O Compos non puido volver de novo cos tres puntos do Campo do Morrazo logo dun partido con moitas interrupcións, moitas lesións e emoción ata o final. Dous goles, un por equipo, para repartir os puntos e recortar un punto ao Silva, que perdeu en Redondela.
Un partido, o xogado en Cangas, que comezou con mal pé para os nosos pero que mellorou logo do asubío do colexiado. Un gol de Mon puido ser suficiente para sumar os tres puntos mais Mauro, autor dos dous goles cangueses no partido no Morrazo o curso pasado, igualou o marcador a menos de dez minutos para o final. A parte diso, Róber, Alberto e Primo volven á casa mancados, co primeiro sen sequera poder saltar ao terreo de xogo logo de sentir molestias no quencemento previo.
Perigo sen balón.
Logo duns minutos sen un dominador claro, o Alondras fíxose coa posesión do esférico. Mais, por sorte, os dous equipos semellaron saír sen ideas claras ao terreo de xogo e iso aproveitouno un Compos que obtivo ocasións de perigo, máis ou menos claras, sen moito esforzo superando a unha defensa feble. Non obstante, as contras branquiazuis non eran o suficientemente claras para superar a Hortal, ex porteiro da Esedé.
Case media hora tardou en chegar o primeiro tanto do encontro, o gol branquiazul. Falta perigosa preto da portería local e posición perfecta para Mon. O capitán do Compos sacou de novo a luva que ten no pé e puxo a pelota na escadra da portería de Hortal, imposible para que puidera chegar o gardamallas madrileño.
Ata o tempo de lecer, o Compos tivo algunha oportunidade máis para aumentar diferenzas mais a sorte non estivo do lado visitante.
Segundo tempo con moitas interrupcións.
Logo do paso por vestiarios, o partido entrou nunha mala dinámica. Os trocos, as faltas e, sobre todo, as lesións marcaron un segundo tempo onde Alberto e Primo tiveron que deixar o campo mancados, no caso do dianteiro con moito tempo sendo atendido polos servizos médicos branquiazuis nun fondo do campo.
Ocasións escasas, unha por equipo, e moita tensión e nervios nun Compos que non era quen de anotar o segundo co que encamiñar unha nova vitoria a domicilio. Pero quen perdoa acaba pagándoo caro e de novo foi o que lle pasou a un equipo que encaixou o tanto do empate a menos de dez minutos para o final. Un gol de Mauro logo de recibir só na área e materializar a única ocasión do Alondras cun bo disparo.
Agora, logo de dous empates en dous partidos, hai que preparar o partido do vindeiro domingo na casa contra o Noia, penúltimo clasificado.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Uña, Casas, Naveira; Ube (Samu, min. 79), Mon; Alberto (Santi, min. 59), Tomás, Sobrido; e Primo (Diego Rey, min. 64).
CARTÓNS: Amarelos para Alberto, Uña, Tomás e Samu.
GOLES: 0-1 29' Mon, 1-1 81' Mauro.
CAMPO: Campo do Morrazo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario