É o momento

O Compos recibirá este domingo ao Noia, penúltimo clasificado, na terceira xornada en oito días para os nosos, que non foron quen de pasar do empate nas dúas anteriores. Un partido importante para volver ao camiño da vitoria en San Lázaro, onde os tres puntos non quedan dende principios do mes de outubro contra o Cultural Areas.
Diante estará un Noia recén ascendido e que busca manterse na categoría logo dun arrinque que deixa moito que desexar en canto a resultados. De feito, o mércores conseguiron deixar o último posto da clasificación co seu cuarto empate da tempada, un resultado ao que semellan estar aboados nas últimas datas.


Nin tan lonxe.
O Noia non puido arrincar a tempada con bo pé. Non obstante, trátase dun equipo que foi de menos, de moito menos, a máis. De feito, tardaron catro xornadas en conseguir o seu primeiro punto, a domicilio, e tres semanas máis para conseguir a súa primeira, e única, vitoria do curso contra un Choco que foi o autor da segunda derrota do Silva.
Catro empates e unha vitoria en trece encontros suman un total de 7 puntos para o equipo noiés. Un conxunto con menos dun gol de media por partido, 12 en total, e que encaixa máis de dous por cita, cun total de 30 sendo o segundo equipo con máis problemas para deixar a súa porta a cero, algo que só conseguiron no empate contra o Boiro.
Lonxe do San Lázaro de Noia, o conxunto noiés só foi quen de conseguir 2 puntos dos 7 que suman en total. Catro derrotas con resultados tan abultados coma o 6-1 no Morrazo ou o 3-1 en Barraña aos que engadir dous empates en Negreira e Laracha. Un equipo que fóra da casa fixo 5 goles e encaixou nada máis e nada menos que 14 en 6 encontros.
A nivel individual, hai xogadores importantes coma o ex do Compos Tachi ou Ferreiro e Nando, ámbolos dous con tres goles no seu haber mentres que o defensa ocupa o terceiro posto na clasificación de goleadores do equipo con dous tantos.

Primeira vez na Terceira.
O Noia está a xogar a segunda tempada da súa historia na Terceira galega. O equipo de Jaime Sánchez estreouse na categoría hai dous anos con Yago Iglesias no banco e xogadores coma Saro e Samu, actualmente nas filas da Esedé. Non obstante, os dous equipos enfrontáronse xa en tres ocasións, sempre na Preferente Norte.
Na 2006/07 conseguimos o primeiro empate no San Lázaro de Noia nun partido que se alongou moito... e cun gol de Coria para asinar o 2-2 definitivo. Antes, goles de Hugo e Canine para os locais e Anderson e o propio Coria para os nosos. No partido de volta, en Santiago, bastou un gol de Claudio para deixar os tres puntos na capital.
Mesmo resultado da primeira volta foi o que se puido vivir no San Lázaro de Santiago na seguinte tempada. Empate a dous goles, os dous de Petter para os nosos e Néstor e Yago para os noieses. En Noia, na segunda volta, un só gol de Vladimir foi suficiente para sumar tres puntos máis.
E os antecedentes rematan na 2010/11. Na primeira volta, o Compos deixou os tres puntos na casa grazas a dous goles de Pampa e Marcos. Pola súa parte, en Noia, Diego Arnejo, Tore e Roberto Piñeiro en dúas ocasións, asinaron unha importante goleada.

Dos empates, á vitoria?
Os dous conxuntos chegan de sumar un punto cada un na pasada xornada entre semana. Dous partidos nos que tanto santiagueses coma noieses non foron quen de sacar algo máis positivo logo de, no noso caso, chegar por diante no marcador aos dez minutos finais do encontro. 
En Cangas, o Compos foi por diante cincuenta minutos. Un gol de Mon antes da media hora de xogo inaugurou o marcador mentres que Mauro puxo contra as cordas aos nosos co tanto do empate, definitivo, e a oportunidade de facer incluso un segundo gol para os locais.
Pola súa parte, o Noia arrincou un punto da visita do Barbadás a San Lázaro. Un encontro na zona máis baixa da clasificación, entre o último e o penúltimo clasificados, que se pechou con empate a dous goles. Titi adiantou aos ourensáns e Manuel empatou para os noieses antes do tempo de lecer. No segundo tempo adiantouse de novo o Barbadás e Hugo, a vinte minutos para o final, asinou o 2-2 definitivo que permite ao Noia deixar o derradeiro posto da táboa, que agora ocupa o Negreira.

Undécimo.
Nas últimas tempadas, o Compos estaba a sumar gran parte dos seus puntos na casa. Un equipo incapaz de gañar a domicilio e que neste curso está a colleitar mellores resultados ca na casa. De feito, o segundo clasificado é o undécimo que máis puntos fixo na casa (10) igualado con Somozas e Boiro e cuns números que só empeoran os sete últimos clasificados. 
Tres vitorias ante Silva, Laracha e Cultural Areas, un empate contra o Arousa e derrotas contra Barco e Boiro. Un equipo que puntuou o pasado domingo logo dunha derrota. De feito, non se gaña en San Lázaro dende o 8 de outubro, contra o Cultural Areas. 
En canto a goles, a cousa mellora. O equipo máis goleador da categoría, con 27 goles, fixo 11 na casa mentres que recibiu un total de 9. 

Moitas dúbidas.
Ata tres xogadores remataron o partido no Campo do Morrazo con molestias. Róber, que nin sequera puido saltar ao terreo de xogo, Alberto e Primo volveron a Santiago tocados e serán dúbida para un partido no que poderán estar de novo Cardeñosa e Rubén, os dous ausentes contra o Alondras por sanción. Ademais, Primo e Álvaro Casas chegan apercibidos de sanción polo que se perderían a cita contra o Ourense no Couto. 
Por parte do equipo noiés, Juan será baixa logo de ver un cartón vermello directo contra o Barbadás.

Horario habitual. 
Despois da xornada de mércores, San Lázaro abrirá as súas portas o domingo para acoller un partido que dará comezo ás 17 horas. Un partido importante e no que, unha semana máis, podería haber un ascenso de seareiros nas bancadas. 
Para os non aboados que queiran asistir, os prezos das entradas son de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 euros para rapaces entre 17 e 13 anos e de balde para menores de 12 anos. Quen, por contra, non poida estar no 'teatro dos soños branquiazul' poderá seguir o partido nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así coma no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá escoitarse en directo en 'Esedé Radio', na web oficial do Compos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario