O Compos terá este domingo pola mañá un novo encontro importante no que buscar manter o primeiro posto da clasificación. Un partido difícil nun dos campos históricos do fútbol galego, o Couto que volve recibir aos nosos despois de máis de 4 anos, contra o xa desaparecido CD Ourense na Segunda B.
Nesta ocasión visitaremos a un Ourense CF loitando por manter a categoría e que, despois dun comezo de curso positivo, está a ter problemas á hora de sumar de tres. De feito, os ourensáns chegan despois de conseguir só dous triunfos nos cinco últimos xogos.
A mellor defensa.
O Ourense chega a esta cita coa mellor defensa do campionato. O equipo de Fran Justo, encaixou só 9 goles no que vai de campionato perdendo só catro citas e sempre pola mínima mantendo a porta a cero en sete ocasións. Un conxunto forte e que foi quen de empatar contra o Silva, sen goles, e superar ao Bergantiños, os dous na casa.
De máis a menos a domicilio, perdendo tres das catro últimas saídas, na casa confírmanse como un rival moi difícil de superar. De feito, tres empates e unha derrota acompañan aos tres triunfos conseguidos no Couto contra Bergantiños, Negreira e Laracha. A iso hai que engadir que anotaron 6 goles e encaixaron só 2, no empate contra o Arenteiro e na derrota contra o Boiro.
A nivel individual, contan con bos futbolistas coa intención de facer algo importante. O ex do Compos Óscar Fondevila e o ex do Silva Renan Zanelli reforzaron aínda máis o cadro ourensán no que salientan as actuacións de Eduardo Otero, autor de 7 goles ata o de agora, tres deles contra o Noia.
Primeira vez.
Esta será a primeira vez na que Compos e Ourense CF se vexan as caras despois de doce anos do conxunto local polo fútbol rexional. Un encontro ata o de agora inédito mais ao que engadir as quince visitas dos nosos á Cidade das Burgas para enfrontarse ao antigo CD Ourense, no que era un Clásico do noso fútbol entre dous grandes.
O Couto recibirá este domingo aos nosos unha vez máis, despois de catro anos, para un partido onde os nosos buscarán mellorar uns resultados moi pobres. Ante o xa desaparecido Ourense, dez derrotas dos nosos, dous empates e só tres vitorias, última no ano 1999. Uns datos que, por sorte, melloran se falamos dos encontros en Santiago, onde se iguala a cousa.
A todo o anterior hai que engadir que só se viviron dous empates sen goles, un en cada cidade. En canto aos goles no campo ourensán, os locais anotaron un total de 20 mentres que os nosos non puideron pasar de 8, case medio gol por xogo de media.
A seguir polo bo camiño.
Despois de cinco puntos dos nove últimos posibles e aproveitando unha mala semana do Silva, o Compos chega a esta cita no máis alto da clasificación. Tres encontros consecutivos puntuando en total e só unha derrota falan do mellor xeito posible dun Compos moi forte a domicilio e que buscará un gran premio este domingo.
Pola súa parte, o Ourense conseguiu superar ao Barbadás nos Carrís nun derbi difícil que se decantou cun so gol de Pablo Nogueiras a falta de tres minutos para o final. Mesma emoción houbo na última cita no Couto, onde o Boiro conseguiu saír cos tres puntos cun gol de Remeseiro a seis minutos para o final do encontro. Un resultado que pechou unha xeira de doce partidos sen perder como local.
Primeira de primeiros.
Dende maio de 2012, hai xa cinco anos, o Compos non era líder dunha categoría. Foi aínda na Preferente Norte, na derradeira xornada confirmando o ascenso logo dunha tempada case perfecta sendo o equipo con menos derrotas, máis goles a favor e menos en contra, malia rematar a campaña cun empate e unha derrota nas dúas últimas xornadas.
Agora, cinco anos despois e unha categoría máis arriba, a Esedé volve ser líder dunha categoría. Mais, no Couto chega unha oportunidade moi importante para manter ese primeiro posto da clasificación que Silva, Bergantiños e Somozas, último en meterse na loita, non perden de vista estando os coruñeses empatados a puntos, os de Carballo a un punto e os somocenses a tres, todos logo de perder nos enfrontamentos directos ante os nosos.
A xornada arrincará con ese encontro en Ourense e quince minutos despois buscará recuperar o posto máis alto da táboa un Silva que recibirá ao Ribadumia coa intención de rematar a xeira negativa que o levaron a perder as dúas últimas citas. Pola súa parte, o Bergantiños recibirá ao Céltiga e só lle vale gañar e agardar que non os fagan os anteriores, mentres que o Somozas buscará recortar diferenzas en Cangas.
O mellor visitante contra un bo local.
O Compos é, de lonxe, o mellor equipo cando xoga fóra da súa casa neste primeiro terzo de tempada. Sete partidos a domicilio con só unha derrota que contar e cinco vitorias moi importantes, ás que engadir un empate no Morrazo. Un equipo forte e que foi quen de correxir os erros dos anos pasados lonxe de San Lázaro. O máis importante: 16 goles ao noso favor e 10 en contra, encaixando tres contra Ribadumia e catro contra Racing Vilalbés.
Pola súa parte, o Ourense non chega sendo o mellor local do curso mais si se trata dun equipo forte no Couto. 21 puntos en xogo ata o de agora en Ourense dos que 12 se quedaron alá, grazas a tres vitorias e tres empates, mentres que só o Boiro foi quen de facerse coa vitoria no Couto.
O Noia deixou problemas.
O enfrontamento contra o equipo noiés deixou consecuencias importantes para esta cita contra o Ourense. Yago Iglesias, que a pasada fin de semana contou con numerosas dúbidas, terá este domingo as baixas seguras de Primo e Ube, os dous por sanción logo de ver o quinto cartón amarelo e un vermello respectivamente. Ademais, Casas segue apercibido de sanción polo que, de ver un cartón, non podería estar a seguinte fin de semana contra o Negreira.
En canto ás baixas por problemas físicos, Alberto está descartado, Róber é dúbida importante e Sergio Pereira poderá estar se Yago o ve oportuno logo de incorporarse xa ao equipo nos adestramentos.
Festa e fútbol.
O domingo, de festa en Ourense, comezará cun partido interesante no Couto ás 12 da mañá. Ourense CF e Compos abrirán a xornada de domingo cun dos enfrontamentos salientables desta nova xornada. Para asistir, o prezo das entradas será de 10 euros.
Quen, por contra, non poida desprazarse nesta fin de semana, poderá seguir o encontro en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá verse a través da nova ProLiga TV, na app oficial.

Ningún comentario:
Publicar un comentario