Primo, o rei mago branquiazul

O Compos volveu da Coruña con tres puntos moi importantes nun enfrontamento directo contra outro dos grandes rivais na loita pola promoción de ascenso. Unha vitoria clara dos nosos na Grela ante un Silva superior pero incapaz de facer dano nos metros finais con Lucas moi seguro baixo paus. E á gran defensa branquiazul hai que engadir o inmellorable partido feito por Primo, autor dos tres goles dunha Esedé que confirma así a súa presenza no máis alto da clasificación unha semana máis. 
Un cartel no que se atopaban o mellor visitante e o segundo mellor local. Un partido na zona alta da clasificación con bo ambiente nas bancadas e que non defraudou co Silva levando o ritmo do partido, moi trabado no segundo tempo, e o Compos autor das mellores oportunidades á contra. Un partido moi físico no que saiu mellor parado o cadro de Yago Iglesias. 


O mellor ataque é unha boa defensa. 
Os plans do Silva dende un principio foron moi claros: posesión da pelota, presión e xogar en campo contrario evitando que o Compos puidera facer dano en campo local. Pouco tardaron en achegarse á porta de Lucas, sen perigo, con centros ao corazón da área. A iso hai que engadir que, ante este xogo, conseguiron forzar un cartón amarelo de Cardeñosa superados os dez minutos de partido. En canto ás xogadas perigosas: fixeron traballar a Lucas aos vinte minutos cun disparo de Cañi que mandou a córner o gardamallas. 
Sen a pelota, a idea era fixa: defender ben e buscar a velocidade dos dianteiros para saír á contra. Así chegou unha oportunidade perigosa de Róber aos vinte minutos e así chegou o primeiro gol do xogo. Unha contra fermosa que iniciou Alex Ares, moi activo durante os noventa minutos creando moito fútbol pola banda dereita; pase para Samu e este para Primo, que se foi do porteiro cun caneo e anotou a pracer.

Segundo tempo moi completo.
A segunda metade trouxo, sobre todo, emoción. Co Compos mandando un pouco máis coa pelota, os primeiros vintecinco minutos serviron aos nosos para encamiñar un pouco máis o triunfo con Primo de novo como protagonista reclamando un penalti, claro e que non sinalou a colexiada, e facendo un gol que non tardou en neutralizar o cadro local. 
Na primeira metade, Alex Ares e Samu fabricaron unha boa xogada antes de asistir a Primo para que marcase. Na segunda, rouba Tomás a pelota no centro do campo, abre para Róber e este centra dende a liña de fondo para que o dianteiro cántabro non perdoe. Un gol que atopou resposta só dous minutos despois por parte de Movilla, que devolveu a diferenza dun gol ao marcador.
O Compos, e sobre todo Primo, non baixou os brazos malia seguir por diante no partido e tres minutos máis tarde puido chegar o terceiro cun disparo do dianteiro que se foi por moi pouco. Un erro que non tardou en arranxar asinando tamén un terceiro gol, e definitivo, despois dunha falta que saca Samu e prolonga Tomás para que non perdoe no segundo pau. 

O resultado foi moi bo para os intereses branquiazuis, confirmando o primeiro posto unha semana máis, e a xornada non puido ser máis positiva coa derrota do Bergantiños na Magdalena, que deixa aos nosos a catro puntos do segundo. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa, Casas, Naveira; Samu, Tomás (Rubén, min. 88); Róber, Santi (Alberto, min. 77), Ares; e Primo (Sobrido, 85).
CARTÓNS: Amarelos para Cardeñosa e Santi.
GOLES: 0-1 30' Primo, 0-2 70' Primo, 1-2 72' Movilla, 1-3 80' Primo.
CAMPO: A Grela 1-A Catedral. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario