Unha xornada máis, o líder da categoría segue con paso firme camiño á promoción de ascenso. Unha fin de semana na que, ademais da vitoria da Esedé, non perdoaron tampouco o Bergantiños, que sumou de tres grazas a un gol no tempo engadido, nin o Barco, que gañou unha posición. Unha fin de semana na que o Racing Vilalbés, seguinte rival que visitará San Lázaro, caeu dunha zona privilexiada na que entrou un Somozas que non perde dende o mes de novembro.
Só perdoou un.
Nesta segunda xornada de 2018, cinco dos seis primeiros clasificados non perdoaron nas súas respectivas citas caendo só o Racing Vilalbés, que non puido cun Boiro moi forte en Barraña e que fixo bo o troco de adestrador. Compos e Bergantiños, que seguen abrindo diferenzas con respecto aos seus perseguidores; Barco, Somozas e Silva sumaron de tres co ascenso do cadro da Ferrolterra á cuarta praza.
O Compos non perdoou ante o Ribadumia na súa carreira cara á promoción de ascenso, cada vez a maior velocidade. Unha goleada importante, nun partido con só unha cor na segunda metade, con Santi, Róber e Primo como autores dos goles sobre a porta de Iván Parada, que xa deixou unha moi boa imaxe a pasada tempada en San Lázaro coa camisola do Vilalonga, mantendo a súa porta a cero malia xogar máis dunha hora mancado, e que a piques estivo de repetir na mañá do domingo.
O Noia estivo a piques de deixar unha das maiores sorpresas do campionato. O pechacancelas, que asinou a súa derradeira vitoria no Candocia en novembro, chegou ao tempo de lecer coa porta a cero, cun empate sen goles que tardou cinco minutos en cambiar. Rubén Rivera e Iago Blanco, con cinco minutos de diferenza, puxeron o 2-0 no marcador relaxándose ante un rival en principio inferior. Mais a sorpresa chegou cando o Noia, con goles de Stefan e Bendaña, asinou o empate a cinco minutos para o final do tempo regulamentario. Xa no engadido, Baleato deixou os tres puntos nas Eiroas mandando para a casa sen nada a un Noia que mereceu máis.
O derbi ourensán, entre Barco e Arenteiro, rematou con vitoria do cadro valdeorrés. O equipo local, co ex do Compos Mitogo, adiantouse aos doce minutos grazas a un gol de Iván Argos. Os do Carballiño mantiveron as opcións de puntuar ata o minuto 79, cando chegou o segundo tanto do cadro local, obra de Ivi Vales. Con este triunfo gañan unha posición na táboa cun punto por enriba do quinto clasificado mentres que o Arenteiro segue na zona tranquila, con oito puntos sobre o Barbadás.
A remontada máis importante da fin de semana foi a que asinou o Somozas no Alcalde Manuel Candocia. O Choco, metido tamén nesta loita, adiantouse no ecuador do primeiro tempo grazas a un gol de Vilas, que puido ser definitivo. Mais a sorte estivo do lado do cadro local e Duque anotou dous goles con dous minutos de diferenza con cinco minutos por diante, tempo insuficiente para que o Choco conseguise un novo empate na súa conta particular. Agora, o Somozas é cuarto mentres que o equipo de Redondela queda na novena posición a sete puntos do equipo somocense.
Logo da derrota na casa coa que abriu o novo ano, o Silva sumou os seus tres primeiros puntos deste 2018 na Lomba de Ponteareas. Partido igualado, con moitas interrupcións e un total de 9 cartóns amarelos, e que se decantou do lado coruñés grazas a un único gol de Diego aos dous minutos de arrincar o segundo tempo quedando o equipo silvista quinto, a un punto do Somozas.
Pola súa parte, o Racing Vilalbés caeu dos postos altos logo dunha importante derrota en Barraña. O equipo lugués, que visitará San Lázaro na xornada 23, foi quen de aguantar durante todo o primeiro tempo ao cadro agora dirixido polo ex porteiro do Compos Falagán, que tomou o mando dun Boiro con importantes problemas extradeportivos. Antonio López en propia porta e Cano puxeron a diferenza de dous goles aos dez minutos logo do paso por vestiarios. Hugo Sanmartín pechou a goleada boirense a quince minutos para o final facendo caer aos de Vilalba dos postos de promoción de ascenso e deixando ao Boiro a cinco puntos.
Moito que aproveitar.
De cara á xornada 22, o Compos é o equipo que terá o enfrontamento máis doado sobre o papel. O equipo de Yago Iglesias, que non poderá sentarse no banco logo da expulsión ante o Ribadumia, terá que visitar a un Laracha obrigado a gañar. Ademais, o prato forte estará en Barraña co Boiro-Bergantiños e na Grela decidirase o cuarto posto. O Racing Vilalbés recibirá na Magdalena ao Barbadás e o Choco fará o propio en Redondela ante o Barco. Como dato curioso, os catro primeiros xogarán a domicilio.
O líder da categoría buscará manter a distancia importante, que lle permite algún erro de cara ao final da tempada, ante un Laracha que loitará por tres puntos de ouro. O conxunto carballés supera nun punto ao Barbadás ocupando unha das dúas posicións que a día de hoxe serían tamén de descenso coas caídas dende a Segunda B, dependendo tamén de si hai algún ascenso á división de bronce.
O encontro máis salientable da fin de semana xogarase en Barraña. O Boiro terá a súa segunda cita consecutiva como local ante o segundo clasificado, o Bergantiños, nun enfrontamento entre dous equipos moi igualados nos enfrontamentos no campo barbanzán ao longo da historia na categoría. Proba máis que importante para o equipo de Falagán, que buscará achegarse de novo aos postos altos, e para un Bergantiños que segue á espera dun erro branquiazul para recurtar puntos ao líder.
Os dous primeiros terán que saír a defender as súas posicións e o Barco, terceiro, non será menos. O equipo valdeorrés visitará Redondela para verse as caras cun Choco obrigado a gañar para rematar coa mala xeira de resultados, sumando só un triunfo nas catro últimas xornadas. Pola súa parte, o Barco estará moi atento ao que pase en Barraña tendo a posibilidade de igualar a puntos ao equipo de Carballo.
Outro dos encontros máis interesantes da xornada será o que xoguen na Grela 1 Silva e Somozas. Quinto e cuarto clasificados respectivamente loitarán polo cuarto posto da clasificación e, dependendo do que pase en Santa Mariña, incluso polo terceiro. O equipo somocense, que suma cinco vitorias consecutivas, terá que visitar a un Silva que chega como quinto mellor local do grupo.
E rematamos cun novo enfrontamento con ascenso e descenso en xogo. O Racing Vilalbés, peor visitante dos seis primeiros, visitará a un Barbadás que loita pola permanencia logo de igualar a puntos co Cultural Areas grazas a tres puntos de ouro ante o Laracha. O cadro lugués, por contra, terá que agardar por varios erros para entrar de novo na promoción, a dous puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario