Ante a falta de tempo para publicar unha entrada diaria, chega unha nova sección ao blog para tratar a loita por entrar na promoción de ascenso á Segunda división B, obxectivo principal deste equipo e que semella estar cada semana máis preto.
Logo de 15 xornadas de campionato, o Compos ocupa o segundo posto da clasificación. O equipo de Yago Iglesias, que empatou na última xornada ante o Ourense no Couto, perdeu a primeira posición da táboa pola que, a día de hoxe, pelexan ata tres equipos cun punto de diferenza entre o líder, o Bergantiños, e o terceiro, un Silva que está a pasar por un mal momento logo de tres xornadas sen coñecer a vitoria. Ademais, sete equipos máis loitarán a vindeira fin de semana por facerse co cuarto posto cunha diferenza entre o Boiro, que se colou nos postos de promoción de ascenso grazas á vitoria a domicilio contra o Vilalonga, e o Arenteiro, décimo. Entre eles, equipos importantes coma Alondras, Racing Vilalbés, Somozas ou Barco, chamados a pechar o curso nos postos altos da clasificación.
Tres para un.
A día de hoxe, tres equipos loitan por facer co primeiro posto da clasificación, que dá acceso á promoción pola vía de campións e, de cara á seguinte tempada, un posto na primeira rolda da Copa do Rei. Unha primeira posición á que aspirarán a vindeira xornada os tres últimos líderes da categoría.
O Bergantiños fíxose por primeira vez no curso co primeiro posto logo de aproveitar os empates de Compos e Silva e golear ao Céltiga nas Eiroas encadeando así tres vitorias consecutivas e confirmándose coma o equipo máis anotador da categoría, superando tamén aos nosos nese sentido.
Cae un posto o Compos logo do empate no Couto. O equipo de Yago Iglesias pasou unha semana no máis alto despois de aproveitar dúas derrotas consecutivas dun Silva que non gañou en todo o mes de novembro. A iso hai que engadir os tres puntos conseguidos na casa contra o Noia e que só serviron para interromper unha xeira de empates, que se mantivo tamén nesta última fin de semana sumando de un por terceira vez en catro xornadas.
Pola súa parte, o máis salientable é o mal momento polo que semella estar a pasar o Silva. O equipo coruñés non só perdeu a pasada fin de semana o primeiro posto da clasificación despois de dúas derrotas consecutivas senón que, ademais, o empate sen goles ante o Ribadumia na Grela deixa ao equipo coruñés terceiro empatado a puntos coa Esedé e a un punto do Bergantiños.
Moito en xogo.
Tres puntos separan a Silva de Boiro e Choco, cuarto e quinto respectivamente. Os dous conxuntos abren, ademais, outra loita importante polo cuarto posto da clasificación que tamén dá dereito a desputar a promoción de ascenso á categoría de bronce. Boiro, Choco, Alondras, Racing Vilalbés, Somozas, Barco e Arenteiro, equipo revelación, teñen moitas opcións de, a vindeira fin de semana, facerse coa cuarta praza.
O Boiro, que non comezou con bo pé a tempada, suma xa cinco xornadas sen coñecer a derrota con catro vitorias consecutivas. De menos a máis, os de Barraña encaixaron ademais só un gol nos cinco últimos partidos facéndose coa cuarta posición, ao fin entre os postos de promoción de ascenso.
Outro que está a pasar por un gran momento é o Choco. Logo dun arrinque con só unha vitoria en sete xornadas, agora suman un total de sete vitorias e un empate nos últimos oito encontros. Un equipo forte e que buscará ata o final xogar a súa terceira promoción en catro anos.
Cun punto menos atopamos a un Alondras que acumula cinco xornadas sen coñecer a derrota. Un equipo que vai de menos a máis e que chega a esta xornada sendo un dos equipos que menos derrotas asinou ata o momento, con 3 ante Ribadumia, Silva e Racing Vilalbés nun mal mes do conxunto cangués.
Tamén con 26 puntos, o Racing Vilalbés conseguiu 16 dos últimos 18 puntos en xogo achegándose aos postos de promoción de ascenso. De feito, contra o Arenteiro pecharon unha xeira de cinco vitorias consecutivas. Un equipo forte, con grandes xogadores e que saltarán ao terreo de xogo cun punto de diferenza co cuarto clasificado. Trátase, ademais, dun dos poucos equipos capaz de superar ao Compos cunha goleada importante na Magdalena.
E rematamos co terceiro equipo empatado a puntos, 26. O único descendido da Segunda B e un dos favoritos da categoría, o Somozas, está a ter unha tempada un tanto irregular conseguindo, como máximo, un total de tres vitorias consecutivas, xeira que rematou a pasada fin de semana coa derrota en Cangas contra o Alondras.
Para finalizar a lista, dous equipos con 25 puntos, a dous da promoción. O Barco, que puxo en serios problemas a varios equipos dende os postos altos da táboa e un dos poucos capaces de facerse cos tres puntos en San Lázaro, está a pasar por un mal mes despois de sumar só un punto de doce posibles.
Pola súa parte, pecha a lista o Arenteiro. O equipo revelación da categoría está actualmente na zona media da táboa pero aínda con opcións de rematar a vindeira xornada entre os catro primeiros, aínda que para iso precisará de moita sorte chegada de moitos outros campos. Tres xornadas sen perder e moito perigo e regularidade avalan a un equipo que está a colleitar unha moi boa campaña cumprindo o obxectivo da permanencia.
Loita entre salvación e privilexios.
O primeiro posto terá como protagonistas a equipos da zona media baixa da clasificación. Negreira, Laracha e Ribadumia buscarán poñer as cousas complicadas aos tres equipos que, dende este sábado, buscarán recuperar ou manter o posto máis alto da táboa.
O Compos recibirá en San Lázaro ao Negreira no que para moitos está considerado case coma un derbi. O equipo negreirés, antepenúltimo a cinco puntos dos postos de salvación, chega coa obriga de puntuar a domicilio por primeira vez no que vai de tempada contra un Compos que na casa non está a colleitar os resultados que se esperaban. Un partido marcado para a tarde do sábado.
Dende a zona tranquila recibirá o Ribadumia ao novo líder da categoría, o Bergantiños, que deberá sumar de tres para manter a súa posición privilexiada. Na Senra, un equipo forte na casa e un non tanto a domicilio medirán as súas forzas con Compos e Silva sen perder ollo, cos nosos xogando un día antes. Partido ás 17 horas do domingo.
E menos tranquilo recibirá o Laracha a un Silva que semella non estar a pasar polo seu mellor momento. Os de Bergantiños buscarán tres puntos moi importantes para poñer un pouco máis de terra entre eles e o descenso, tentando achegarse ao obxectivo da salvación.
Entre eles está o cuarto.
O cuarto posto ten moitos nomes posibles. Ata un total de 7 equipos pelexan por esa praza que semella ser a única posible que deixan os grandes do grupo. E, entre eles, catro enfrontamentos con seis rivais enfrontándose uns cos outros.
O sétimo, o Racing Vilalbés, e o quinto, o Choco, abrirán a xornada de domingo cun encontro importante para ámbolos dous conxuntos que buscarán, un ano máis, entrar entre os catro primeiros. Dous equipos de menos a máis e que chegan con xeiras moi semellantes coa intención de aproveitar un erro do Boiro.
O equipo de Barraña, que depende de si mesmo para rematar no alto, recibirá en Boiro ao Arenteiro, equipo revelación do campionato e que buscará dar a sorpresa no Barbanza permitindo non só un troco no cuarto posto senón que, ademais, superarían na táboa ao seu rival.
Outros dous separados por un punto de diferenza, Alondras e Barco, buscarán seguir nesa pelexa pola cuarta posición. Un partido emocionante entre o sexto e o noveno clasificados que medirán as súas forzas en Calabagueiros a tarde do domingo.
E rematamos co equipo que, en principio, semella ter un enfrontamento máis doado esta xornada. O Somozas recibirá no Alcalde Manuel Candocia ao Noia, penúltimo clasificado. Encontro no que o conxunto da Ferrolterra podería aproveitar os demais resultados para seguir mellorando na clasificación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario