O líder non perdoa

Un Compos que chegaba coas baixas importantes de Primo, Álvaro Casas e Tomás, non perdoou no Municipal de Laracha a un equipo que loitou durante toda a segunda metade sen sorte. Róber, que tamén marcou ante o Ribadumia hai seis días, non perdoou no ecuador do primeiro tempo para marcar o tanto da vitoria. Pola súa parte, o cadro local estivo moi preto de empatar nun segundo tempo onde os nosos non estiveron nada acertados.


Case sen querer. 
O partido arrincou cos dous equipos igualados, sen un dono claro e sen achegamentos a ningunha das dúas porterías durante os primeiros vinte minutos, nos que a Esedé foi de menos a máis. Tal foi así que a primeira oportunidade de perigo chegou nas botas do ataque branquiazul cun centro que a piques estivo de rematar Alex Ares, perdoando unha oportunidade moi clara. 
Na primeira non puido chegar o gol mais si chegou na segunda, case sen querer e cun chisco de sorte. Saro chegou pola banda e puxo un centro á área. Róber, logo de superar en velocidade á defensa larachesa, superou ao porteiro asinando o seu sexto gol do campionato. Un gol que sería o que despois daría os tres puntos ao líder. 

Cando non quere non entra. 
Despois do gol, o Compos estivo moito máis preto da porta de Chema e as ocasións claras sucedéronse sobre todo nos dez minutos finais do primeiro tempo. Non obstante, malia asinar oportunidades moi claras de gol, a pelota non quixo entrar. Santi non foi quen de chegar a un novo centro de Sobrido, Uña e Cardeñosa atopáronse coa madeira e tanto Ares coma o propio Sobrido non acertaron a meter a pelota entre os tres paus levando ao equipo aos vestiarios con só un gol de diferenza, perigoso para unha segunda metade que tería un guión moi diferente. 

O Laracha quería ter a última palabra. 
O Compos non apareceu nun segundo tempo que se xogou, agás unha oportunidade de Sobrido sen perigo, en campo compostelanista. O Laracha levou o ritmo do encontro e incluso tiveron algunha ocasión, sen excesiva importancia, sobre a portería dun Lucas que de novo foi quen de manter o marcador a cero por segunda xornada consecutiva. 
Coa emoción que dá un resultado tan curto ata o final do encontro, o colexiado puido incluso non sinalar un penalti a prol do Laracha na derradeira xogada do encontro e que podería supoñer o empate dun equipo que hai pouco contratou ao seu terceiro adestrador no que vai de curso. 

Chega o importante.
Con marxe de erro, o Compos arrinca agora un treito chave na tempada. A vindeira fin de semana chega a San Lázaro o Racing Vilalbés e posteriormente haberá que visitar a Boiro, Cultural Areas e Barco ademais de recibir na capital a Barbadás, Bergantiños e Somozas. Algo máis de mes e medio onde a promoción estará máis en xogo ca nunca para os nosos. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Uña, Naveira; Samu, Mon; Sobrido (Ube, min. 89), Alex Ares (Alberto, min. 70), Róber; e Santi (Diego Rey, min. 80).
CARTÓNS: Amarelos para Santi, Róber e Ube. 
GOLES: 0-1 24' Róber.
CAMPO: Municipal de Laracha.

Ningún comentario:

Publicar un comentario