha derrota, ante un Laracha obrigado a gañar para fuxir dos postos de descenso. Un partido importante para os dous conxuntos na que será a terceira xornada deste 2018 na que a Esedé buscará a súa terceira vitoria do ano, e que sería a sétima consecutiva, mentres que o equipo carballés loitará por manterse invicto na casa nesta segunda volta.


De máis a menos.
A que foi a sorpresa nas primeiras xornadas do campionato, superando a Boiro e Barbadás na súa volta á categoría, comezou a tempada do mellor xeito posible sumando os seis primeiros puntos e poñendo en problemas ao Compos en San Lázaro. Vitoria en Barraña, empate no Candocia e goleada en San Pedro avalan a un equipo que conseguiu un total de 11 puntos ante a súa afección grazas ás vitorias ante Barbadás, Negreira e Boiro, xa na segunda metade da competición, ademais dos empates sen goles ante Arousa e Noia.
Febles en defensa, non foron quen sequera de puntuar ata o de agora en partidos nos que encaixaron polo menos un gol ante a súa afección. Cun total de 17 goles a favor e 24 en contra, o equipo larachés encaixou un total de 9 no Municipal, 4 deles na derrota ante o Cultural Areas. A favor, 6 goles vendo menos portería a domicilio ca ante a súa xente deixando unha media de menos dun gol por partido.
Polo de agora, Cultural Areas, Barco, Arenteiro, Silva e Racing Vilalbés foron quen de facerse cos tres puntos no Municipal de Laracha cos de Ponteareas obrigados a remontar un gol local nos primeiros minutos do xogo, única ocasión nas que os de verde e vermello marcaron e quedaron sen puntuar na casa.
A nivel individual, contan con xogadores experimentados coma Javi Ballesteros, chegado dende as filas do Barco o pasado mercado de verán e con experiencia tamén na Segunda B. O zamorano é ademais o máximo goleador do equipo con 4 goles, igualado con Miguel Taibo.

Primeira vez na categoría.
Malia sumar un total de 27 tempadas na Terceira división, 20 o Compos e 7 o Laracha, nunca antes se viron as caras os dous equipos fóra da Preferente Norte. Nese tempo, ámbolos dous conxuntos enfrontáronse ata en tres ocasións, todas na última década.
O primeiro enfrontamento no Municipal de Laracha chegou na 2007/08. Un Compos invencible, con tres vitorias noutros tantos partidos, non perdoou tampouco ante un Laracha que non puxo as cousas nada sinxelas. Un partido vivo, cun total de 9 goles e no que se chegou ao tempo de lecer cun resultado favorable aos nosos de 3-4, con tantos de Bocha, Peter e Claudio por partida dobre. Despois do paso por vestiarios, Vladimir e Claudio, que pechou a goleada e o seu 'hat-trick' particular.
Menos sorte houbo na tempada 2010/11, primeira logo dun descenso dende a Segunda B co equipo inmerso en problemas económicos e con William Amaral no banco da Esedé. Un mal partido onde o cadro local puido levarse os tres puntos grazas a un 2-0.
E rematamos cun precedente hai xa algo máís de 6 anos, xa con Antonio Quinteiro ao mando do clube. Novo partido que non foi quen de gañar o Compos nun Municipal de Laracha que se resiste dende hai máis de dez anos e no que, ademais, non foi quen de marcar. Empate sen goles dun equipo que se mantiña invicto nun curso que rematou con ascenso á Terceira galega.
En canto á primeira volta, en San Lázaro, o Compos conseguiu os tres puntos nun partido onde o cadro carballés que puxo as cousas moi complicadas. Alex Ares asinou o primeiro gol do xogo mais Ballesteros anotou o empate só tres minutos máis tarde. Primo, o 'killer' branquiazul, fixo o segundo e definitivo aos vinte minutos logo da reanudación.

Xeiras contrarias. 
Laracha e Compos chegan por camiños moi diferentes a este partido. O equipo carballés, en horas baixas, suma só unha vitoria dende o pasado mes de novembro. Pola súa parte, a Esedé non perde dende outubro e suma de tres tamén dende o mes de novembro. 
Oito xornadas e só unha vitoria. O Laracha leva dous meses nos que só foi quen de puntuar, sumando de tres, ante o Boiro no Municipal. Unha dinámica horrible que comezou logo da vitoria na xornada entre semana ante o Vilalonga, un tempo no que só perdeu un posto na clasificación. 
Once datas do campionato son as que suma un Compos imparable. O equipo de Yago Iglesias, que non perde dende a visita do Barco a Santiago e só gaña dende a visita a Ourense, acumula ademais un total de seis vitorias consecutivas. O bo momento branquiazul, que pode chegar ás sete vitorias consecutivas, só se pode igualar co arrinque da tempada 2011/12, na Preferente Norte na que o equipo arrincou o campionato con outros sete triunfos seguidos. 
En canto á pasada xornada, o Compos sumou de tres unha vez máis ante o Ribadumia, acadando un total de 50 goles en Liga no que vai te curso. Pola súa parte, o Laracha caeu nos Carrís no tempo engadido malia conseguir o empate a dez minutos para o final, obra de Angeriz. O tanto da vitoria para o Barbadás foi obra de Antonio Santiago nun enfrontamento directo que deixa a un e outro equipo a un punto de diferenza.

Importante chegar ao tempo de lecer sen encaixar.
Un Compos moi forte a domicilio terá este sábado unha saída nada doada. De feito, o equipo branquiazul deberá buscar o gol se quere saír do Municipal con algo positivo. Ademais, polo que pasou ata o de agora, o camiño á porta semella máis doado no segundo tempo, asegurando aínda máis o triunfo.
Durante os primeiros tempos, o Laracha anotou un total de 3 goles, os mesmos que encaixou. Os mesmos tamén foron os que puido marcar na segunda parte coa diferenza de que recibiron un total de 5, tres deles na derrota por goleada ante o Cultural Areas.
Outro dato a ter en conta é que agás as derrotas ante o cadro de Ponteareas e no derradeiro partido da primeira volta ante o Racing Vilalbés, non perderon na casa por máis de dous goles de diferenza, algo que aumenta en dous casos máis a domicilio nas visitas á Illa de Arousa e Redondela, dúas ocasións nas que o resultado foi de 2-0.

Tres baixas seguras.
Esta fin de semana arrinca a sanción sobre Yago Iglesias imposta pola Real Federación Galega de Fútbol logo da súa expulsión ante o Ribadumia. O adestrador ribeirense terá que cumprir dúas xornadas de sanción por protestar ao colexiado. Xunto el estarán na bancada outras dúas pezas importantes nos plans do adestrador: Álvaro Casas e Tomás, que viron o quinto cartón amarelo na pasada xornada chegando sen problemas á parte dura do campionato, que arrincará unha semana despois. 
Sen mancados, hai que ter en conta tamén que Samu chega con catro cartóns amarelos, polo que de ver un non podería estar ante o Racing Vilalbés en San Lázaro.

Sábado. 
A terceira xornada deste 2018 será a primeira dos nosos un sábado. Despois de dúas citas pola mañá, o Compos abrirá a xornada 22 no Municipal de Laracha, de herba artificial, o sábado ás 17 horas. Un partido para o que o prezo das entradas será de 10 euros. 
Quen, por contra, non poida asistir poderá seguir o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como na conta oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario