O Compos sumou unha vitoria importante en San Lázaro contra un Noia que mereceu máis. Un partido que deixa aos nosos no máis alto da clasificación, logo da derrota pola mañá do Silva contra o Bergantiños, cos mesmos puntos ca o segundo e con tres puntos de diferenza sobre o cuarto nunha competición que cada vez conta con máis aspirantes a facerse co premio do primeiro posto da táboa.
Un encontro con moitos goles e, de novo, emoción ata o final para un Compos que non soubo pechar a vitoria malia contar con dous goles de diferenza, despois de conseguir remontar un gol do conxunto noiés. Cardeñosa, Tomás e Primo foron os autores dos tantos locais nun xogo onde Ube foi expulsado por dobre amoestación e no que o dianteiro cántabro viu o quinto cartón amarelo, polo que non poderá estar o vindeiro domingo no Couto contra o Ourense.
Á segunda chegou a vencida.
O Noia saiu ao terreo de xogo coa única intención de dar unha sorpresa no San Lázaro santiagués. O equipo que hoxe xogou de negro, conseguiu dous saques dende a esquina nos primeiros minutos e, despois dun que case entra de xeito directo, o segundo amosou a táctica noiesa para este tipo de xogadas a balón parado.
Logo de perdoar un gol olímpico, que non entrou por moi pouco, o segundo petou no longueiro. A pelota quedou morta na área pequena branquiazul e Piñeiro só tivo que empurrar a pelota ao fondo das redes conseguindo un premio merecido para os visitantes.
Dificultades para marcar.
Un Compos sen moitas ideas e problemas para atopar o camiño á portería, buscou xerar perigo topándose cun muro defensivo sen moitos ocos. Ademais, hai que engadir que o Noia buscou a porta de Lucas en cada contra das que puideron gozar e que levaron a Ube a ver o seu primeiro cartón da tarde.
Non obstante, o treito final do primeiro tempo trouxo consigo dous bos goles para os nosos, que chegaron ao tempo de lecer por diante no marcador. O primeiro, ao igual que o do Noia, chegou logo dun córner que botou Mon e que non perdoou Cardeñosa, cun testarazo imparable. Un empate importante e xusto para un Compos que non era quen de poñer en perigo ao porteiro visitante.
Pola súa parte, o segundo chegou xa no tempo engadido, segundo algún xogador noiés en fóra de tempo, noutra xogada a balón parado. Córner estudado dos nosos que saca Alex Ares en curto e Tomás, sen pensalo dúas veces, pona de primeiras lonxe do alcance do porteiro. Un golazo para adiantar a unha Esedé que tocaba coa punta dos dedos o primeiro posto da clasificación.
Mesmo guión na segunda parte.
No segundo tempo, o Noia saiu tamén con intención de dar a sorpresa e igualar o resultado. Gozaron dalgunha que outra oportunidade de perigo sobre a portería de Lucas, mandando un balón ao pau antes dos quince minutos, e puxeron contra as cordas a un equipo que se volveu cargar un pouco de cartóns entre un gran número de interrupcións cos homes do Noia polo chan.
Non obstante, nesta ocasión foi o Compos o primeiro en marcar. Un gol que ben puido servir para confirmar un novo triunfo despois de tres xornadas sen sumar de tres. De novo, un golazo de Primo a pase de Sobrido despois de desfacerse dun contrario cun caneo e superar ao porteiro cun disparo ao segundo pau, imposible para o gardamallas.
Nervios ata o final.
Nin con dous goles de diferenza e con vinte minutos por diante foi quen o Compos de ter un final de partido tranquilo. Logo duns minutos sen nada salientable, unha xogada embarullada na área rematou con Ube expulsado por dobre amoestación e oportunidad para os visitantes de recortar diferenzas dende os once metros. Un penalti que materializou David Suárez enganando a Lucas, que non gozou dunha das súas mellores tardes baixo os paus vendo ademais un cartón amarelo no engadido por perder tempo.
O Noia, que mereceu algo máis, puido volver cun cuarto gol ao seu San Lázaro mais a sorte non estivo nas botas de Alex Ares, que buscou rematar unha contra cunha vaselina que saiu por enriba do longueiro da porta noiesa.
Agora hai que pensar na cita do vindeiro domingo contra o Ourense no Couto, onde non poderán estar Primo nin Ube, os dous por sanción.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Mon; Ube, Samu; Tomás (Santi, min. 62), Ares, Rubén (Sobrido, min. 57); e Primo (Diego Rey, min. 79).
CARTÓNS: Amarelos para Primo e Lucas. Expulsado Ube por dobre amoestación.
GOLES: 0-1 15' Piñeiro, 1-1 34' Cardeñosa, 2-1 45' Tomás, 3-1 70' Primo, 3-2 86' David Suárez.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario