Compos e Ribadumia abrirán a xornada de domingo na Terceira galega cun enfrontamento sen case precedentes, e todos positivos para os nosos. Un enfrontamento entre dous conxuntos moi diferentes, con dous obxectivos moi diferentes, e que podería servir aos nosos para seguir abrindo un oco con respecto ao resto dos seus perseguidores.
Chegaron para quedarse.
O Ribadumia, despois de máis de medio século no fútbol rexional, acadou o asexado ascenso á Terceira división no verán de 2014. Tres anos e medio despois, o equipo da Senra segue manténdose na categoría nacional con máis ou menos problemas conseguindo un moi bo 7º posto na súa primeira campaña.
A día de hoxe, o equipo dirixido por Luis Carro é 11º clasificado con 27 puntos en 20 xornadas. 7 vitorias entre as que se atopa a conseguida en Negreira, única a domicilio ata o de agora; 6 empates e outras 7 derrotas. Uns números que se completan cos seus 22 goles a favor e 27 en contra.
Un dos equipos fortes ante a súa afección, con 20 puntos de 33 posibles, pero que non é quen de facer boas actuacións a domicilio. 7 puntos de 27 posibles con só unha vitoria en Negreira e empates importantes ante Arousa e Silva, námbolos dous casos sen goles. A iso hai que engadir que sumaron un total de 7 goles a favor e 13 en contra.
A nivel individual contan con xogadores importantes coma o porteiro Iván Parada, o ex do Pontevedra Fran Fandiño ou o dianteiro Hugo Soto, que xa superou os seus números da pasada campaña nas filas do Arousa con 6 goles na súa conta particular, tomando o testigo do xa retirado Changui, que pasou cinco anos nas filas do cadro pontevedrés.
Tres de tres.
Compos e Ribadumia enfrontáronse ata en tres ocasións nos dous últimos anos, só nunha ocasión en San Lázaro, e sempre con vitoria branquiazul ao final. Partidos complicados, igualados e nos que houbo, mínimo, dous goles.
En agosto de 2016 xogouse o único precedente entre ambos en San Lázaro. Un xogo que non tardou máis de seis minutos en ver o primeiro gol, obra de Santi. O mesmo autor foi quen de encamiñar a vitoria antes do tempo de lecer co segundo e, xa na segunda metade, Diego Rey sentenciou o encontro. O Ribadumia, xa sen tempo, conseguiu un gol por obra de David Rodríguez.
Na segunda volta, Diego Rey e Tomás, no engadido, conseguiron sumar os tres primeiros puntos da historia branquiazul na Senra, campo onde este mesmo ano non foi tan doado puntuar.
Neste mesmo curso, en agosto de 2017, o primeiro tempo rematou sen goles con pouco fútbol e poucas ocasións, algo que non permitía pensar no que pasou no segundo. Rubén e Primo fixeron os dous primeiros goles branquiazuis en cinco minutos mentres que Santi e Hugo Soto no precisaron nin oito minutos para empatar. Mon puxo de novo aos nosos por diante e Fran Fandiño tardou dous minutos en empatar de novo. E, sen tempo de reacción posible para os locais, Róber fixo o 3-4 final no 85.
Dúas xeiras positivas en xogo.
Compos e Ribadumia chegan despois de sumar de tres a pasada fin de semana. Ademais, os dous cadros están nun bo momento logo de encadear algunha vitoria máis comezando o novo ano igual que remataron o anterior.
Comezamos co Ribadumia. O equipo aurinegro suma dúas vitorias consecutivas, tres nas catro últimas xornadas. Barbadás e Boiro caeron na Senra nas dúas últimas xornadas ata o de agora repoñéndose da derrota sufrida antes ante o Racing Vilalbés.
Mellor camiño é o que leva o Compos. Cinco vitorias consecutivas e dez xornadas sen coñecer a derrota, dende outubro ante o Barco en San Lázaro. Sete vitorias en total, tres empates e un total de dous meses e medio anotando polo menos un gol, no mesmo tempo no que se encaixaron 8.
Mal recordo.
Malia a vitoria da primeira volta, Iván Parada segue no recordo da familia branquiazul. O gardamallas pontevedrés ocupaba a pasada tempada a portería do Vilalonga e deixou unha gran actuación ante o cadro da capital galega en San Lázaro.
No pasado mes de abril, xornada 33 do campionato regular, Compos e Vilalonga loitaban por seguir na parte media alta da clasificación, co conxunto local con opcións de rematar a xornada entre os catro primeiros. Mais, a sorte non apareceu polo campo santiagués e un Compos con moi mala imaxe non foi quen de bater a Iván Parada en ningún momento, malia xogar o equipo sanxenxino co porteiro mancado dende o minuto 25.
Tratábase dunha xogada en ataque a prol do equipo dirixido por Yago Iglesias. Santi, que tiña todo para marcar co porteiro no chan, preferiu facer outra cousa que o elevou ás televisións nacionais. O dianteiro branquiazul mandou a pelota á banda para que atenderan ao seu rival que, ademais, non contaba cun recambio posible no banco de suplentes, tendo que xogar ata o final malia os seus problemas físicos. E, aínda así, foi quen de evitar o gol compostelanista deixando unha gran actuación e permitindo aos seus levarse os tres puntos grazas a un gol de Pablo Mota superada a media hora de xogo.
Unha baixa de última hora.
Alex Ares, un dos homes máis importantes nos plans de Yago Iglesias, non poderá estar ante o Ribadumia por unha amigdalite, que xa o deixou fóra tamén dos plans de Pichi Lucas no último enfrontamento co combinado galego hai uns días. A parte diso, Tomás e Álvaro Casas parten unha semana máis apercibidos de sanción, polo que se perderían o xogo ante o Laracha da vindeira fin de semana.
De novo pola mañá.
Por segunda xornada consecutiva, o domingo haberá que madrugar. Despois de visitar ao Silva ás 12:15h, San Lázaro abrirá as súas portas para acoller o primeiro partido deste 2018 na capital galega ás 12 da mañá. Un partido para o que as entradas terán un prezo habitual de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 13 e 17 anos e de balde para menores de 12.
Quen, por contra, non poida achegarse ao campo branquiazul, o partido poderá verse en directo a través da segunda canle da TVG. Ademais, poderá seguirse a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como na conta oficial de Twitter do clube ou escoitarse en directo en 'Radio Esedé', na web oficial do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario