A Terceira galega deixounos a pasada xornada moitos trocos na clasificación, na que só cinco equipos mantiveron a súa posición. Unha categoría na que o Compos segue con paso firme na súa loita por un posto na promoción e, cada semana con máis forza, por un primeiro posto que manterá, como mínimo, dúas xornadas maís.
A primeira xornada do ano 2018, primeira tamén da segunda volta, deixou aos nosos moito máis reforzados logo de superar a un rival directo. Ademais, o Bergantiños asinou unha nova derrota a domicilio ante un Racing Vilalbés que entrou con gañas no terceiro posto, o Somozas non perdoou, o Barco fixo o xusto para manterse entre os catro primeiros e o Silva deixou a súa posición privilexiada logo de caer coa Esedé.
Un líder cada vez máis sólido.
Ao igual que rematou o 2017, o Compos non puido arrincar mellor o novo ano con tres puntos moi importantes. Saída moi difícil ante un Silva reforzado neste mercado de inverno na que apareceu a figura de Primo como goleador facendo os tres goles branquiazuis deixando sen opcións a un equipo que buscou meterse no partido, sen sorte, cun gol de Movilla.
A sorpresa da fin de semana chegou dende a Magdalena. O Bergantiños, que chegaba con problemas a domicilio, non puido puntuar sequera ante un Racing Vilalbés que se fixo coa vitoria grazas a un gol de Alex Pérez a trece minutos para o final dos noventa minutos. Con isto, os lugueses entran na promoción mentres que o Bergantiños queda a 4 puntos do líder, o Compos; a dous puntos do cuarto e a tres do quinto e sexto.
Outro que non foi quen de gañar a domicilio foi o Barco. O equipo ourensán tiña que visitar San Pedro para buscar tres puntos moi importantes e superada a media hora atopáronse co gol local, obra de Rafa Pérez. Tralo paso por vestiarios, Iván Argos foi quen de igualar o resultado asinando o empate definitivo que os deixa na cuarta posición.
Para rematar, a maior goleada da xornada. O Somozas visitaba O Carballiño coa intención de aproveitar a caída do Silva. Intratables, golearon ao Arenteiro grazas a dous goles de Duque, Días e Quique Cubas. Aínda así, a diferenza de goles mantén ao cadro valdeorrés por enriba na táboa malia sumar os mesmos puntos.
Xornada para aproveitar.
A xornada 21 chega con ata seis partidos a ter en conta para os intereses da Esedé. Unha fin de semana moi completa cos postos de promoción de ascenso e descenso en xogo con dous enfrontamentos directos na parte alta dos que podería aproveitarse o equipo da capital galega.
O Compos recibirá en San Lázaro ao Ribadumia. O partido que abrirá a xornada de domingo e no que haberá moito en xogo. O cadro branquiazul, líder pase o que pase unha semana máis, buscará os tres primeiros puntos do ano na casa ante un rival metido na zona tranquila da clasificación. Un partido que, ademais, será televisado en directo pola segunda canle da TVG.
Con data aínda por determinar, o Silva visitará A Lomba de Ponteareas. O cadro coruñés buscará volver aos postos de promoción de ascenso a domicilio ante un equipo metido na pelexa contraria, por non perder a categoría nunha tempada na que podería haber, a día de hoxe, ata seis descensos se Cerceda e Racing de Ferrol descenden dende a Segunda B.
O primeiro enfrontamento directo será o que se xogue en Barraña. Un Boiro en horas baixas, con problemas extradeportivos, recibirá ao Racing Vilalbés, que buscará encadear catro vitorias consecutivas. Un partido onde o Boiro podería achegarse aos postos altos mentres que o equipo lugués podería ter a oportunidade de facerse co segundo posto, algo que depende doutra cita.
O sobranceiro da xornada será o que se xogue no Alcalde Manuel Candocia o domingo pola tarde. Somozas, quinto, e Choco, sétimo, buscarán tres puntos de ouro que achegarían aos dous equipos ao obxectivo de cara ao final da tempada. Catro puntos separan aos dous equipos na táboa cos somocenses igualados a puntos co Barco.
Un Barco que recibirá na casa ao Arenteiro nun novo derbi ourensán na categoría, primeiro deste 2018. Partido onde os valdeorreses queren seguir polo bo camiño e encadear a súa sétima xornada sen coñecer a derrota. Pola súa parte, o equipo do Carballiño mantense na zona tranquila, con dez puntos máis ca o Vilalonga e sete sobre o Laracha, equipo que agora mesmo marcaría o descenso de haber dous descensos dende a categoría de bronce e ningún ascenso.
E rematamos cun dos que podería ser o partido máis desigualado da categoría. O Bergantiños recibirá nas Eiroas ao Noia, o pechacancelas e un dos peores visitantes da categoría, coa única intención de volver ao camiño da vitoria logo do pau recibido na Magdalena o pasado domingo e manter as súas opcións de facerse de novo co primeiro posto da clasificación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario