Novo ano, nova vitoria?

O Compos comezará este ano 2018 nun dos campos máis difíciles da categoría. Un campo, de herba artificial, onde só un equipo foi quen de facerse cos tres puntos e no que outros dous conseguiron un bo empate malia non ser quen de anotar. A Grela acollerá este primeiro domingo do ano o enfrontamento máis importante desta xornada, que abre a segunda volta do campionato.
Silva, cuarto clasificado, e Compos, líder da categoría, buscarán arrincar a segunda metade do curso con boas sensacións, cun bo resultado e poñendo máis de cara o camiño á promoción de ascenso entre dous rivais directos. Un enfrontamento que, ademais, abrirá a mañá do domingo en terras coruñesas.


De máis a menos.
Dende a segunda xornada do campionato, logo de perder por goleada en San Lázaro, o cadro silvista meteu varias marchas máis ao seu xogo e atopou con claridade o camiño á portería rival. Tanto foi así que asinaron once xornadas consecutivas sen perder entrando nos postos de promoción de ascenso na xornada 4 e acadando o primeiro posto da táboa dúas xornadas máis tarde, que mantivo durante 8 semanas.
Un gran arrinque de tempada que non puido manter nas últimas xornadas do xa pasado ano. Unha derrota en Redondela, segunda na súa conta, que amosou que o Silva non era invencible. Despois, dúas derrotas, dous empates e dúas vitorias en seis xornadas.
Actualmente, o Silva é cuarto clasificado con 37 puntos, a 5 do Compos. 11 triunfos, 4 empates e 4 derrotas, 28 goles a favor e 16 en contra, que sitúan ao cadro branco coma o terceiro mellor defensivamente só por detrás de Bergantiños e Barco.
En canto aos seus partidos na casa, só o Bergantiños foi quen de saír cos tres puntos mentres que Ribadumia e Racing Vilalbés puideron facerse cun punto. E por se eses datos non eran suficientes para demostrar o complicado que é facerse con algo importante na Grela, dicir que só encaixaron 5 goles, catro deles na derrota ante o Bergantiños e o outro na vitoria contra o Arenteiro.
A nivel individual, Cañi é o xogador con máis goles do equipo con 10 tantos na súa conta particular, catro deles contra o Céltiga. A iso hai que engadir que Guillermo encaixou 6 goles mentres que Damián recibiu un total de 10 repartindo os minutos entre os dous gardamallas.

Só un precedente.
Silva e Compos víronse as caras en tres ocasións pero só unha delas foi en terras coruñesas. De feito, foi a única vitoria silvista sobre os nosos nun mal partido no que Movilla e Renan Zanelli asinaron os tantos locais mentres que David Rey, xa no segundo tempo, puxo o 2-1 defintivo para unha Esedé que chegaba con baixas moi importantes.
En canto ao encontro da primeira volta, en San Lázaro, o Compos amosou a súa superioridade cun recital de fútbol e goles ante o que nada puido facer o equipo coruñés. Rubén e Róber fixeron os dous primeiros antes do vinte minutos de partido mentres que Lucas Lima buscou meter ao Silva no partido cun gol no segundo tempo. Sobrido, que debutou cun golazo, e Santi pecharon unha goleada moi importante e que confirmaron aos nosos coma un dos equipos a superar.

Bo final de ano, mellor comezo?
O 2017 non puido rematar mellor para ámbolos dous conxuntos, que o pecharon con vitorias. O Compos superou ao Choco na derradeira xornada da primeira volta mentres que o Silva fixo o propio na Grela contra un Barbadás que chegaba nun bo momento.
En Redondela, o Compos non puido completar un bo primeiro tempo malia adiantarse á media hora cun gol de Tomás. Resultado moi positivo co que se chegou case á media hora do segundo tempo, cando Primo puxo máis preto á vitoria para os nosos. Por contra, xa no engadido, Pablo Couñago buscou manter con vida a un Choco que pechou a primeira volta a seis puntos do cuarto clasificado.
Polo outro lado, na Coruña, o Silva rematou cunha xeira negativa de dúas xornadas sen coñecer a vitoria cos tres puntos ante un Barbadás que chegaba nun momento moi diferente logo de tres xornadas puntuando. João Paulo, Cañi e Pedro Gagino foron os autores dunha goleada importante para manter ao cadro local entre os catro primeiros.

Por camiños separados.
O Compos chega a esta cita despois de acadar catro vitorias consecutivas e un total de nove xornadas sen perder, sumando 21 de 27 puntos posibles. Ademais, hai que engadir que a Esedé non perde a domicilio dende o pasado mes de setembro, cando asinou a súa única vitoria a domicilio no que vai de campionato cun total de 23 puntos de 30 posibles que o confirman como o mellor visitante da categoría.
O Silva, moi forte na casa, comeza esta segunda volta do campionato como segundo mellor local da categoría, con números semellantes aos que leva a Esedé a domicilio. Tamén 23 puntos con 7 vitorias, 2 empates e 1 única derrota. ante o Bergantiños por goleada no pasado mes de novembro. A iso hai que engadir que se trata dun dos mellores conxuntos defensivamente ante a súa afección. En canto ao camiño silvista ata este encontro, remataron cunha xeira de dúas xornadas sen puntuar. Foi, ademais, a segunda vitoria en sete xornadas.

A pola décima.
Este domingo, o Compos terá a oportunidade de conseguir encadear 10 xornadas consecutivas sen perder. Unha gran xeira de resultados que repetiría a asinada alá polo ano 2014, entre os meses de febreiro e maio na Segunda B.
Dende a derrota ante o Barco, o cadro de Yago Iglesias convertiuse nun equipo moi forte en defensa e mellor en ataque marcando en tódolos partidos, sumando un total de 24 a favor e recibindo só 7. 6 vitorias a favor e tres empates, todos por un gol.
Dita xeira ten un precedente moi recente. Na segunda volta da tempada 2013/14, na Segunda B, o equipo de Fredi Álvarez conseguiu a salvación sen problemas grazas a un momento case inmellorable, Unha derrota en San Lázaro ante o Guijuelo cambiou unha dinámica de resultados. 6 empates, cinco deles a domicilio, e 4 vitorias, todas na casa e entre as que salientar o 4-1 ante o Racing de Ferrol, 18 goles a favor e 7 recibidos nun total de 10 xornadas. Dita xeira rematou coa derrota branquiazul lonxe de San Lázaro ante o Noja.

Dúas baixas importantes
Para esta cita, o adestrador branquiazul contará con dúas baixas moi importantes. David Uña e Mon, dous titulares indiscutibles, non poderán estar sobre o verde da Grela. Ámbolos dous xogadores terán que cumprir unha xornada de sanción despois de ver o décimo e o quinto cartóns respectivamente.
Por contra, Tomás e Álvaro Casas chegan a esta cita apercibidos de sanción, os dous con catro cartóns amarelos, e non poderían estar ante o Ribadumia no primeiro encontro do ano en San Lázaro de ver un máis en terras coruñesas.

De mañá e de balde.
Que mellor agasallo de Reis que poder desfrutar dun bo partido de fútbol? O campo da Grela abrirá as súas portas o domingo para acoller un partido ás 12:15 horas da mañá entre Silva e Compos. Un encontro para o que, ademais, haberá entrada libre para todos aqueles que queiran asistir.
Quen, por contra, non poida estar nas bancadas poderá seguir o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario