Empate xusto

O Compos volveu puntuar no Couto contra un Ourense CF moi forte na casa nun partido sen ocasións, sen moito fútbol e no que o máis importante foron, sobre todo, as dúas lesións coas que volven os nosos a Santiago. Polo demais, un golazo de Alex Ares para sumar un punto, co que non se pode manter o primeiro posto da clasificación, e minutos bos no segundo tempo sen conseguir levar perigo á porta local.


Mala saída.
Os primeiros vinte minutos de partido foron do peor dos nosos a domicilio no que vai de tempada. Un equipo sen ideas, sen balón e incapaz de pasar do centro do campo coa pelota xogada que se viu superado durante moitos minutos do primeiro tempo por un Ourense que non precisaba da posesión do esférico para crear perigo grazas á gran presión no centro do campo, roubando moitos balóns, e á fortaleza defensiva que o leva a ser o mellor equipo atrás. Se a iso lle engadimos a velocidade á hora de provocar contras...
Foi sen previo aviso claro cando, superados os vinte minutos de xogo, o equipo local puido adiantarse no marcador logo dun centro dende a banda e un gran testarazo de Edu Otero ante o que nada puido facer Lucas, incapaz de chegar. Un bo gol máis que merecido para un Ourense que estaba a ser moi superior. 

Boa reacción.
O gol serviu de moito para os nosos. Sobre todo, para espertar e meterse no partido antes de seguir a perder tempo. O xogo cambiou de mans, o Compos pasou a dominar a posesión da pelota e as oportunidades de gol chegaron pola banda de Rubén. Mais, non foi ata o final do primeiro tempo, xa case no engadido, cando chegou un pequeno premio para o equipo branquiazul. 
Demostrando a mellora a balón parado, levando a cabo boas oportunidades con saques de esquina, o gol do empate chegou logo dun saque de banda que puxo rápido en xogo Samu e Alex Ares bateu ao porteiro cun disparo case sen ángulo coa esquerda. Un disparo directo ao segundo pau e que non foi quen de evitar o gardamallas. 

Segundo tempo sen moito fútbol.
As interrupcións, comezando coa lesión de Cardeñosa aos poucos segundos logo da reanudación, foron a dinámica principal dun segundo tempo sen goles nin ocasións onde as faltas e trocos marcaron un ritmo baixo do xogo. A iso hai que engadir que os dous equipos saíron ao campo ao mesmo nivel que pecharon o primeiro e que o Compos non tardou en desaparecer unha vez máis.
Pouco que contar a parte da lesión de Santi logo de levar a cabo a mellor, e única, ocasión de perigo dos nosos e que rematou cun alto prezo metendo en máis problemas a un equipo que contará con problemas de cara ao partido contra o Negreira da vindeira fin de semana.

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa (Tomás, min. 47), Casas, Naveira; Mon, Samu; Sobrido, Alex Ares, Rubén (Róber, min. 80); e Santi (Diego Rey, min. 69). 
CARTÓNS: Amarelos para Cardeñosa, Alex Ares e Tomás.
GOLES: 1-0 23' Edu Otero, 1-1 45' Alex Ares. 
CAMPO: O Couto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario