Moito en xogo

Inmerso no momento máis duro da tempada, o Compos terá este domingo unha dura saída a un dos campos máis complicados do grupo. En Barraña enfrontaranse o mellor equipo lonxe da súa casa contra o primeiro capaz de levarse os tres puntos de San Lázaro esta tempada. Un encontro onde o líder terá que buscar unha nova vitoria lonxe ante un rival metido en problemas máis alá do campo, onde suman dúas derrotas consecutivas, cunhas eleccións á presidencia a vindeira semana. 
Sobre o campo estará en xogo a xeira máis positiva da historia do Compos. Logo de oito vitorias consecutivas, a novena podería chegar sobre o verde de Barraña ante un Boiro ben reforzado no derradeiro día de mercado, un campo onde nunca gañaron os nosos ata o de agora.


Os problemas non paran.
Descendidos por problemas extradeportivos, os problemas non paran de chegar ao equipo boirense. De feito, hai días apareceu na prensa que os xogadores gañaron en San Lázaro na primeira volta... sen cobrar! Debido a isto, as baixas "por motivos persoais" sucedéronse durante o mes de xaneiro obrigando ao clube a elexir un novo presidente. 
Sobre o campo, un dos favoritos para entrar entre os catro primeiros que non está a deixar tan bos resultados como era de esperar. A día de hoxe ocupan a novena posición da táboa con 36 puntos, sete por debaixo do Somozas e obrigados a superar ao Compos e facer unha segunda volta case perfecta para cumprir cos pronósticos. 11 vitorias que o sitúan como sétimo equipo con máis triunfos, 3 empates que o colocan como terceiro que menos reparte puntos e 9 derrotas que o fan perder de vista o obxectivo. 
Ante a súa afección sumaron gran parte dos seus puntos. En Barraña caeron equipos coma Racing Vilalbés e Silva mentres que o Barco foi quen de facer un punto, o único empate en Boiro no que vai de tempada. Pola súa parte, o outro grande que pasou polo feudo barbanzán foi o Bergantiños, que si puido facerse cos tres puntos hai dúas semanas.
A nivel individual, ademais do ex defensa do Compos Taboada, hai que salientar a Igor. O experimentado dianteiro, con pasado en equipos coma Pontevedra, Levante, Salamanca, Girona ou Sporting de Braga, suma 6 goles. Menos, só un pero moi importante para sumar os tres puntos en San Lázaro, foi o que asinou outro ex branquiazul. Yahvé segue a ser unha das pezas importantes na categoría, agora vestindo a camisola branca.

2018 moi diferente.
Un Compos que non coñece nada que non sexa gañar no que vai de ano, con catro vitorias en catro partidos, visitará a un Boiro que só puido sumar de tres na primeira cita do ano ante a súa afección contra o Racing Vilalbés.
Nas catro últimas citas, o equipo dirixido por Yago Iglesias non só fixo un pleno de triunfos senón que ademais o fixo recibindo só un gol, ante o Silva, e marcando un total de 10. De feito, só o Laracha foi quen de aguantar e non encaixar máis dun gol, ou tres coma no resto dos casos. Chama a atención, ademais, o arrinque do novo ano de Primo cun total de catro partidos. 
Pola súa parte, o Boiro comezou do mesmo xeito que rematou o anterior: con derrota. Con só un triunfo nos cinco últimos partidos, os agora adestrados polo ex do Compos Falagán, encaixaron seis goles no mes de xaneiro e anotaron outros cinco. Ademais, non gañan a domicilio dende o mes de novembro caendo en picado na táboa. 

30 anos do último empate. 
O Compos visitou Barraña nun total de cinco ocasións... sen sorte para os nosos. Cero vitorias en cinco enfrontamentos e dous empates, ámbolos dous hai trinta anos. Ademais, hai que contabilizar unha cuarta derrota importante, a sufrida na primeira volta contra o equipo dirixido durante boa parte do campionato por Lemos. 
Tanto en 1986 coma dous anos despois, o Compos foi quen de conseguir un punto en cada visita a Barraña. Dous empates, o segundo a un gol, e tres derrotas sempre pola mínima. Un gol ao noso favor en 450 e catro en contra nun campo sempre difícil. 
Pola súa parte, na primeira volta eles conseguiron a súa primeira vitoria na capital cunha goleada importante no partido con peor imaxe da Esedé. O ex branquiazul Yahvé fixo o primeiro da tarde á media hora do xogo mentres que Cano e Otero pecharon a goleada nos segundos corenta e cinco minutos deixando sen opcións a un equipo que xa perdera unha semana antes en Vilalba. 

Oito e trece. 
A día de hoxe, o Compos suma xa oito vitorias consecutivas, un récord histórico para o clube con posibilidades aínda para aumentar. A iso hai que engadir as trece xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, aínda lonxe das dezanove citas sen perder na tempada 2012/13. Sen dúbida, estes datos poden aumentar de ter unha boa tarde ante un Boiro que pode contar con máis cambios nos vindeiros días. 

Todos dispoñibles. 
Unha semana máis, Yago Iglesias terá que facer descartes para confirmar a lista de 16 que loitarán no campo barbanzán. Por contra, pensando un pouco na visita do Barbadás a Santiago, Samu, Santi e Naveira chegan a esta cita con catro cartóns amarelos, a un de cumprir ciclo de amoestacións.

Horario habitual. 
Esta xornada 24, que arrincará o sábado na Grela, contará cun gran encontro en Barraña o domingo ás 17 horas. Boiro e Compos presentarán unha das mellores citas do que vai de ano para o que as entradas terán un prezo de 10 euros. 
Quen, por contra, non poida achegarse ao campo boirense poderá seguir o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ademais do perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario