Todo segue igual. O Compos, que xa gaña case sen querer, mantén a súa cómoda vantaxe sobre o segundo clasificado, un Bergantiños que deixou ao Boiro case sen opcións de rematar entre os catro primeiros clasificados. Por detrás, e tamén sen sacar o pé do acelerador, o Barco sumou de tres unha semana máis, e xa van dúas consecutivas, mantendo os dous puntos de diferenza sobre o cuarto. Os postos de promoción péchaos o Racing Vilalbés logo de superar ao Barbadás na casa e aproveitando o empate entre Somozas e Silva nun dos mellores partidos da pasada xornada.
Un menos?
Sete xornadas sumando de tres un Compos que volveu do Municipal de Laracha o sábado pola tarde cunha nova vitoria, e xa van 16 en 22 xornadas. O equipo dirixido por Yago Iglesias, que segue con paso firme directo á promoción de ascenso, superou a un rival duro e que a piques estivo de dar unha sorpresa no segundo tempo, metendo aos nosos en campo propio. Por sorte, no primeiro tempo apareceu de novo Róber para marcar un novo tanto importante e asinar os tres puntos que deixaban ao cadro branquiazul a sete puntos do Bergantiños durante 24 horas.
Á mesma hora, en Santa Mariña, o Barco asinou o mesmo resultado ante un Choco que o intentou ata o final, sen sorte. Para os valdeorreses tamén foi suficiente un único gol, obra de Ivi Vales, co que manter o seu posto na parte alta da clasificación durmindo ata domingo no segundo posto. A día de hoxe son terceiros a sete puntos do líder e con dous menos que os de Carballo.
Un dos pratos fortes foi co que se abriu a xornada de domingo. Na Grela, pola mañá, Silva e Somozas non foron capaces de pasar do empate perdendo ámbolos dous a oportunidade de rematar a xornada entre os catro primeiros. Miguel Real anotou o gol local mentres que Quique Cubas fixo o propio para os somocenses.
Quen puido aproveitar este empate foi o Racing Vilalbés, seguinte rival do Compos. O equipo lugués non tivo piedade na Magdalena e xa chegou ao tempo de lecer cunha diferenza importante de dous goles, de Villares e Alex Pérez. Buyo no segundo tempo pechou a goleada perdendo os ourensáns a oportunidade de rematar a xornada fóra dos postos de descenso.
O que sen dúbida era o partido da xornada chegou o domingo pola tarde. En Barraña enfrontábanse Boiro e Bergantiños nun partido no que, sen importar o resultado, o Compos sairía beneficiado. Sobre o terreo de xogo cumpriuse o esperado e o equipo carballés sumou de tres nun partido moi desputado, con emoción e dous goles na segunda metade, obra de Iago Blanco e Rubén Rivera. O Boiro, con pé e medio fóra da promoción, recibirá á Esedé en dúas semanas.
Moito pasa por San Lázaro.
Sen dúbida, o mellor da xornada 23 estará en San Lázaro nunha fin de semana onde catro dos cinco primeiros clasificados buscarán manter, ou mellorar, as posicións na clasificación ante as súas respectivas afeccións. Unha xornada na que, ademais, o Boiro buscará manterse vivo na loita.
O Compos recibirá en San Lázaro a visita dun dos mellores conxuntos da categoría. Con Óscar Gilsanz á fronte, o Racing Vilalbés buscará manterse nos postos de promoción de ascenso, algo para o que deberá sumar de tres. Na primeira volta foron os primeiros en gañar ao Compos grazas a un 4-1 na Magdalena. Nesta ocasión buscarán frear unha xeira que pode acadar as 8 vitorias consecutivas.
Atentos ao que faga o Compos, a catro puntos de distancia, está un Bergantiños que esta fin de semana recibirá nas Eiroas ao Ourense CF. Os carballeses, que manterán o segundo posto pase o que pase, buscarán a terceira vitoria consecutiva ante un Ourense que non gaña dende o mes de novembro, sumando un total de 8 xornadas consecutivas sen gañar.
Un posto entre os catro primeiros estará moi en xogo en Calabagueiros. Barco e Silva, terceiro e sexto respectivamente e separados por tres puntos, buscarán tres puntos de ouro. O equipo valdeorrés podería aumentar diferenzas cos perseguidores mentres que os coruñeses loitarán por manterse no alto da clasificación.
No Alcalde Manuel Candocia estará en xogo tanto a promoción, xa que o Somozas buscará aproveitar un posible erro dos equipos dos postos máis altos, e a permanencia, aínda non asegurada para os visitantes. Unha oportunidade para que os da Ferrolterra volvan ao camiño da vitoria ou para que os ribadumienses rachen cunha xeira de dúas derrotas consecutivas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario