O Compos superou ao Ribadumia no partido co que se abría a xornada 21 cunha goleada inferior á merecida logo do traballo feito polos homes de Yago Iglesias. Un partido que non tivo un dono claro no primeiro tempo e que durante o segundo contou cun Compos superior e con Primo amosando o seu mellor nivel en traballos de ataque.
Santi, Róber e o propio Primo asinaron os tres goles que manteñen aos nosos no máis alto da clasificación con, mínimo, dúas fins de semana máis por diante nese posto chegando ademais aos 50 goles a favor no que vai de tempada, algo histórico.
Os porteiros, protagonistas.
Durante todo o primeiro tempo, o encontro non atopou un dominador claro mais as ocasións tampouco tardaron en chegar. De feito, Lucas tivo traballo dende os segundos iniciais, antes de cumprirse o minuto de xogo, cunha ocasión moi perigosa do cadro visitante, que tamén probou sorte minutos despois.
Pelota sen dono, con moito fútbol no centro do campo e ocasións máis claras para o equipo ribadumiense. Unha igualdade que foi en aumento con dúas oportunidades sobre a porta de Iván Parada, un muro que non foi nada doado de superar malia o que se puido ver no resultado definitivo.
O gol cambiou todo.
Despois de moitos minutos con serios problemas para achegarse á portería visitante, o Compos comezou a incomodar á defensa e ao gardamallas aurinegro. O fútbol branquiazul mellorou e no último minuto do primeiro tempo chegou o gran premio. Un gran gol do Compos que comeza cun roubo de Saro en tres cuartos, pelota para Primo e o cántabro asiste a Santi, que marcou a pracer.
Un gol nun momento inmellorable, segundos antes do asubío do colexiado, e que obrigou aos dous equipos a saír de xeito diferente ao segundo tempo. Así é que o Compos saltou coa intención de facerse coa pelota e chegaron numerosas interrupcións na reanudación, onde salientar tamén a expulsión de Yago Iglesias por protestar unha falta clara sobre Primo.
E se sen balón foi perigoso o equipo local, máis o puido ser coa posesión do esférico e coa única intención de aumentar diferenzas no marcador ante un Ribadumia forte e sen sorte de cara á porta defendida por Lucas.
Recital de Primo.
O dianteiro chegado dende o Vitoria, máximo goleador do equipo nesta tempada, amosou a súa versión máis xenerosa. Porque se non foi suficiente a asistencia na primeira metade, na segunda non se quedou atrás dando pases importantes aos seus compañeiros dende atrás e inaugurando a xogada do segundo gol. Abre cara a banda, para Rubén, e este pona na área onde Santi tócaa o xusto para poñela atrás e que Róber, chegando dende atrás, só tivera que pegarlle.
Por diante no marcador, con dous goles de diferenza e algo máis de vinte minutos ata o final, houbo uns intres nos que o Ribadumia meteu en serios problemas aos nosos, con dúas oportunidades seguidas que salvaron entre Lucas e Casas na liña de gol.
E de novo, nos intres finais, apareceu a mellor versión de Primo para perdoar unha máis ante Iván Parada, o mellor dos seus sen dúbida durante os noventa minutos. Unha mala sorte que trocou na seguinte xogada, nunha contra na que foi derrubado dentro da área. Penalti e gol número 50 da Esedé no que vai de tempada oficial, 12º na conta dun dianteiro cántabro que segue a deixar grandes actuacións xogando de mediapunta.
Agora, o líder da categoría terá que preparar o partido contra un Laracha metido na loita pola permanencia nunha nova saída complicada.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Samu (Mon, min. 62), Tomás; Primo, Róber (Diego Rey, min. 69), Rubén (Sobrido, min. 74); e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Samu, Tomás e Casas. Expulsado Yago Iglesias.
GOLES: 1-0 45' Santi, 2-0 65' Róber, 3-0 87' Primo.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario